ABANCA compra EuroBic e consolida o seu posicionamento en Portugal
- ABANCA triplica a súa presenza en Portugal e convértese nun dos principais bancos do país, con preto de 18.500 millóns de euros de negocio, 249 puntos de venda e máis de 300.000 clientes
- A operación potencia o desenvolvemento do negocio de empresas, produtos de investimento/aforro e medios de pago
- Os clientes de EuroBic beneficiaranse dunha rede comercial máis ampla e de novos produtos e servizos, así como do dinamismo e a forte capacidade tecnolóxica de ABANCA
- EuroBic é unha entidade rendible, sólida e solvente, cun ROTE do 15%, un cociente de capital CET1 do 15,5% e un LTD do 82%
- O acordo está condicionado á autorización das autoridades competentes
Descarga los contenidos anexos
ABANCA acordou a compra do 100% do capital de EuroBic cos accionistas da entidade portuguesa. O acordo de compra, alcanzado tras a finalización da due diligence correspondente, está suxeito, como sucede neste tipo de operacións, á autorización das autoridades competentes. O Banco de Portugal veu acompañando a operación e foi informado en detalle dos seus termos.
Con esta operación, a entidade galega potencia significativamente a súa presenza en Portugal e converterase nun dos principais bancos do país. ABANCA multiplicará por catro o seu número de clientes, por tres o seu volume de negocio e por tres e medio os seus puntos de venda no país.
En 2018, ABANCA adquiriu a rede de oficinas de Deutsche Bank Portugal, o que lle permitiu alcanzar os 70 puntos de venda e un volume de negocio de case 7.000 millóns de euros. Cun equipo de 500 profesionais especializados en familias e empresas, e na distribución de fondos de investimento, ABANCA Portugal rexistrou entre xaneiro e setembro de 2023 un incremento do 76% en altas de clientes respecto ao mesmo período do ano anterior.
“No marco da nosa estratexia de posicionamento como entidade de vocación ibérica, Portugal foi sempre unha prioridade para ABANCA. É unha das economías máis dinámicas da eurozona e un mercado natural para nós pola súa intensa interrelación económica e cultural con España, e en especial coas áreas xeográficas de liderado de ABANCA”, sinala Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA.
“A operación permítenos optimizar a presenza de ABANCA en Portugal e proporciónanos unha elevada complementariedade en liñas estratéxicas. Supoñerá claras sinerxias de ingresos, un maior desenvolvemento en banca universal, potencial de crecemento en fóra de balance e seguros, e un forte posicionamento en medios de pago, en particular na actividade de adquirencia”, explica Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA.
A operación supoñerá un 9,5% do total dos activos de ABANCA, un 10,1% dos seus préstamos, un 10,5% dos seus depósitos e un 15,1% na súa marxe básica.
O peche da operación está previsto que se realice en xuño de 2024. Posteriormente abordarase a integración tecnolóxica na plataforma de ABANCA, de maneira que os novos clientes poidan beneficiarse de toda a potencia tecnolóxica do grupo en aspectos como as aplicacións móbiles.
Entidade rendible e solvente
EuroBic é unha entidade cun perfil financeiro moi sólido. A peche do primeiro semestre de 2023, presenta un ROTE do 15%, un cociente CET1 do 15,5%, unha taxa de mora do 4,0% (cobertura 83%) e un cociente LTD do 82%.
A entidade xestiona un volume de negocio de 11.658 millóns de euros, cun volume de crédito de 5.167 millóns de euros e uns depósitos de 6.280 millóns de euros. Conta con 179 puntos de venda e 1.400 profesionais con forte arraigamento en todo Portugal, que xestionan unha base de 240.000 clientes (190.000 particulares e 50.000 empresas).
Un dos principais bancos ibéricos
ABANCA é un dos principais bancos ibéricos e a entidade financeira líder no noroeste de España. Coa incorporación de TARGOBANK, ABANCA conta con 779 oficinas en 11 países de Europa e América, máis de 6.500 empregados e un volume de negocio de 112.754 millóns de euros (46.067 millóns en préstamos, 53.285 millóns en depósitos de clientes e 13.402 millóns en fóra de balance).
A entidade pechou o terceiro trimestre de 2023 cun beneficio neto de 428,6 millóns de euros e unha rendibilidade (ROTE) do 13%, mentres que a taxa de mora e a súa cobertura sitúanse no 2,3% e o 75,3%, respectivamente.
A entidade conta cunha dilatada experiencia na realización exitosa de operacións corporativas, o que permite asegurar unha xestión óptima da adquisición de EuroBic.