ABANCA crea unha unidade especializada de crédito ao consumo para financiar 400 millóns de euros na súa primeira fase
- ABANCA Consumer Finance complementará o labor que desenvolve a rede comercial da entidade na concesión de financiamento a particulares
ABANCA continúa a súa transformación comercial, enmarcada dentro do seu plan estratéxico, co desenvolvemento de capacidades comerciais nos negocios máis rendibles no actual contexto de tipos e de mercado. Nesta ocasión reforzará o seu posicionamento no mercado do crédito ao consumo mediante a creación dunha unidade especializada denominada ABANCA Consumer Finance, que de maneira inmediata encargarase do desenvolvemento desta liña de negocio para poder competir cos EFCs (establecementos financeiros de crédito) especialistas en financiamento ao consumo. Esta nova unidade de negocio prevé conceder financiamento por importe de 400 millóns de euros durante a súa primeira fase de desenvolvemento.
A nova unidade ABANCA Consumer Finance complementará o labor que desenvolve a rede comercial da entidade na concesión de financiamento ao consumo aos seus clientes particulares. Para iso operará en dúas frontes comerciais diferenciadas: o desenvolvemento das súas canles prescriptoras (concesionarios,retailers, etc.) e o financiamento directo a clientes mediante distintas modalidades de tarxeta/préstamo.
A través de ABANCA Consumer Finance o banco con sede en Galicia lanzará ao mercado novos produtos de financiamento que se caracterizarán, seguindo o seu modelo habitual, pola súa competitividade, innovación, sinxeleza e comodidade para o cliente.
A creación da nova unidade implica a formación dun novo equipo dentro do banco que se encargará da súa xestión. A unidade estará liderada por Salvador Loscertales, executivo con 25 anos de experiencia nos segmentos do financiamento ao consumo e corporativo, recentemente incorporado á entidade.
Oferta para particulares e comercios
ABANCA dispón dunha ampla oferta de produtos e servizos para o financiamento ao consumo que serán a base da nova unidade especializada ABANCA Consumer Finance.
Nela destacan o Préstamo 24 Horas e a súa variante para a adquisición de vehículos novos ou usados para uso particular, caracterizados pola rapidez da súa tramitación, o servizo de financiamento en punto de venda Aprazos, que permite aos comercios posibilitar o financiamento das compras dos seus clientes no propio establecemento, de forma sinxela e sen asumir ningún risco, ou a nova utilidade de banca electrónica APPrázame, que permite aprazar compras xa realizadas cos tarxetas de crédito Visa ou MasterCard de ABANCA, seleccionando que operacións se queren aprazar e a que prazo, e confirmando o financiamento en segundos.