ABANCA crece en cota de mercado de crédito e fortalece a súa posición de liderado en Galicia
- O banco acumula dous anos de ganancia continuada de cota de crédito na comunidade e crece en todas as comunidades autónomas nas que opera en España
- Dous terzos do financiamento concedido destínanse ao tecido produtivo galego
- É a entidade financeira con maior crecemento en crédito en España ata marzo
A aposta de ABANCA polo financiamento ao tecido produtivo galego levoulle a elevar cota de mercado de crédito no primeiro trimestre do ano. Segundo os datos de peche dos tres primeiros meses de 2017 publicados onte polo Banco de España, ABANCA mellorou o seu posicionamento nas catro provincias galegas, cun crecemento da cota de mercado de crédito de 31 puntos básicos desde o peche de 2016 no conxunto de Galicia.
ABANCA incrementou no trimestre o seu saldo de crédito en Galicia en 62 millóns de euros, mentres que o resto das entidades que operan nesta comunidade reduciron o volume en 292 millóns de euros.
Con este avance, ABANCA encadea dous anos consecutivos de ganancia de cota de mercado de crédito en Galicia. Esta evolución reafirma o liderado claro da entidade no mercado financeiro galego, onde xestiona practicamente catro de cada dez euros do seu volume de negocio. Esta cota en termos de negocio sitúase moi por encima da que a entidade ten en canto a rede de oficinas, na que tamén é líder cun 33% do mercado. A entidade conta na comunidade galega con 1,8 millóns de clientes e máis de 500 oficinas.
O 65% do crédito concedido pola entidade neste territorio destínase a pemes, micropemes, empresas e autónomos. ABANCA é a entidade de referencia para o tecido produtivo galego, ao financiar a dous de cada tres empresas e pemes da comunidade e dar servizos financeiros de comercio exterior ao 56% das empresas galegas con actividade exportadora.
Na comparativa sectorial a nivel estatal, ABANCA foi a entidade financeira que máis creceu en saldo de crédito e unha das dúas únicas que rexistrou unha variación positiva neste epígrafe ao peche do primeiro trimestre do ano. O banco aumentou o seu volume de crédito a clientes un 2,5% con respecto ao trimestre anterior, ata situarse en 26.283 millóns de euros, mentres que o conxunto do sector decreceu un 0,5% no mesmo período. A concesión de novo crédito experimentou un forte crecemento respecto ao primeiro trimestre de 2016 alcanzando o 36% no negocio con autónomos e pemes.
O dinamismo de ABANCA na concesión de financiamento permitiu á entidade incrementar cota de mercado de crédito en todas as comunidades autónomas nas que opera en España.
Especialización
A especialización por segmentos foi clave no impulso que ABANCA deu á concesión de financiamento. A entidade conta con unidades de negocio específicas para atender aos segmentos de empresas e pemes, micropemes, comercios e autónomos e aos sectores agro-gandeiro, marítimo e pesqueiro. Ademais, ABANCA é a única entidade con servizos especializados para empresas situadas en Galicia (departamento de mercados con mesa de negociación propia, comercio exterior, factoring, confirming, leasing, etc.).
Con este avance en cota de mercado, ABANCA reafirma o seu compromiso co desenvolvemento socioeconómico de Galicia, o seu principal ámbito de actuación, e coa concesión de financiamento a familias e ao tecido empresarial.