ABANCA e a Cámara de Comercio de Tui recadan fondos a favor do Banco de Alimentos de Vigo
- Calquera persoa poderá participar nesta causa solidaria facendo un donativo en ABANCA que se trocará por cestas de comida no perecedoira
ABANCA e a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Tui uníronse para lanzar unha nova acción solidaria a favor da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo. Trátase dunha campaña de recadación de fondos en 10 oficinas da entidade financeira no sur de Pontevedra que se transformarán, despois, en carros da compra cheos de comida.
Baixo o lema ‘Únete ao proxecto solidario’, entre o 20 e o 24 de xullo, os clientes de ABANCA poderán realizar donativos de 10, 20 e 25 euros que se converterán en cestas solidarias con diferentes produtos non perecedoiros. A primeira versión ofrece unha cesta con produtos básicos que inclúe aceite, leite, arroz, conservas e pasta. A segunda alternativa solidaria incrementará as cantidades doadas e engadirá botes de tomate e legumes. Por último, tamén se ofrecerá unha cesta infantil con produtos especialmente dirixidos aos máis pequenos, como leite infantil, papas de cereais, purés e galletas.
Todos aqueles interesados en realizar a súa contribución poderanse dirixir ás sucursais emprazadas nos municipios de Tui, Porriño, Salceda, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia. Porén, calquera persoa poderá realizar un ingreso na conta que o Banco de Alimentos ten aberta en ABANCA (ES47 2080 5066 7930 4002 9059). Os fondos recadados nesta campaña trocaranse por carros da compra que se entregarán públicamente á ONG.
Banco de Alimentos de Vigo
O Banco de Alimentos de Vigo, creado en 1995, axuda na actualidade a unhas 150 entidades, asociacións e ONGs da provincia, incluída a colaboración directa con SOS Baixo Miño, a través das que reparte comida a unhas 21.000 persoas. Dende a súa nave, emprazada en San Pedro de Sárdoma, saen mensualmente uns 70.000 quilos de alimentos. Durante 2014, a ONG distribuíu máis de 1,3 millóns de quilos de comida. No 2012 a Federación Española de Bancos de Alimentos foi recoñecida co Premio Príncipe de Asturias da Concordia, polo seu decisivo e solidario traballo.