ABANCA e a Mutualidad de Procuradores acordan opcións de financiamento
- A institución de previsión social deste colectivo e a entidade galega traballan xuntas nunha oferta financeira vantaxosa para os profesionais e os seus familiares
- Os mutualistas accederán ao servizo ABANCA Persoal, que permite contar coa atención continuada e persoal, así como unha análise fiscal e un asesoramento financeiro adaptados
ABANCA e a Mutualidad de Procuradores acaban de firmar un acordo de colaboración en materia financeira, co obxectivo de mellorar o acceso ao crédito dos profesionais e as súas familias.
O director xeral de Negocio España de ABANCA, Luis Beraza, e o presidente da Mutualidad de Procuradores, Francisco de Bethencourt, rubricaron hoxe en Madrid un acordo de colaboración que establece condicións especiais na contratación de produtos e servizos da entidade, con importantes vantaxes con respecto ao mercado.
O convenio recolle unha ampla oferta de produtos deseñados para mellorar a competitividade deste colectivo de profesionais, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios para negocios, pólizas de crédito, leasing mobiliario ou avais. O protocolo tamén estipula que os membros da Mutualidad de Procuradores se poidan beneficiar das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que ABANCA mantén con diversos organismos públicos.
Do mesmo xeito, os mutualistas poderán beneficiarse de condicións financeiras vantaxosas para atender necesidades persoais ou das súas familias, a través de produtos como a Tarifa Plana de Seguros ou os fondos de investimento, entre outros. ABANCA tamén porá a disposición do colectivo o seu servizo de banca a distancia.
A entidade ofrecerá o servizo de ABANCA Persoal, pensado especificamente para dar cobertura ás necesidades persoais e familiares dos mutualistas grazas a unha unidade especializada dirixida a prestar un servizo de asesoramento e xestión integral dos clientes. Os mutualistas poderán dispor dun equipo de expertos e un asesor persoal coñecedor dos mercados financeiros, de produtos e da súa fiscalidade e cunha ampla experiencia na xestión de patrimonios. Ademais, accederán a un catálogo de produtos propio adaptado ás súas peticións de rendibilidade e risco.
Por outro lado, os mutualistas e as súas familias poderán beneficiarse do programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e as súas tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou servizos habituais. Ademais, o documento firmado pon a disposición dos profesionais adheridos a esta mutualidade tarifas personalizadas na alta e mantemento dos dispositivos Terminal Punto de Venda.