ABANCA e Afundación inician a súa campaña de Nadal de recollida de xoguetes
- As entidades contan con tres locais na Coruña, Vigo e Ourense para recoller as doazóns que estarán abertos até o 23 de decembro
- Cáritas e Aldeas Infantiles encargaranse da distribución dos xoguetes entre as familias que máis o necesiten destas tres cidades
- O banco e Afundación adquirirán varios lotes de agasallos adicionais para entregar a organizacións sociais de Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, León, Ponferrada e Oviedo
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, puxeron en marcha este luns a campaña solidaria de recollida de xoguetes que realizan todos os anos nas semanas previas á celebración das festas de Nadal.
O obxectivo desta iniciativa é reunir o maior número de xoguetes posible para repartir entre as familias máis desfavorecidas, e contribuír así a que todos os nenos e nenas poidan ter un agasallo nestas datas tan sinaladas. A distribución dos xoguetes realizarase en colaboración con Cáritas na Coruña e Ourense, e con Aldeas Infantiles en Vigo.
Con este fin, o banco e Afundación habilitaron locais físicos nestas tres cidades para recoller as doazóns que realicen os seus empregados, os seus clientes ou calquera outro cidadán que queira colaborar con esta acción. Todos os xoguetes deben ser novos e estar empaquetados.
O local da Coruña está situado na rúa Juana de Vega, 35, esquina Praza de Pontevedra, e o de Vigo na rúa Policarpo Sanz, 36-38. Ambos os dous espazos permanecerán abertos ao público desde hoxe até o 23 de decembro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Durante a duración da campaña, os locais estarán atendidos por voluntarios de ABANCA, Afundación e as entidades sociais beneficiarias
No caso de Ourense, a recollida de xoguetes e libros realizarase na primeira planta das instalacións do Espazo +60, situado na rúa do Paseo, 6, de luns a venres, de 9.20 a 13.20 horas e de 16.20 a 20.00 horas.
Acción en Galicia, Asturias e León
Para poder chegar con esta campaña a outras localidades nas que non dispoñen dun local físico para a recollida de doazóns, ABANCA e Afundación adquirirán varios lotes de xoguetes adicionais que se repartirán entre familias vulnerables de Ferrol, Santiago, Lugo, Pontevedra, León, Ponferrada e Oviedo. A distribución nestas cidades realizarase en colaboración con Cáritas (Ferrol, Santiago e Pontevedra) e Cruz Vermella (Lugo, León, Ponferrada e Oviedo).
Conta solidaria
Para todo aquel que desexe sumarse á iniciativa solidaria ‘A ilusión crece cando se comparte’ e non poida achegarse aos locais da Coruña e Vigo, o banco e a súa Obra Social dispoñen dun número de conta para realizar doazóns: ES80 2080 7208 3385 3000 7122. Todo o diñeiro recadado irá destinado tamén a comprar xoguetes que se entregarán ás organizacións colaboradoras.