ABANCA e Afundación inician unha campaña solidaria do Nadal de recollida de xoguetes para as familias de Ucraína
- O banco e a súa Obra Social abrirán a partir do venres 9 de decembro dous locais na Coruña e Vigo para recoller as doazóns
- Calquera persoa poderá realizar a súa achega a esta iniciativa a través da web dibujarsonrisas.abanca.com ata o 5 de xaneiro
- ABANCA e Afundación contan coa colaboración de AGA-Ucraína para realizar o envío e a distribución entre as familias ucraínas
ABANCA e Afundación acaban de pór en marcha unha nova edición da súa tradicional campaña solidaria do Nadal, que este ano terá como fin reunir xoguetes para enviar a Ucraína. O obxectivo é que as familias afectadas polo conflito bélico, especialmente os máis pequenos, poidan manter algunha das tradicións do Nadal máis arraigadas a pesar da terrible situación que están a vivir.
Todos os xoguetes reunidos a través da campaña doaranse á asociación AGA-Ucraína, que será quen se encargue de realizar a distribución entre as familias de Ucraína en colaboración coas organizacións que traballan sobre o terreo.
O camión cos agasallos partirá o día 23 de decembro e nel tamén se enviarán produtos de primeira necesidade para a poboación, como mantas, roupa de abrigo ou alimentos procedentes das doazóns realizadas nas últimas semanas a AGA-Ucraína e almacenadas na nave do Polígono de Pocomaco cedida por ABANCA á asociación.
Recollida de xoguetes na Coruña e Vigo
As persoas interesadas en colaborar con esta campaña solidaria poderán facelo de dúas maneiras. Por unha banda, o banco e a súa Obra Social habilitaron dous locais físicos na Coruña e Vigo para recoller as doazóns que realicen os seus empregados, os seus clientes ou calquera outro cidadán que queira colaborar con esta acción. Todos os xoguetes deben ser novos e estar empaquetados.
O local da Coruña está situado na rúa Juana de Vega, 35, esquina Praza de Pontevedra, e o de Vigo na rúa Policarpo Sanz, 17. Ambos os dous espazos permanecerán abertos ao público desde o venres 9 de decembro ata o xoves 22 de decembro, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
Durante a duración da campaña, os locais estarán atendidos por persoas voluntarias de ABANCA, Afundación e AGA-Ucraína, a entidade beneficiaria da iniciativa.
Doazóns online
As personas que non poidan achegarse a estes espazos físicos pero desexen realizar unha achega, poderán realizar unha doazón económica a través da web dibujarsonrisas.abanca.com. Esta canle estará aberta desde o 5 de decembro ata o 5 de xaneiro.
Neste caso, os fondos recadados ata o 22 de decembro destinaranse á compra de lotes de xoguetes que se sumarán aos obtidos a través das doazóns nos locais. O resto do diñeiro entregarase a Cruz Vermella e Save the Children, para o desenvolvemento dos proxectos que teñen en marcha en Ucraína e os países limítrofes co fin de atender as necesidades da poboación civil que segue no país e das persoas refuxiadas.
Tamén é posible realizar donativos mediante transferencia á conta solidaria habilitada por ABANCA ES80 2080 7208 3385 3000 7122.
Apoio a Ucraína
ABANCA e Afundación colaboran con AGA-Ucraína desde o inicio da guerra. O banco facilitou á organización unha nave na Coruña para o seu uso como sede operativa e almacén de axuda humanitaria e financiou o transporte de catro camións con 92 toneladas de produtos de primeira necesidade. Ademais, a súa Obra Social organizou campamentos de verán infantís e xuvenís nas súas instalacións e concertos benéficos, entre outras accións.
ABANCA e Afundación tamén manteñen aberta unha conta solidaria para recadar fondos destinados aos proxectos nos que traballan Cruz Vermella e Save the Children para paliar as consecuencias da crise humanitaria, con especial atención á infancia.