ABANCA e ARVI renovan a súa colaboración para unha nova edición do ‘Vigo SeaFest’
- O festival celebrarase en Vigo do 11 ao 14 de xullo cun amplo programa gastronómico, musical e deportivo
- ABANCA apoia desde os seus inicios este evento de promoción de produtos do mar e pesca sostible
ABANCA e a Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo (ARVI) acaban de asinar un novo acordo de colaboración conxunta para o desenvolvemento da quinta edición do ‘Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest’, que se celebrará na cidade olívica do 11 ao 14 de xullo e que conta co patrocinio da entidade financeira desde os seus inicios.
O director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez, e o presidente de ARVI, Javier Touza, consolidaron esta mañá na sede do banco en Vigo o compromiso de ambas as entidades para o impulso dunha nova edición deste importante evento festivo de promoción de produtos do mar, que combina gastronomía, música, deportes, talleres familiares e mesas redondas sectoriais. O acto contou tamén coa participación de Javier Fraga, director de ABANCA Mar, a unidade de negocio de ABANCA especializada na cadea de valor do mar.
Esta nova alianza reforza o compromiso de ABANCA e ARVI co sector da pesca e a economía azul, e coa valorización da proteína mariña como fonte de alimentación saudable, segura e sostible. Ademais, o acordo constitúe un paso máis no histórico traballo conxunto de ambas as entidades nos ámbitos financeiro e de impulso dun desenvolvemento económico respectuoso co medioambiente, reflectido nun convenio anual. Este marco de colaboración permite aos armadores de Vigo asociados acceder a condicións vantaxosas e a alternativas de crédito flexibles e adaptadas ás súas necesidades particulares, con especial atención ao financiamento de investimentos en eficiencia enerxética, biodiversidade e mellora do impacto climático da frota pesqueira.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, ‘Vigo SeaFest 2024’, de acceso gratuíto, exaltará o consumo de peixe coa colaboración de varios chefs galegos, que ofrecerán cociña de autor e actividades de showcooking con produtos do mar doados por empresas armadoras asociadas a ARVI. O festival celebrarase na zona dos Xardíns de Elduayen e Náutico de Vigo onde, ademais da gastronomía, o público poderá gozar durante as catro xornadas de actuacións musicais a cargo de destacados grupos, así como de talleres familiares, actividades infantís e deportivas. En www.vigoseafest.com pode consultarse o programa completo do evento.