ABANCA e o Círculo de Empresarios únense a prol do desenvolvemento da Eurorrexión
ABANCA e o Círculo de Empresarios de Galicia traballarán de maneira conxunta durante 2015 para impulsar o desenvolvemento socioeconómico da comunidade autónoma e o norte de Portugal. As dúas entidades subscribiron un acordo de colaboración co obxectivo de promover, a través de distintas accións, a creación de novos proxectos empresariais e a mellora da competitividade no noroeste peninsular.
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas Ratera, e o presidente do Círculo de Empresarios, Javier Garrido Valenzuela, foron os encargados de rubricar o novo protocolo, que terá unha vixencia dun ano.
O acordo contempla, entre outras accións, o desenvolvemento de encontros temáticos sobre internacionalización, innovación, novas tecnoloxías, emprendemento e infraestruturas. Ademais, ambas entidades colaborarán na posta en marcha de distintos proxectos e eventos dirixidos a empresarios e emprendedores.
Francisco Botas resaltou que, con este novo acordo acadado co Círculo de Empresarios de Galicia, “ABANCA reforza a súa vontade de seguir apoiando o emprendemento e a consecución de investimentos que permitan o desenvolvemento da actividade empresarial, dúas pezas clave para a dinamización do tecido produtivo de Galicia e norte de Portugal”. O conselleiro delegado de ABANCA lembrou que o banco foi unha das primeiras entidades en crer nas potencialidades da Eurorrexión, e subliñou o “importante papel que desempeña este territorio transfronteirizo como polo de desenvolvemento sostible baseado na innovación, a internacionalización e as relacións sociais”.