ABANCA entrega a Cáritas máis de 4.300 xoguetes para as familias máis desfavorecidas
- A iniciativa forma parte da campaña solidaria ‘A ilusión crece cando se comparte’ que ABANCA puxo en marcha
- A entidade recolleu xoguetes do 12 ao 23 de decembro en dous locais que o banco habilitou en Vigo e A Coruña
- 95 empregados e empregadas de ABANCA estiveron como voluntarios atendendo os locais nos que se recolleron os xoguetes
ABANCA entregou hoxe a Cáritas os 4.386 xoguetes recollidos durante a campaña solidaria ‘A ilusión crece cando se comparte’que a entidade financeira galega puxo en marcha para axudar ás familias máis desfavorecidas durante este Nadal.
A directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA, Tatiana Suárez Cancelo, foi a encargada de entregar na Coruña a Paula Lobagueira e Rosa García Vilariño, representantes de Cáritas, os xoguetes recibidos. En Vigo, o director territorial de ABANCA, Jorge Martínez, e voluntarios de ABANCA deron ao director de Cáritas na cidade, Gonzalo Dávila, os xoguetes doados.
“Queremos dar as grazas a toda a sociedade galega porque se implicou en achegar o seu gran de area para que os nenos e nenas das familias máis desfavorecidas de Galicia non queden sen os seus xoguetes nestas datas. Estamos moi contentos e orgullosos porque conseguimos superar o conseguido outros anos”, destaca Tatiana Suárez Cancelo.
Os xoguetes foron doados polos empregados e empregadas da entidade galega e tamén por todas as persoas que se achegaron entre o 12 e 23 de decembro aos dous locais habilitados en Vigo e A Coruña. Ademais, ABANCA puxo a disposición de todas as persoas que quixesen colaborar un número de conta solidario para facer doazóns. O diñeiro recadado a través desta conta destinouse a comprar xoguetes.
Voluntariado corporativo ABANCA
Durante as dúas semanas que durou a campaña de recollida de xoguetes, os dous locais habilitados por ABANCA estiveron atendidos por empregados e empregadas da entidade financeira que participan no seu programa de Voluntariado Corporativo. En total, 95 voluntarios e voluntarias dedicaron o seu tempo libre a recoller e organizar todos os xoguetes recibidos. Ademais, voluntarios de Cáritas tamén estiveron a atender os locais e participando nas tarefas de recollida e organización dos xoguetes.