ABANCA impulsará o negocio con pemes co foco no crédito e o servizo multicanle
- A entidade prevé incrementos de dous díxitos no ano en financiamento de circulante e préstamos a longo prazo ao tecido empresarial
- Os negocios de medios de pago, seguros, fondos e plans de pensións mantéñense como estratéxicos para lograr un crecemento rendible
- O banco aumenta en 38 puntos a súa cota de mercado de crédito en Galicia
O crecemento do negocio con pemes e autónomos será un dos eixes prioritarios de ABANCA durante este ano. A entidade financeira galega marcouse como obxectivo estratéxico reforzar o seu posicionamento neste segmento de clientes a través, fundamentalmente, da concesión de crédito e dunha oferta de produtos e servizos máis dixital y omnicanle.
Os principais directivos do banco expuxeron hoxe as grandes liñas de actuación establecidas para 2016 nun encontro de traballo que reuniu en Santiago de Compostela a máis dun millar de empregados e empregadas da rede comercial e das áreas de apoio ao negocio da entidade. Na convención participaron o presidente de ABANCA, Javier Etcheverría de la Muela; o vicepresidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas, o resto de integrantes do comité de dirección e os membros do consello de administración. Tamén asistiron os directores de oficina e mandos intermedios do banco con sede en Galicia.
Durante a reunión, a dirección de ABANCA explicou que a entidade aspira a incrementar en porcentaxes de dous díxitos o financiamento ao tecido empresarial, especialmente a pemes, micropemes e autónomos. Con este fin, impulsarase a concesión de novo crédito tanto a través de operacións de circulante como de préstamos a medio e longo prazo destinados a facilitar o desenvolvemento de investimentos empresariais. O banco mellorará tamén a súa oferta a distintos sectores económicos e os produtos de alto valor para a empresa (comex, factoring, confirming, etc.), así como as canles alternativas á oficina, para facilitar a realización de transaccións financeiras.
“Este plan de impulso do crédito, unido ao liderado de ABANCA na zona noroeste, a capilaridade da nosa rede e a capacidade de toma de decisións no territorio, vannos permitir potenciar o noso papel como un dos principais axentes dinamizadores da economía da nosa contorna”, manifestou o conselleiro delegado do banco, Francisco Botas durante o acto.
Plan Estratéxico
Pola súa parte, o vicepresidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, destacou que ABANCA xa logrou alcanzar no primeiro ano do Plan Estratéxico da entidade algúns dos obxectivos de negocio establecidos para 2017. “Estamos avanzando a moi bo ritmo cara as nosas metas, especialmente en rendibilidade, solvencia, mellora da calidade do risco e crecemento do investimento”, sinalou.
No marco do Plan Estratéxico 2015-2017, ABANCA seguirá dando prioridade tamén durante este ano á mellora da eficiencia e os negocios de medios de pago, seguros, plans de pensións e fondos de investimento, como vías para mellorar as marxes e lograr unha rendibilidade axustada ao risco. A entidade potenciará especialmente a actividade de seguros e previsión social, co obxectivo de incrementar notablemente a súa cota de mercado. Unha das ferramentas para logralo é o recente lanzamento da Tarifa Plana de ABANCA Seguros, un produto diferencial e moi competitivo no mercado que permite aos clientes agrupar nunha soa conta todos os seguros da súa unidade familiar e repartir o importe global das primas nun único recibo mensual.
Novo aumento de cota de mercado
Durante este ano, o banco seguirá reforzando o seu liderado Galicia, onde segue gañando cota de mercado, cun crecemento de 38 puntos básicos en crédito e de 27 puntos en depósitos (datos ata setembro de 2015). O banco prevé incrementar a súa actividade e posicionamento na zona norte e nas principais cidades españolas, cun foco especial no negocio con pemes e empresas. Así mesmo, ABANCA ampliará a súa rede internacional con novas oficinas en América para mellorar o servizo que presta ás empresas nos seus procesos de internacionalización.
Ademais, a entidade galega avanzará no seu proxecto ‘ABANCA Digital’ coa ampliación da súa oferta de produtos e servizos con contratación e operativa a distancia (a través da súa páxina web, banca móbil e canal telefónico).