ABANCA lanza con Analistas Financieros Internacionales un servizo de asesoramento para acceder ás axudas Next Generation
- Esta nova fórmula de apoio ao cliente vai dirixida a empresas e pemes que queiran emprender proxectos de especial complexidade, envergadura ou requirimentos de investimento
- O banco reforza o seu plan para facilitar a chegada dos fondos europeos aos diferentes tipos de clientes, cubrindo todo o espectro de situacións e necesidades
ABANCA, en colaboración con Analistas Financieros Internacionales (Afi), puxo en marcha un novo servizo de asesoramento para axudar aos seus clientes a acceder ás axudas públicas do programa Next Generation para o impulso e a transformación da economía. Este servizo vai dirixido a empresas e pemes que queiran emprender proxectos de especial complexidade, envergadura ou requirimentos de investimento. O acordo foi asinado hoxe por Juan Luis Vargas-Zúñiga, director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de ABANCA, e César Cantalapiedra, socio director da área de Finanzas Públicas de Afi.
O acordo entre ABANCA e Afi ofrece aos clientes do banco acompañamento ao longo de todo o proceso de presentación de proxectos que reúnan as condicións para beneficiarse das axudas contempladas no programa Next Generation. Inclúense a elaboración da proposta técnica, a análise dos impactos cualitativos e cuantitativos do proxecto, e o modelo financeiro dos investimentos e principais partidas de gasto, entre outras cuestións.
“Este servizo é complementario con outros que lanzamos nas últimas semanas para facilitar aos nosos clientes o acceso aos fondos Next Generation. En conxunto ofrecemos un modelo de apoio integral para empresas, pemes e negocios que cobre as súas diferentes necesidades, desde a procura de axudas públicas á posta en marcha de proxectos de alta complexidade”, explica o director xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución de ABANCA, Juan Luis Vargas-Zúñiga.
"Aínda que existe a percepción de falta de permeabilidade dos fondos europeos no tecido empresarial, os próximos meses serán os máis determinantes do Plan de Recuperación, con numerosas convocatorias que deben servir para impulsar o investimento e a innovación nunha gran diversidade de sectores económicos. ABANCA e Afi, a través desta oficina técnica, colaborarán, non só na difusión das posibles oportunidades do Next Generation EU, senón tamén no acompañamento aos axentes económicos da súa contorna para estruturar e financiar proxectos elegibles con candidaturas gañadoras", explica César Cantalapiedra, socio director da área de Finanzas Públicas de Afi.
Coñecemento e financiamento
O servizo lanzado en colaboración con Afi forma parte dunha ampla batería de accións lanzadas por ABANCA desde comezos de 2021. Como última novidade antes do lanzamento deste novo servizo con Afi, os clientes do banco teñen á súa disposición un servizo de procura e xestión de axudas Next Generation para empresas, pemes e negocios, creado en colaboración con Minsait, consultora do grupo Indra.
Doutra banda, ABANCA conta cun amplo catálogo de produtos específicos para o financiamento de proxectos vinculados ás axudas Next Generation, composto por préstamos persoais a tipo fixo e variable, leasing mobiliario fixo e variable, anticipos de subvención e avais bancarios. Atendendo á súa finalidade, destacan as axudas para o financiamento de compra de vehículos ecolóxicos e instalación de puntos de recarga dentro do programa Moves III, e as axudas para instalación de fontes de enerxía renovables e almacenamento (fotovoltaicas, eólicas e térmicas) para autoconsumo.
Outras accións son a creación da unidade especializada Next Generation ABANCA, a participación na constitución de Impulsa Galicia para promover iniciativas empresariais, o mantemento de contactos con empresas, cámaras de comercio e confederacións de empresarios, e a celebración de xornadas e webinars informativos.