ABANCA mobiliza 60 millóns para contrarrestar os efectos das xeadas e a seca no campo leonés
- A entidade financeira convoca a un foro de traballo aos principais sindicatos agrarios, comunidades de regadores e asociacións de agricultores de León para abordar este dobre desafío
- O banco deseña unha oferta integral que responde ás demandas deste colectivo, con financiamentos áxiles, prazos amplos e outros elementos de flexibilidade
- ABANCA impulsará nas vindeiras semanas unhas xornadas informativas sobre as alternativas de aseguramento para agricultores e gandeiros
ABANCA crea unha liña específica de financiamento para facer fronte á situación de urxencia que vive o campo leonés tras as xeadas das últimas semanas e a perentoria seca que padece desde hai varios meses. A entidade financeira mobiliza inicialmente 60 millóns de euros para mitigar os efectos destes dous fenómenos, aínda que se poderá ampliar a cantidade segundo as necesidades dos agricultores e gandeiros.
Esta liña de crédito urxente foi unha das alternativas que a entidade financeira presentou esta mañá aos principais representantes do primario na provincia. ABANCA deu a coñecer as súas propostas de financiamento adaptadas, no marco dun foro de traballo organizado polo banco na súa oficina principal en León.
Nesta mesa de traballo informal participaron, por parte de ABANCA, Marcos Lamas, director territorial en León e Asturias; e Jesús Combarro, director de ABANCA Agro. Por parte do sector tomaron partido José Antonio Turrado, secretario xeral de ASAJA en Castilla y León; Matías Llorente, secretario xeral de UGAL-UPA e presidente da xunta de goberno da Comunidad de Regantes Canal Margen Izquierda del Porma; Juan Antonio Rodriguez, secretario xeral provincial de UCCL; Apolinar Castellanos, presidente de UCALE-COAG; Ramón Ferrero, presidente da Comunidad de Regantes del Canal del Páramo; Eloy Baílez, secretario xeral da Comunidad de Regantes del Canal del Páramo; Jorge Alvarez, presidente da Comunidad de Regantes de Payuelos; Manuel Mantecón, secretario de Ferduero e do Sindicato del Embalse de Barrios de Luna; e Ángel Gallego, presidente da Asociación Berciana de Agricultores.
Esta mesa de debate chega nun momento límite para o campo leonés, que padece carencia de auga desde hai meses e que se se prolonga pode poñer en perigo a plantación de cultivos de inverno. Este problema viuse agravado con tres xornadas consecutivas de temperaturas baixo cero que afectaron á floración temperá dos cultivos tanto de seca como de regadío, así como ás explotacións gandeiras.
Respostas áxiles ante situacións límite
A entidade financeira responde así ás demandas do sector primario con produtos de crédito áxiles, con amplos prazos e con outros elementos de flexibilidade. Os profesionais do campo poderán optar a préstamos en condicións preferentes, financiamento de gastos de campaña e incluso anticipar o cobro das axudas PAC ou as potenciais axudas que poida conceder a Junta de Castilla y León a este colectivo.
A entidade financeira seguirá apostando por un sector clave na provincia e nas próximas semanas ten previsto organizar xornadas informativas para agricultores e gandeiros sobre as alternativas de aseguramento para este colectivo. Neste sentido, o banco dará a coñecer as condicións para financiar as primas de seguros agrarios. ABANCA tamén manterá a súa colaboración coas comunidades de regadores para modernizar as explotacións, amoblar as parcelas e garantir a súa viabilidade.
ABANCA xa activou hai xusto un ano unha liña extraordinaria de 50 millóns para atallar a crise que estaba a padecer o regadío leonés debido ás copiosas chuvias. Grazas a este apoio crediticio, os profesionais do campo reduciron os efectos e puideron iniciar a pasada campaña con normalidade.