ABANCA participa nunha nova edición dos ‘Días Azuis’ para impulsar as vendas no comercio galego durante o verán
- O banco colabora na nova campaña promovida pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia para dinamizar as vendas no comercio de proximidade
- Desde mañá e ata o 17 de xullo sorteranse entre a clientela 12.000 euros, repartidos en 64 tarxetas prepago regalo, de 250 e 150 euros, achegadas pola entidade financeira
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia Pérez; e o director de Zona Santiago Centro de ABANCA, Ramón Mariño; presentaron esta mañá en Santiago de Compostela a edición de verán 2022 da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.
Trátase da novena edición desta coñecida iniciativa comercial, que contará este ano con outra nova convocatoria no mes de novembro. O obxectivo é potenciar, fomentar, estimular e impulsar o comercio de proximidade galego; poñendo en valor o seu importante papel económico e social, e contribuir á súa dinamización e recuperación tras a crise provocada pola pandemia COVID-19 e “máis recentemente polo contexto internacional, cuns sobrecustos e niveis inflacionistas que están lastrando en gran medida a recuperación do sector”, segundo explicou José María Seijas.
Deste xeito, esta campaña “quere, como sempre, tinguir de azul, de verán, de cor e desa necesaria alegría, os comercios, as rúas, as vilas e cidades galegas, para que os consumidores nos visiten, merquen e, ademáis, gañen”, engadiu Seijas.
Esta edición de verán de Días Azuis do Comercio Galego desenvolverase entre o 23 de xuño e o 17 de xullo, coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións da nosa comunidade autónoma gallega. Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 12.000 euros, repartidos nun total de 64 tarxetas prepago regalo, de 250 e de 150 euros. Participar é tan simple como rexistrar a compra na páxina da campaña www.diasazuis.com.
“Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia - Consellería de Economía, Industria e Innovación. Conta coa colaboración de ABANCA, entidade que aporta os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.
Na presentación da campaña, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, suliñou que esta iniciativa ten sempre unha grande demanda e aceptación tanto por parte do sector como dos consumidores, e que “é o punto de partida dun amplo programa de actuacións de promoción, dixitalización, formación e dinamización que se realizará ao longo do ano para garantir a competitividade do sector, e alentar a que o consumidor reactive o seu consumo e que éste se faga nos establecementos de proximidade”.
Ademais, remarcou a implicación e a colaboración entre as tres entidades – Federación Galega de Comercio, Xunta de Galicia e ABANCA - para realizar os “Días Azuis do Comercio Galego”, así como as outras actividades que se están a plantexar en pro da dinamización e competitividade do sector.
Compromiso co pequeno comercio
Pola súa banda, o director de Zona Santiago Centro de ABANCA, Ramón Mariño, reafirmou o apoio da entidade financeira ao pequeno comercio galego e avogou por “seguir sumando forzas entre todos en prol da súa reactivación”. Salientou que o banco conta con “produtos e servizos adaptados ás necesidades do pequeno e mediano comercio, así como profesionais especializados que coñecen de primeira man as súas necesidades e solucións para facilitar o financiamento aos clientes no mesmo punto de venda”. Na súa intervención, Mariño amosouse optimista coa recuperación do sector e da actividade comercial en Galicia, tal como reflicte a última entrega do Observatorio ABANCA by IESIDE, que apunta a níveis pre-pandemia no gasto presencial no comercio minorista.