ABANCA pon en servizo os primeiros caixeiros para mellorar a cobertura e inclusión financeira do rural galego
- Chandrexa de Queixa, A Arnoia, Lousame, Toques e O Páramo contan xa con estas novas infraestruturas
- A actuación forma parte da iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia coa colaboración de ABANCA para achegar os servizos financeiros aos municipios galegos que carecen deles
- ABANCA completará a instalación dos 36 caixeiros previstos no acordo no mes de maio
ABANCA finalizou nos municipios de Chandrexa de Queixa (Ourense), A Arnoia (Ourense), O Páramo (Lugo), Toques (A Coruña) e Lousame (A Coruña) a instalación dos cinco primeiros caixeiros automáticos que forman parte do acordo subscrito polo banco coa Xunta de Galicia para dotar de servizos financeiros aquelas localidades do rural galego que ata o de agora non dispoñían deles.
As cinco infraestruturas que xa están en funcionamento facilitarán que os veciños e veciñas destas localidades poidan dispoñer de efectivo e realizar as xestións máis habituais sen ter que desprazarse a outro termo municipal, favorecendo a súa inclusión financeira.
Representantes de ambas as institucións realizaron unha visita esta mañá ao dispositivo situado no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, que dará servizo aos preto de 500 habitantes que residen neste termo municipal. No acto participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó. Por parte de ABANCA, desprazáronse a comprobar a instalación o director de Negocio Institucional Galicia, Asturias e León, Liño Comesaña; a directora de zona Ourense-Este, María José López, e o coordinador de Negocio Institucional en Ourense, Mateo Alonso.
A capilaridade da rede comercial de ABANCA en Galicia sitúa a comunidade galega como a segunda Comunidade Autónoma con maior accesibilidade a servizos financeiros. Só un 12% dos municipios carecen de oficina fronte ao 51% que non dispoñen dela no resto de España. Grazas ao acordo subscrito por ABANCA e a Xunta de GaliciaSerás redirixido a outro sitio web, a poboación de 36 novas localidades poderá acceder aos servizos financeiros básicos na súa contorna máis próxima.
Está previsto que a instalación dos dispositivos continúe durante as próximas semanas e que o proceso finalice no mes de maio. Os novos caixeiros estarán situados en once municipios da Coruña (Aranga, Coirós, Dodro, Lousame, Paderne, Santiso, Toques, Vilasantar, Vilarmaior, Dumbría e Monfero), tres de Lugo (O Páramo, Ribeira de Piquín e Samos) e 22 de Ourense (A Arnoia, Baltar, Os Blancos, Carballeda de Avia, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Larouco, Lobeira, Melón, Oímbra, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Rairiz de Veiga, Taboadela, A Teixeira, A Peroxa, Vilar de Santos e San Xoán de Río).
Formación e atención ao usuario
A colocación e posta en servizo destes caixeiros automáticos vai acompañada dun plan de formación e capacitación dixital que comeza mañá mércores, 16 de marzo, no municipio lucense do Páramo. Ata o momento están previstas en total 18 sesións formativas naqueles concellos que o solicitaron. As próximas desenvolveranse o 17 de marzo en Chandrexa de Queixa (Ourense) e o 24 de marzo en Lousame (A Coruña).
Cada acción formativa terá unha duración de dúas horas e nela ensinarase aos asistentes como funciona o caixeiro e cales son as operacións máis habituais que se poden facer, incluíndo unha demostración práctica sempre que sexa posible. Tamén se ofrecerán consellos básicos de seguridade e resolveranse as dúbidas que poidan ter os asistentes.
O obxectivo deste plan é ofrecer a formación necesaria ás persoas que van utilizar estes dispositivos, moitas delas maiores de 65 anos e pouco dixitalizadas, para que poidan realizar as súas xestións con confianza e todas as garantías de seguridade. Con esta iniciativa, o banco quere contribuír a evitar problemas de exclusión financeira e a reducir a fenda dixital existente na actualidade, que afecta especialmente as persoas de maior idade e de contornas rurais.
ABANCA tamén habilitou o número de teléfono 900 81 55 00 para ofrecer asesoramento gratuíto a aquelas persoas que o necesiten. A través dunha chamada telefónica poderán resolver dúbidas, solucionar as incidencias que poidan xurdir no uso destes caixeiros automáticos ou realizar consultas sobre produtos e servizos financeiros. Así mesmo, a través deste teléfono poderase concertar cita previa para recibir atención nunha oficina de ABANCA no caso de que fose necesario.
Todas estas medidas complementan as que xa puxo en marcha o banco para ofrecer a mellor atención aos seus clientes maiores de 65 anos, como a atención en portelo en toda a súa rede comercial ata as 14 horas, o compromiso de non pechar ningunha oficina nos 134 concellos galegos nos que é a única entidade que presta servizo, o adianto da pensión ao día 25 ou a simplificación dos menús dos caixeiros situados nas contornas rurais.