ABANCA presenta a súa proposta de apoio á economía no I Foro Industrial de Fondos Europeos de Recuperación
- O presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, participaron no evento, que serviu de punto de encontro para a industria no contexto da captación de fondos europeos ligados ao programa Next Generation EU
Descarga los contenidos anexos
- Intervención de Juan Carlos Escotet Rodríguez no I Foro Industrial de Fondos Europeos de Recuperación 12.03.2021 O presidente de ABANCA salienta a importancia para a recuperación de protexer os asuntos esenciais do futuro de Galicia, España e Europa a través do diálogo, os acordos e o consenso. Serás redirixido a outro sitio web
- Intervención de Francisco Botas no I Foro Industrial de Fondos Europeos de Recuperación 12.03.2021 O conselleiro delegado de ABANCA explica o papel da dirección Next Generation ABANCA e do conxunto do banco no proceso de xestión dos Fondos Europeos de Recuperación. Serás redirixido a outro sitio web
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, participaron no I Foro Industrial de Fondos Europeos de Recuperación. O evento, organizado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME) coa colaboración de ABANCA, contou coa presenza de destacadas personalidades do mundo da empresa e as administracións públicas e serviu de punto de encontro para a industria no contexto da captación de fondos europeos ligados ao programa Next Generation EU.
Na súa intervención, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, referiuse a cinco factores clave para a xestión dos Fondos Europeos de Recuperación. O primeiro, na súa opinión, é a visión a longo prazo. “A recuperación non debe ser para alcanzar o punto onde estabamos hai un ano, senón para dar un salto a unha mellor posición”, defendeu. Neste sentido, destacou como obxectivos “pór as bases para un salto produtivo, potenciar as capacidades das persoas, reducir as brechas sociais, non dar as costas ás ameazas do cambio climático e evitar o atraso dixital”.
Como segundo factor, referiuse á necesidade de que “empresas e institucións traballen tamén pola recuperación da confianza” xa que “é posible unha vida mellor e non hai esforzo humano e produtivo que sexa en balde”.
En terceiro lugar, Escotet fixo un chamamento a facer un esforzo de adaptación. “A recuperación esíxenos aceptar que se produciu un cambio moi profundo, e que toca sobrepoñernos, analizar os novos escenarios, refacer o plan de voo e dar os primeiros pasos cara ás novas metas”, sinalou.
En cuarto lugar, Escotet lembrou que a urxencia dos grandes retos existentes no momento de xurdir a pandemia, como o cambio climático, a Cuarta Revolución Industrial, o declive demográfico e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, “potenciouse e clama pola acción responsable e unánime de todos, persoas e organizacións”.
Por último, o presidente de ABANCA rexeitou “a estimulación do malestar, a crispación, a polarización social e política, o desgaste das institucións e o lume cruzado sobre persoas e organizacións” e avogou por “protexer os asuntos que son esenciais para o futuro de Galicia, de España e de Europa a través do diálogo, os acordos e o consenso”.
ABANCA, aliado das empresas na recuperación
Pola súa banda, o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, considerou como imprescindible “unha colaboración estreita e leal entre todos os axentes sociais e económicos co fin de lograr o obxectivo común de retomar a senda do crecemento”.
Neste sentido, anunciou a creación por parte do banco da área Next Generation ABANCA, “cunha vocación moi clara: colaborar coa administración pública e, por suposto, cos nosos clientes empresas, que son desde sempre un sector vital e estratéxico para a nosa entidade”. A través da dirección Next Generation ABANCA, a entidade facilitará o acceso á información, axudará na identificación ou selección de proxectos, asesorará coas axudas, e proporcionará financiamento a curto e longo prazo para pór en marcha os diferentes proxectos de recuperación.
O conselleiro delegado fixo explícita a vontade de ABANCA de “ser parte da solución cun papel fundamental na canalización dos fondos”, e puxo a disposición do tecido produtivo “a capilaridade da nosa rede, que nos permite estar preto de todas as empresas, o noso equipo de especialistas en banca de empresas, e a nosa ampla experiencia como socios de compañías de diferentes sectores nos seus proxectos de crecemento a través da nosa carteira de participadas”.
Como exemplos do compromiso da entidade coas empresas, Francisco Botas destacou “a xestión dos créditos ICO, con 3.128 millóns de euros en financiamento e máxima axilidade para abonar en conta o 99% das operacións en 24 horas como máximo desde a súa formalización”. Tamén se referiu ás axudas da Política Agraria Común da UE, “nas que ABANCA é a entidade líder en Galicia cunha cota do 48,78% en domiciliación, crecendo ano a ano desde 2015”.
Por último lembrou as actuacións do banco nos ámbitos da sustentabilidade e a dixitalización, “dúas tendencias de futuro destacables neste momento”. “Como entidade financeira comprometida coas necesidades das empresas e enfocada nas grandes transformacións da economía e a sociedade de face ao futuro, estamos situados na mellor posición posible para ser un bo aliado das empresas neste momento”, explicou.