ABANCA, primeira entidade financeira española en ofrecer envíos de diñeiro de móbil a caixeiro a través de voz
- Os clientes do banco poden a partir de agora realizar operacións con ABANCA Cash a través do asistente de voz Siri de Apple
Os clientes de ABANCA son os primeiros dunha entidade financeira española en poder realizar, empregando unicamente comandos de voz, operacións de envío de diñeiro en efectivo desde un teléfono móbil para a súa retirada polo destinatario nun caixeiro automático. ABANCA Cash, o servizo de ABANCA que permite este tipo de envíos de diñeiro, incorpora desde este momento a opción de operar a través de comandos de voz co asistente Siri de Apple, presente nos dispositivos iPhone.
ABANCA engadiu á súa app de banca móbil unha nova opción exclusiva de Siri a través da cal os usuarios poderán activar ou desactivar esta posibilidade e configurar os datos necesarios para realizar operacións. Esta innovación reforza a funcionalidade da app de banca móbil de ABANCA, unha das mellor valoradas polos usuarios na App Store (tamén en Google Play). Cada mes os usuarios da banca móbil de ABANCA realizan máis de 17.000 envíos de diñeiro mediante ABANCA Cash.
O uso de Siri fai máis sinxela a realización de operacións de envío de efectivo desde móbil co servizo ABANCA Cash. Para iniciar unha operación basta con dicir o xa coñecido “Oye, Siri”, que permite activar o asistente coa voz, e logo unha frase do estilo “Envía 20 euros a María”. A continuación Siri solicita ao cliente que especifique o concepto do envío de efectivo. Nos dispositivos iPhone 5s ou superior o remitente confirmará a operación utilizando a súa pegada dixital. Tras eses pasos Siri realizará a operación utilizando a banca móbil de ABANCA. O destinatario recibirá a través de mensaxe sms a información necesaria para retirar o diñeiro nun caixeiro.
Tecnoloxía codesenvolvida por ABANCA
A tecnoloxía HalCash que fai posible o envío de diñeiro en efectivo de móbil a caixeiro foi desenvolvida en España por un grupo de entidades financeiras entre as que se atopa ABANCA. O servizo dispón en España dunha rede de 8.000 caixeiros integrados para a retirada de efectivo.