ABANCA promove a educación financeira entre os nenos e nenas de Santiago de Compostela
ABANCA organiza ao longo desta semana unha serie de actividades na Biblioteca Afundación de Santiago de Compostela (Frei Rosendo Salvado 14-16) que teñen como obxectivo promover a educación financeira entre os escolares da capital galega.
Cada día ás 18.30 horas está prevista unha actividade diferente coa que se acercarán aos más pequenos os distintos ámbitos das finanzas persoais: a xestión do diñeiro, a distinción entre o necesario e o desexado, a importancia do esforzo e o traballo ou de planificar e xestionar de maneira responsable os cartos.
Todas as accións están pensadas para espertar o seu interese pola economía persoal. Haberá un obradoiro sobre a importancia da solidariedade e os privilexios que teñen moitos nenos nesta sociedade e outro de manualidades para concienciar sobre a importancia da xestión do diñeiro.
Tamén está prevista unha sesión de contacontos na que, a través de relatos tradicionais como ‘A cigarra e a formiga’ e ‘A leiteira’, traballarase a importancia de planificar o futuro, como o esforzo ten unha recompensa maior se se sabe esperar, que non podemos facer plans económicos en base a falsas expectativas e que o diñeiro conséguese co traballo ben feito.
A actividade máis novidosa é a oca financeira. A través deste xogo tradicional os nenos terán que xestionar as finanzas dunha familia ao longo dun mes, de modo que se ven obrigados a priorizar os gastos e tomar decisións en base a uns ingresos obtidos durante un período determinado.
Aposta pola educación financeira
Esta semana de actividades na Biblioteca de Santiago forma parte do programa de educación financeira que desenvolve ABANCA en colaboración con Afundación ao longo de todo o ano e que inclúe accións tan innovadoras como a obra de teatro ‘De los cuentos a las cuentas’, encargada por ABANCA á compañía de teatro Zarándula e que colectou un gran éxito entre os máis de 8.000 escolares que acudiron ás representacións organizadas en outubro nas principais cidades galegas.
O traballo desenvolvido polo banco neste ámbito, e en concreto o uso do teatro para introducir esta materia entre os escolares, foi recoñecido recentemente como o mellor proxecto para a xuventude nos ‘Premios a la Obra Social y a la Educación Financiera 2016’ que organiza a revista Actualidad Económica en colaboración coa Confederación Española de Cajas de Ahorro (CECA).