ABANCA reforza a súa estratexia dixital con ABANCA Pay
- A app permite enviar diñeiro de forma gratuíta a calquera persoa introducindo un número de teléfono ou un correo electrónico
- Ao contrario que outras aplicacións, non é necesario ter descargada a app para recibir diñeiro doutra persoa
- ABANCA Pay completa as solucións móbiles da entidade para os seus clientes, que xa dispoñen do servizo de Hal-Cash para retirar diñeiro nun caixeiro sen tarxeta
- O impulso da estratexia dixital permitiu a ABANCA aumentar un 18% o número de clientes dixitais activos no último ano
ABANCA vén de lanzar para todos os seus clientes ABANCA Pay, unha aplicación que permite realizar desde os móbil pagos inmediatos de forma gratuíta a calquera usuario bancario nacional e europeo, teña teléfono ou non.
“É unha ferramenta útil, fácil de usar, sen comisións e que realiza as operacións de forma inmediata co obxectivo de facerlle máis sinxela a vida aos nosos clientes, facilitándolles as súas transaccións diarias”, explica Eduardo Aldao, director de Innovación de ABANCA.
ABANCA Pay permite o pago de ata 150 euros por operación, de forma gratuíta, a calquera persoa, sexa do banco que se sexa, simplemente introducindo un número de teléfono ou un correo electrónico. “Non é necesario pedir o número de conta a ninguén, nin é necesario que pertenza á mesma entidade. Con esta aplicación o cliente poderá enviar e recibir diñeiro dos seus amigos ou compañeiros de traballo de forma instantánea”, sinala o xerente de Medios de Pago de ABANCA, Jorge Blanco.
Pagos fáciles, gratis e rápidos
A aplicación deseñada por ABANCA está asociada á conta de banca electrónica do cliente e permite realizar un pago a unha persoa simplemente seleccionándoa na axenda de contactos do móbil, sen que sexa necesario que coñeza o seu número de conta nin que pertenzan á mesma entidade financeira.
ABANCA Pay está conectada a outros bancos a través da rede EALIA desenvolvida por CECA, o que permite realizar os pagos de forma inmediata. “O pago é inmediato, faise efectivo directamente entre as contas dos clientes no mesmo momento da súa autorización”, afirma Eduardo Aldao. Ademais, ao contrario que outras aplicacións similares, non é necesario ter descargada a app para recibir diñeiro doutra persoa.
A seguridade das transaccións está absolutamente garantida e, ao ser unha app propia de ABANCA, non se ceden os datos a terceiros.
Innovación financeira
Un dos piares fundamentais da estratexia dixital de ABANCA é ofrecer aos seus clientes a tecnoloxía financeira máis innovadora, tentando incorporar as últimas novidades e tendencias do mercado. ABANCA é pioneira en ofrecer aos seus clientes o pago móbil con Samsung Pay e en soportar a identificación por pegada (Touch-id) na banca móbil.
Ademais, desde hai máis de 10 anos, os clientes da entidade poden retirar diñeiro nos caixeiros sen necesidade de usar a tarxeta grazas ao servizo de Hal-Cash, un sistema que permite enviar diñeiro a calquera móbil mediante unha mensaxe SMS. O código incluído na mensaxe permite recoller o diñeiro, sen tarxeta, en calquera dos caixeiros adheridos ao sistema (máis de 12.000 en todo o mundo).
O impulso á estratexia dixital permitiu a ABANCA aumentar un 18% o número de clientes dixitais activos no último ano, con especial protagonismo da banca móbil. Neste sentido, a entidade financeira puxo en marcha o proxecto ABANCA Dixital, unha iniciativa para potenciar as canles de banca electrónica e móbil para realizar todo tipo de transaccións e xestionar e contratar produtos a través de web e teléfono. En 2015 a entidade financeira galega investiu 82 millóns de euros á mellora e dixitalización de todos os seus procesos e á adopción das tecnoloxías máis punteiras.