ABANCA reforza a súa oferta en Sevilla para particulares e empresas ao despregar o seu novo modelo de oficina
- A entidade financeira converte o seu centro da capital hispalense ao seu novo estándar de experiencia cliente e aposta pola transparencia ao eliminar despachos
- A nova oficina gaña en capacidades comerciais e incorpora dispositivos autoservizo para axilizar as xestións
ABANCA dá un novo paso na transformación da súa rede comercial e converte o seu centro de Sevilla ao novo modelo de oficina. Este espazo, que se empraza na céntrica rúa San Fernando, 17, incorpora o máis alto estándar de experiencia cliente do banco para así reforzar o seu compromiso tanto con particulares como con empresas da cidade e da súa área de influenza.
A nova oficina permite incrementar a atención a medida, xa que as instalacións albergan tanto a oficina de particulares como o centro de empresas. Trátase dun espazo dual que potencia a especialización da súa oferta e as respostas adaptadas a cada segmento. Profesionais altamente formados e un catálogo de produtos a medida son a clave para ofrecer un servizo integral á altura das necesidades dos clientes.
O banco tamén imprime maior velocidade á súa transformación dixital logo desta inauguración. A oficina de Sevilla suma un caixeiro full equipe compatible coas últimas tecnoloxías. Ademais de retiradas, realiza ingresos en firme, pagamento de recibos en efectivo e outras operativas con moedas. As instalacións contan agora tamén cunha rede WIFI gratuíta para clientes, á que se poderán conectar para realizar as súas operacións máis habituais dun xeito autónomo.
O cliente, no centro da estratexia
A transformación do centro máis importante de ABANCA en Andalucía comprométese dunha maneira clara coa transparencia, xa que elimina os despachos. No seu lugar, a atención comercial realízase en diversas mesas distribuídas por dúas plantas, onde os xestores dan resposta en mobilidade grazas aos dispositivos Surface.
Para as cuestións que requiran maior confidencialidade, a nova oficina conta con salas de reunións. A transformación integral permitiu tamén habilitar postos de xestión para as operacións non presenciais. Por último, a oficina reserva un posto de atención transaccional para a operativa de efectivo e as tarefas máis administrativas. Esta nova distribución e os medios técnicos permiten gañar en axilidade e optimizar a atención.
Con esta transformación, ABANCA continúa a implantación do seu novo modelo de oficina na comunidade, onde conta con dez centros, cinco para particulares e outros tantos para empresas.