ABANCA retira 70 quilos de plástico da contorna de Baldaio nunha nova acción de voluntariado medioambiental
- Os voluntarios e voluntarias de ABANCA e Afundación desprazáronse ata este espazo natural para limpar a zona da lagoa e a marisma en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat e o Concello de Carballo
A contorna da lagoa e a marisma de Baldaio, no termo municipal de Carballo, foi o escenario o sábado dunha nova acción do programa de voluntariado medioambiental de ABANCA ‘Traballando pola mellora do patrimonio natural’.
Un grupo de 20 voluntarios e voluntarias do banco e a súa Obra Social, Afundación, desprazáronse ata este espazo natural, declarado como Zona de Especial Conservación baixo a Rede Natura 2000, para realizar labores de limpeza. A xornada de traballo foi organizada en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat e o Concello de Carballo.
En total, os participantes nesta nova acción de conservación do medio ambiente conseguiron retirar 68 quilos de residuos, a maioría deles, obxectos procedentes de artes de pesca e microplásticos, aínda que tamén se recolleron elementos de maiores dimensións como, por exemplo, un pneumático dun turismo.
Las actividades incluídas no programa de voluntariado medioambiental de ABANCA para o primeiro trimestre de 2020 poñen o foco na limpeza do litoral e a plantación de especies autóctonas en contornas forestais de especial interese. Con estas accións, a entidade quere conseguir un impacto directo en catro Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS): ODS 10 ‘Redución das desigualdades’, ODS 13 ‘Acción polo clima’, ODS 14 ‘Vida submarina’ e ODS 15 ‘Vida de ecosistemas terrestres’.