ABANCA Seguros Generales recibe a autorización para operar no negocio asegurador
- A compañía, participada ao 50% entre ABANCA e Crédit Agricole Assurances, ofrecerá a particulares e empresas unha ampla gama de seguros centrados no cliente, sinxelos, innovadores e personalizables
- Os primeiros produtos estarán dispoñibles na rede de oficinas e nas canles a distancia de ABANCA no primeiro trimestre de 2021
ABANCA Seguros Generales obtivo a autorización administrativa da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións ( DGSFP) para exercer a súa actividade como entidade aseguradora. Este é o último requisito legal que habilita á compañía para empezar a operar no mercado español de seguros xerais.
Participada ao 50% por ABANCA e Crédit Agricole Assurances, ABANCA Seguros Generales combina o coñecemento do cliente e capacidades tecnolóxicas da entidade financeira española coa ampla experiencia no deseño e comercialización de todo tipo de seguros que atesoura a aseguradora francesa, líder nese país e unha das dez primeiras de Europa.
A nova aseguradora desenvolverá un modelo de negocio centrado no cliente e apoiado na tecnoloxía, a dixitalización e a operativa multicanal. A súa oferta cubrirá os principais ramos de aseguramento, con produtos sinxelos, innovadores, flexibles e con garantías e coberturas que xeralmente non se atopan no mercado.
A entidade ten previsto lanzar no primeiro trimestre de 2021 os seus primeiros seguros, que se comercializarán a través da rede comercial de ABANCA e poderán contratarse tamén desde a web e banca móbil. A oferta ampliarase gradualmente con novos produtos que, a medio prazo, tamén estarán dispoñibles no mercado aberto.
Asistencia integral
En liña co seu modelo de orientación ao cliente, outro dos sinais de identidade da compañía será o acompañamento e asistencia integral ao asegurado en caso de sinistro, co obxectivo de lograr unha experiencia de cliente excelente e axilizar a xestión de reparacións ou indemnizacións.
O equipo humano de ABANCA Seguros Generales está integrado ata o momento por 41 profesionais de varias nacionalidades, con experiencia acreditada no sector asegurador e un coñecemento profundo deste negocio. As oficinas corporativas da compañía están situadas na Coruña.
A entrada no mercado de ABANCA Seguros Generales é froito do acordo asinado en xullo de 2019 entre ABANCA e Crédit Agricole Assurances para operar de forma conxunta durante tres décadas no negocio de seguros xerais.
O negocio asegurador é unha actividade prioritaria para ABANCA pola súa complementariedade coa oferta financeira e polo seu importante papel na estratexia de diversificación de fontes de ingresos da entidade. Tras o acordo asinado en 2019 para a xestión dos seguros xerais e a internalización da compañía de Vida e Pensións, ABANCA ten previsto continuar a súa evolución en 2021 con novos fitos como a dixitalización de ABANCA Vida y Pensiones, o lanzamento de novos produtos dos ramos de seguros xerais, o deseño dunha experiencia de cliente única e estandarizada para todos os seus clientes, e a implantación dun modelo de distribución omnicanal.