ABANCA súmase ao Día Solidario das Empresas con actividades na Coruña, a contorna de Vigo e Madrid
- Voluntarios de ABANCA e Afundación darán atención a persoas sen fogar, colaborarán na limpeza do litoral e acompañarán a persoas con discapacidade nunha ruta de sendeirismo
- O Día Solidario das Empresas é unha iniciativa de Cooperación Internacional ONG e Atresmedia que se consolidou como un referente do voluntariado corporativo
ABANCA participará por terceiro ano consecutivo noDía Solidario das Empresas, cuxa décimo terceira edición se celebra este sábado 26 de outubro. En concreto, unha trintena de voluntarios e voluntarias do banco e a súa Obra Social, Afundación, van tomar parte en diferentes actividades benéficas organizadas na Coruña, a área metropolitana de Vigo e Madrid.
O Día Solidario das Empresas, promovido por Cooperación Internacional ONG e Atresmedia, desenvolverase de maneira simultánea en 10 cidades españolas e que ten como obxectivo promover o voluntariado corporativo e sensibilizar desde o ámbito empresarial sobre os problemas reais da nosa contorna.
Acción social na Coruña
A actividade na que participarán os voluntarios e voluntarias de ABANCA e a súa Obra Social na Coruña consistirá en dar atención ás persoas sen fogar que están nas rúas da cidade. Coa escusa de ofrecerlles un café, interesaranse pola súa vida, por cal é a súa situación e como chegaron a ela.
O punto de encontro establecido é a Praza de María Pita, ás 11.00 horas. Tras unha charla informativa na que se lles explicará a acción, o grupo iniciará o percorrido ás 11.30 horas.
Voluntariado ambiental na contorna de Vigo
Na área metropolitana viguesa, os profesionais de ABANCA e Afundación colaborarán na limpeza dos areais de Viñó e Barra, no termo municipal de Cangas do Morrazo, nunha acción organizada pola asociación cultural Furatoxo.
O grupo de voluntarios, formado por persoal do banco e membros da Asociación de persoas con discapacidade Xoán XXIII, reunirase ás 10.15 horas no aparcadoiro da praia de Viñó para realizar a distribución dos equipos e recibir información sobre os residuos que poden atopar e como realizar a limpeza. Ás 11.30 horas comezará a actividade, que se prolongará até as 13.30 horas.
Inclusión social con Special Olympics en Madrid
Por último, en Madrid, o persoal de ABANCA participará nunha xornada deportiva de ámbito recreativo no medio natural con persoas con discapacidade. En concreto, está prevista unha ruta guiada de catro quilómetros polo Monte do Pilar de Majadahonda que terá unha duración aproximada de dúas horas. Durante o percorrido realizaranse paradas para observar e interpretar a natureza, de modo que a actividade contribúa a concienciar sobre a importancia de valorar e respectar o medio natural.
Os voluntarios e voluntarias reuniranse cos beneficiarios e os responsables da actividade ás 10.15 horas no Parking detrás de C/ das Noras, 80, en Majadahonda. A ruta comezará ás 11.00 horas e finalizará previsiblemente ás 13.15 horas.
Comida de confraternización
Para concluír a xornada solidaria en cada unha das cidades os empregados e empregadas de ABANCA e Afundación terán ocasión de intercambiar experiencias con voluntarios doutras empresas participantes e representantes das entidades benéficas colaboradoras durante unha comida de confraternización.
O Día Solidario das Empresas é un proxecto de Cooperación Internacional ONG e Atresmedia para impulsar o voluntariado corporativo, pondo en contacto ás empresas con entidades que se dedican a axudar aos máis necesitados. Este ano celébrase a décimo terceira edición da xornada, coa colaboración especial de Bluetab. En 2018, o evento promoveu 70 actividades en 11 cidades diferentes, que contaron coa participación de 1.200 persoas de 50 empresas.