As coleccións de arte de ABANCA e Afundación protagonizan a exposición ‘Galicia Universal’ no Museo Gaiás
- ‘Galicia Universal. A arte nas coleccións de ABANCA e Afundación’ reúne 192 obras dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos
- A mostra poderá visitarse gratuitamente no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ata o 14 de outubro
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, inauguraron este venres na Cidade da Cultura a exposición ‘Galicia Universal. A arte nas coleccións de ABANCA e Afundación’, unha mostra que presenta unha magnífica selección de 192 obras procedentes dos fondos artísticos do banco e de Afundación, dous das pinacotecas corporativas máis relevantes de Galicia que tamén se atopan entre as máis importantes de España.
Ao acto inaugural tamén acudiron o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, o director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Anxo Escotet, e o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez. Tamén quixeron mostrar o seu apoio a este ambicioso proxecto expositivo unha vintena de artistas cuxas creacións se atopan representadas na mostra.
Durante a súa intervención, o presidente de ABANCA agradeceu o excelente traballo realizado por todos os equipos profesionais do banco, Afundación, a Xunta de Galicia e o Museo Centro Gaiás, “que investiron o mellor dos seus talentos e enerxías para permitir que obras das coleccións de ABANCA e Afundación poidan ordenarse e despregarse nos magníficos espazos da Cidade da Cultura de maneira que esta exposición se teña convertido xa nun fito na historia recente das artes visuais nesta comunidade”. Ademais, sinalou que “dentro e fóra de Galicia hai artistas galegos traballando en novas creacións e iso suxírenos que o noso compromiso non pode rematar aquí e que, nos próximos tempos, novos esforzos institucionais haberán de unirnos ao redor de proxectos culturais que sexan amplos e significativos”.
A inauguración contou tamén coa actuación especial de Afasto Amoedo, ao piano, e Asterio Leiva, ao clarinete, para interpretar dous movementos dunha sonata de Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Madrid, 1993), un dos compositores máis importantes do século pasado, que tivo unha vinculación moi estreita coas correntes artísticas do momento.
Percorrido pola historia da arte galega dos últimos 150 anos
O Museo Centro Gaiás acollerá ata o 14 de outubro esta selección de pinturas, esculturas, fotografías e instalacións que supón unha oportunidade única para achegarse ao proceso de construción da identidade cultural de Galicia e comprender a dimensión universal da arte galega. Ao mesmo tempo, esta exposición facilítalle a toda a sociedade o acceso ao relevante patrimonio artístico que supoñen as coleccións de ABANCA e Afundación, de acordo cun dos obxectivos fundamentais que comparten ambas as dúas organizacións, que non é outro que contribuír á difusión da arte galego a todos os niveis.
É a primeira vez que unha mesma mostra reúne obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos, como Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro ou Antía Moure, entre outros moitos, ata completar un total de 119.
A exposición organiza as obras seguindo un criterio temático, no que as pezas se agrupan ao redor de cuestións como a cultura popular, a presenza da muller na arte, o compromiso social, a paisaxe, o retrato, a tradición e a renovación ou os movementos da nova arte galega.
A través deste discurso ‘Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación’ permite comprender como a construción da arte galego é o resultado de dous factores: do compromiso dos artistas coa identidade e da súa vocación de universalidade, reflectida na súa relación coas tendencias e movementos internacionais.
O atractivo da exposición refórzase co deseño da montaxe, a cargo do recoñecido estudo galego de arquitectura Abalo e Alonso, que desenvolveron un proxecto que realza o valor singular de cada unha das pezas e establece un diálogo harmónico coa potencia visual do Museo Centro Gaiás.
O catálogo da exposición, en galego, castelán e inglés e editado polo estudo galego Desoños, representará unha obra de referencia para o coñecemento da arte galego, que permanecerá vixente máis aló da clausura da exposición.
A mostra estará aberta ao público de martes a domingo, con entrada gratuíta, e contará cun amplo e variado programa de actividades e visitas guiadas e didácticas co fin de contribuír á difusión das obras, cunha especial atención á comunidade escolar, pero tamén abertas a todos a amantes da arte.