‘Bajo el signo de Picasso’ despídese de León con gran éxito tras superar os 25.000 visitantes
- Cerca de 3.000 persoas achegáronse esta fin de semana a gozar desta selección de obras da Colección ABANCA.
- A mostra acercou ao público leonés as vangardas artísticas a través das creacións de artistas como Picasso, Salvador Dalí, Juan Gris ou Braque.
A exposición ‘Bajo el signo de Picasso. Vanguardias e influencias en la Colección ABANCA’ pechou as súas portas este domingo en León cun gran éxito de público. A proposta expositiva de ABANCA sumou 25.360 visitantes dende a súa inauguración o 15 de setembro, 2.960 deles nesta última fin de semana aberta ao público no Museo de León.
A gran acollida desta selección de obras da Colección ABANCA confirma o acerto do banco á hora de escoller León para presentar por primeira vez os seus fondos artísticos fóra de Galicia. A gran resposta da sociedade leonesa reafirma o interese da entidade financeira por ofrecer un programa cultural estable na cidade cuxo primeiro paso foi a firma dun convenio de colaboración co Ayuntamiento e a Junta de Castilla León o pasado mes de xullo.
ABANCA reforzou a vocación didáctica coa que se presentou a exposición cun programa complementario, desenvolvido en colaboración co servizo didáctico do Museo de León, dirixido especificamente a escolares e a outros colectivos de referencia na cidade no ámbito económico, social, cultural e deportivo. En total, 2.575 estudantes tiveron a oportunidade de contemplar e descubrir as creacións de grandes artistas de relevancia internacional en visitas pensadas para espertar o interese pola arte entre o alumnado en función da súa idade.
A Colección ABANCA reúne máis de 1.300 obras de máis de 200 artistas de máximo nivel que ofrecen un amplo abanico de posibilidades para deseñar propostas expositivas de gran calidade e temática variada, sempre coa arte moderna e contemporánea como eixo vertebrador.
‘Bajo el signo de Picasso’ achegou ao público leonés durante os últimos dous meses unha escolma de obras deste patrimonio artístico de máximo interese. En total, seleccionáronse 38 obras de grandes artistas como Picasso, Braque, Juan Gris, Salvador Dalí ou Vassily Kandinsky.