Bankoa ABANCA e o Colexio de Médicos de Gipuzkoa acordan novas solucións de financiamento personalizadas
- A entidade financeira e a organización colexial asinan un novo convenio que prolonga e amplía o catálogo de produtos e servizos ofrecido ata o momento, con condicións competitivas para dar resposta ás necesidades de crédito este colectivo esencial
- O investimento á medida e o asesoramento integral para a xubilación abren novas posibilidades para os membros do colexio
Bankoa ABANCA e o Colexio Oficial de Médicos de Gipuzkoa acaban de renovar o convenio de colaboración polo que o banco continuará sendo socio financeiro desta organización profesional. As dúas entidades afianzan así o seu traballo conxunto co fin de que as persoas colexiadas e as súas familias poidan seguir accedendo a un completo catálogo de produtos e servizos especializados.
O novo acordo foi rubricado esta mañá en Donostia polo director xeral de Bankoa ABANCA, Jesús Suárez; a presidenta do Colexio Oficial de Médicos de Gipuzkoa, Carmen Solórzano, e o presidente da Fundación COMGI, Iñaki Eizagirre. Durante o acto, os tres representantes subliñaron o compromiso da entidade financeira cun colectivo estratéxico e esencial, como é o médico, e exploraron as necesidades existentes co obxectivo de atopar novas solucións financeiras para o futuro.
O documento presenta unha extensa variedade de produtos financeiros especialmente deseñados para fortalecer a competitividade do colectivo médico. Estes inclúen opcións como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing para bens mobles e inmobles, así como avais. O texto estipula ademais que os profesionais pertencentes a esta organización colexial poderán beneficiarse das diferentes liñas de financiamento oficial que Bankoa ABANCA ten subscritas con diversos organismos públicos.
A oferta recollida no convenio complétase con outras alternativas de investimento á medida. Destacan nesta categoría os fondos de investimento, con distintas opcións en función do perfil de risco de cada cliente. Nesta mesma liña, o banco ofrece tamén aos colexiados e colexiadas o seu servizo Xúbilo, creado para asesorar sobre as distintas opcións de abordar a xubilación. O documento recolle paralelamente o novo plan “ABANCA Emprendedores e Profesionais”, o seu primeiro plan de pensións simplificado para persoas traballadoras autónomas: unha solución sinxela e flexible, deseñada para complementar a xubilación do colectivo e xerar así un maior aforro que os plans individuais.
Todas estas opcións articúlanse tamén a través da oferta especializada de ABANCA Persoal, que ofrece un servizo de asesoramento e xestión integral. Desta forma, os membros do colexio poderán contar con asesores persoais, expertos en mercados financeiros e produtos, que ofrecerán un trato diferencial e eficaz de acordo coas características do seu patrimonio e as súas necesidades específicas. Tamén poderán dispoñer da tarxeta Visa Tú, que ofrece múltiples formas de pago nunha soa tarxeta para combinalas como máis conveña, e outros produtos como a Tarifa Plana de Seguros e de Valores, ademais de avanzados servizos de banca a distancia.
Apoio á Fundación COMGI
Máis aló deste acordo financeiro, Bankoa ABANCA continúa colaborando estreitamente coa Fundación COMGI, formando parte do seu padroado. Esta colaboración permitiu realizar distintas actividades formativas nos últimos anos, como cursos e talleres, así como o apoio a proxectos de cooperación internacional ou a entrega dos Premios Fundación COMGI, que recoñecen a excelencia na profesión médica.