Centros educativos de Burela, Madrid e Palencia, gañadores da 4ª edición de ‘Segura-Mente’
O xurado do concurso escolar de educación financeira ‘Segura-Mente’, impulsado por ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, deu a coñecer os gañadores da cuarta edición deste programa, recoñecido polo Banco de España e a Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV) co premio ‘Finanzas para todos’ na categoría de ‘mellor iniciativa de educación financeira’.
Centros premiados
Os gañadores da Categoría A foron os estudantes de 4º B do CEIP Gonzalo de Berceo de Madrid, cunhas frases cheas de motivación e mensaxes positivos para os peregrinos. A clase 1º de ESO B do IES Perdouro de Burela (Lugo) fíxose co premio da Categoría B cun proxecto que busca reducir o desperdicio de alimentos. A gañadora da Categoría C foi a aula de 3º de ESO do IES Jorge Manrique de Palencia, que presentou unha proposta de teatro sostible para difundir o patrimonio cultural da España baleirada.
Cada grupo gozará dun premio de 1.000€ en experiencias.
‘Segura-Mente’
‘Segura-Mente’ é un xogo ameno e divertido a través do cal 70.600 alumnos e alumnas de 3º a 6º de Primaria, E.S.O. e F.P. Básica de toda España puideron, durante o curso 2021-22, adquirir unha aprendizaxe significativa sobre finanzas, mentres reforzaban os seus coñecementos de historia, arte, literatura e mesmo sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Tras a experiencia inmersiva, os retos da 4ª edición consistían en: crear frases que, empezando por ‘Segura-Mente’, servisen para dar ánimo aos peregrinos do Camiño de Santiago na Categoría A; expor unha idea emprendedora no centro educativo que axudase ao cumprimento do ODS 12 para a Categoría B; e na Categoría C, expor un modelo de negocio que contribuíse a facer fronte ao problema da España baleirada no Camiño de Santiago.
Un proxecto de Afundación, a Obra Social de ABANCA
Ademais dos máis de 70.000 alumnos e alumnas participantes, esta edición de ‘Segura-Mente’ contou coa implicación de 75 profesionais de ABANCA e Afundación, que se envorcaron activamente co programa realizando de maneira voluntaria talleres para escolares de todo o territorio nacional.
O proxecto, que foi avalado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, e as consellerías da Comunidad de Madrid ou de Castilla y León, forma parte do programa de acción educativa que impulsan ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, cuxo obxectivo é achegar aos estudantes de todo o territorio español as ferramentas necesarias para ser adultos responsables e conscientes do futuro.