Comeza o novo curso para os 186 nenos e nenas de ABANCA ReSuena
- Os participantes no proxecto retomaron esta semana as súas clases de música nas aulas do Centro Cívico de Monte Alto e o CEIP Alborada de Elviña
- ABANCA ReSuena é un proxecto promovido pola Orquestra Sinfónica de Galicia e o banco co fin de promover a educación en valores a través da música
Os 186 nenos e nenas que participan no proxecto ABANCA ReSuena, promovido pola Orquestra Sinfónica de Galicia e ABANCA, retomaron esta semana as súas clases de música nas aulas do Centro Cívico de Monte Alto e no CEIP Alborada de Elviña, na Coruña.
Este curso será o cuarto desde que se puxo en marcha a iniciativa en 2014 no barrio de Monte Alto. Un ano despois, en decembro de 2015, ABANCA ampliou o seu compromiso co proxecto coa entrega dun lote de 150 instrumentos musicais que permitiron ampliar as actividades formativas a un segundo centro educativo, o CEIP Alborada de Elviña, tamén na Coruña.
Na actualidade, participan na iniciativa 186 nenos e nenas que reciben clases semanais de teoría musical e tamén sesións individuais a cargo de 22 profesores de máximo nivel, todos eles músicos profesionais da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Os coñecementos adquiridos polos novos estudantes permitiron tamén a creación da Orquestra Sinfónica ABANCA ReSuena, que xa puido mostrar en público as súas habilidades en varios concertos, o último o pasado 21 de xuño, coincidindo coa celebración do Día da Música. Baixo a dirección de Diego Zecharies, director artístico e musical de ABANCA ReSuena, os alumnos interpretaron con gran éxito ante 1.200 persoas unha selección das obras aprendidas durante o curso.
Outro dos momentos máis especiais que viviron os alumnos e alumnas que participan no proxecto tivo lugar o pasado 6 de xullo, cando puideron compartir un ensaio co recoñecido mestre Gustavo Dudamel, protagonista da última edición de Palabras para Galicia de ABANCA. Os novos músicos, de entre 5 e 12 anos, interpretaron ‘Chamambo’ baixo a batuta do afamado director e, ademais, tiveron ocasión de conversar con el e coñecer a súa experiencia persoal como integrante do proxecto El Sistema no seu país natal.
A aposta de ABANCA por esta iniciativa responde a unha visión da música como unha ferramenta única para o estímulo da aprendizaxe dunha maneira lúdica e diferente, que ademais axuda a transmitir valores fundamentais entre os máis pequenos como a dedicación, o traballo duro, a procura da excelencia e a superación artística.