DBRS eleva un chanzo o rating de fortaleza financeira de ABANCA
- A axencia de cualificación confirma os rating a longo e curto con perspectiva estable
A axencia de cualificación DBRS mellorou o rating de fortaleza financeira de ABANCA elevándoo nun chanzo, até BBB (low), como consecuencia da mellora dos ingresos recorrentes, a significativa redución de activos problemáticos, o menor finanzamento do BCE e o reforzo da capitalización.
DBRS confirmou tamén o rating emisor a longo prazo de ABANCA en BBB (low) e o rating a curto prazo en R-2 (middle), situando ambas cualificacións con perspectiva estable. A cualificación de DBRS é resultado do proceso de revisión xeral dos ratings das entidades financeiras realizado pola axencia, tras a entrada en vigor do MUR, o Mecanismo Europeo de Resolución de entidades de crédito.
Outras cualificacións
Esta mellora na cualificación de ABANCA únese ao último informe de Fitch, que elevou en dous chanzos, desde bb- a bb+, o rating de viabilidade da entidade e situou a perspectiva en estable e ao aumento de S&P dun chanzo do rating emisor a longo prazo de ABANCA (de B a B+), mantendo a súa perspectiva estable e a mellora do rating de viabilidade, incrementándoo nun chanzo (de b- a b).