DBRS sitúa en positiva a perspectiva de ABANCA
- A axencia de cualificación basea a súa decisión no aumento da rendibilidade e na calidade dos activos de ABANCA
- A mellora de perspectiva únese á realizada no mesmo sentido en abril por parte de Standard and Poor´s e en maio por Fitch
A axencia de cualificación DBRS mellorou de estable a positiva a perspectiva do rating emisor a longo prazo de ABANCA, á vez que afirmou os seus ratings. Tras esta revisión, a cualificación crediticia da entidade mantense no grao de investimento ‘BBB (high)’, agora con perspectiva positiva. A decisión tomada pola axencia é un paso relevante de ABANCA para conseguir o ascenso do rating á categoría A.
Na súa decisión, DBRS tivo en conta de forma especial a mellora da rendibilidade de ABANCA que espera que se manteña nos próximos exercicios pero tamén a calidade dos activos da entidade. DBRS valorou para a súa decisión o posicionamento da franquía e a súa diversificación nos últimos anos, a sólida liquidez e financiamento e a posición de capital.
O cambio de perspectiva aplicado por DBRS únese aos efectuados no mesmo sentido en abril deste ano por Standard and Poor´s e en maio por Fitch, que situaron a perspectiva do rating emisor a longo prazo de ABANCA tamén en positiva.
ABANCA conta desde abril de 2022 con grao de investimento nos ratings das catro axencias que a cualifican: Standard and Poor´s, Moody´s, Fitch e DBRS.