Fitch mellora en dous chanzos o rating de fortaleza financeira de ABANCA
A axencia de cualificación Fitch elevou en dous chanzos, dende bb- a bb+, o rating de viabilidade de ABANCA. Na metodoloxía de Fitch, unha das tres axencias que xunto a Standard & Poor´s e DBRS avalían a ABANCA, o rating de viabilidade (Viability Rating) é o que reflicte a fortaleza financeira intrínseca da entidade cualificada.
Fitch Ratings basea a mellora da cualificación de ABANCA na favorable evolución da calidade dos seus activos e no incremento da súa capitalización. Así mesmo, a axencia considera “adecuados os seus niveis de financiamento e liquidez”. Fitch tamén confirmou a cualificación de ABANCA a longo prazo en BB+, aínda que mellorando a súa perspectiva, que pasa de negativa a estable.
O rating a curto prazo mantense en nivel B, sen cambios con respecto ao informe anterior.
Outras cualificacións
Aínda que non están incluídos neste informe, Fitch tamén avalía o programa de cédulas hipotecarias e as emisións de débeda con aval do Estado de ABANCA. A cualificación para as cédulas hipotecarias está situada en BBB+, o máximo posible en función da cualificación a longo prazo do banco. Pola súa parte, o rating de débeda avalada polo Estado está situado en BBB+.