Fitch mellora un chanzo o rating de ABANCA e sitúao en grao de investimento
- A axencia estadounidense basea a súa decisión na mellora continua da calidade dos activos e o fortalecemento do resto de magnitudes da entidade
- Son xa dúas as axencias que sitúan o banco en grao de investimento
- ABANCA continúa en 2019 a tendencia positiva do ano pasado, no que recibiu oito accións de rating positivas de catro axencias
A axencia de cualificación Fitch Ratings elevou o rating a longo prazo de ABANCA un chanzo, de BB+ a BBB-, o que supón situar a entidade financeira na categoría de grao de investimento. A entidade galega entra no grupo de entidades cualificadas con grao de investimento por Fitch, entre as que se atopan os principais bancos nacionais.
A axencia recoñeceu o continuo bo desempeño que veu mostrando ABANCA desde o seu lanzamento en 2014. En concreto, Fitch recoñece que “a xeración de ingresos mellorou estruturalmente impulsada polo crecemento do crédito e o maior volume de produtos fóra de balance”.
Ademais, Fitch Ratings basea a súa decisión na mellora da calidade dos activos de ABANCA, a súa sólida posición de capital e liquidez, e o fortalecemento da súa franquía. A axencia tamén valora positivamente as recentes adquisicións de Deutsche Bank Portugal e Banco Caixa Geral, na medida en que contribuirán a diversificar e reforzar a capacidade de xeración de ingresos.
Segue a tendencia á alza
ABANCA inicia 2019 na mesma liña de mellora de cualificacións seguida ao longo de todo o pasado exercicio.
Á acción anunciada hoxe por Fitch Ratings únese a mellora na cualificación das cédulas hipotecarias comunicada onte por S&P, que as situou na máxima nota posible.
En recoñecemento da súa boa evolución, o banco recibiu en 2018 un total de oito accións positivas por parte das catro axencias que o cualifican.
Tras esta acción, ABANCA conta xa con dous ratings na categoría de grao de investimento entre o catro axencias recoñecidas polo Banco Central Europeo.