Francisco Botas: “A transición cara a sostibilidade debe facerse de maneira ordenada e por sectores, e chegar a cada individuo”
- O conselleiro delegado de ABANCA interveu na xornada ‘Cara a unha sociedade sostible’, centrada na transformación do modelo socioeconómico, e na que tamén interveu o sociólogo estadounidense Jeremy Rifkin
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, interveu hoxe en Madrid na xornada ‘Cara a unha sociedade sostible’, evento que reuniu a recoñecidos expertos en economía e desenvolvemento para reflexionar sobre a transformación do actual modelo socioeconómico cara a un paradigma máis sostible. A Xornada contou coa intervención de Jeremy Rifkin, economista, sociólogo, asesor de gobernos, e autor de máis de vinte libros de gran influencia sobre tendencias de futuro.
Entre outras cuestións, Francisco Botas fixo un chamamento a implicar aos cidadáns na evolución cara a unha sociedade sostible, avogou por unha transición ordenada e planificada cara ao novo modelo, e expuxo as accións postas en marcha por ABANCA para promover a sostibilidade. O evento, organizado por ABANCA en colaboración co grupo Prisa, congregou a case 100 asistentes, fundamentalmente empresarios representantes do terceriro sector.
Antes de presentar a Rifkin, Francisco Botas realizou unha intervención na que fixo fincapé na necesidade de comprender que “a crise climática non é episódica, senón que ten un carácter estrutural” e avogou por difundir unha “comprensión holística do que está a ocorrer”. “Non só é necesario evitar que a temperatura media planetaria continúe aumentando, senón que é esencial que se recoñeza e asuma a interconexión que hai entre o ambiental, o social e o económico”, defendeu.
Transición ordenada
Para lograr que a transición cara a unha sociedade e unha economía sostibles non derive na creación de novos problemas, Francisco Botas fixo un chamamento a realizar os cambios “baixo criterios de sensatez, e sen improvisar medidas que non respondan a análises e proxeccións rigorosas”. Na súa opinión, para asegurar a súa efectividade é necesario que “os propios cambios sexan sostibles no tempo”.
Para aproveitar as oportunidades que a transición pode abrir, o conselleiro delegado de ABANCA defendeu unha aproximación ao problema baseada na “xestión en positivo do impacto do cambio”. Neste sentido, citou previsións que apuntan a un aforro de 630.000 millóns de euros anuais e a creación de máis de 2 millóns de empregos na UE para 2030. Ademais fíxose eco do informe ‘Better Business, Better World’, de 2017, que afirma que alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable pode xerar polo menos 10.000 millóns de euros en oportunidades de negocio a nivel global ata 2030 e crear 380 millóns de empregos, principalmente en catro sectores empresariais: alimentos e agricultura, cidades, enerxía e materiais, e saúde e benestar. “Temos as capacidades para que a transición se faga de maneira ordenada e por sectores e chegue a cada individuo”, destacou.
Compromiso ABANCA
No último bloque da súa intervención, o conselleiro delegado de ABANCA repasou o papel do sector financeiro nesta transformación. “É necesario que o sector implante medidores do risco relacionado co cambio climático e a transición”, defendeu.
Francisco Botas lembrou que ABANCA é unha das entidades que subscribiron os Principios de Banca Responsable da Iniciativa Financeira do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente, e mencionou algunhas das accións concretas que o banco puxo en marcha seguindo as súas premisas.
Entre elas destacou a creación de novos produtos e servizos, como o servizo de xestión de carteiras Alpha Responsable, conformado con fondos de investimento que atenden a criterios de sostibilidade ambiental, compromiso social e ética na gobernanza, a participación en proxectos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, o apoio a proxectos de enerxías renovables, a redución do consumo enerxético e de papel nas operacións do banco, e a aplicación de políticas de crecemento da carteira de clientes e proxectos de categoría green.
A ponencia de apertura da Xornada foi realizada por Emma Navarro, vicepresidenta do Banco Europeo de Investimentos, e a continuación tivo lugar a intervención de Francisco Botas, quen deu paso a Jeremy Rifkin. Finalmente celebrouse a mesa de debate 'Os retos da transición da sociedade brown á green'. Participaron nela Carlos Mataix, director do Centro de Innovación en Tecnoloxías para o Desenvolvemento Humano da Universidade Politécnica de Madrid, Jaime Pérez Martín-Gaiteiro, profesor de Sostibilidade e Creación de Empresas do IESIDE, e Carmen Sánchez Miranda, directora xeral de ONU-Habitat en España.