Francisco Botas repasa en IESIDE as claves da transformación de ABANCA
- O conselleiro delegado de ABANCA imparte na Coruña unha conferencia sobre a evolución e retos de futuro do sistema financeiro español
- Una folla de ruta definida, orientación ao mercado, foco no cliente, equipo humano, innovación e implicación con Galicia explican a evolución positiva de ABANCA, segundo Francisco Botas
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas Ratera, repasou esta tarde na Coruña as claves da transformación estratéxica integral acometida por ABANCA nos últimos tres anos, que a levaron a converterse nun dos bancos españois máis sólidos a pesar da complexidade da contorna.
Francisco Botas impartiu no Campus da Coruña do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) a conferencia “Transformación da banca española. Retos de futuro’. O directivo de ABANCA iniciou o seu relatorio cunha análise do impacto da crise económica e financeira no sector bancario español e os desafíos e oportunidades que se presentan nos próximos anos, nun contexto marcado polos tipos de xuro negativos, a presión regulatoria con crecentes esixencias de capital e protección do cliente, a revolución dixital e a irrupción no mercado de novos actores tecnolóxicos.
Tras este percorrido pola evolución do sector e o seu horizonte a medio prazo, Francisco Botas centrou a súa intervención no proceso de transformación estratéxica integral desenvolvido por ABANCA desde 2014 cunha “folla de ruta clara”, cun modelo de negocio, gobernanza e xestión de riscos totalmente renovados, que garantisen a sustentabilidade futura da entidade. Tres anos despois, resaltou, “ ABANCA é un dos bancos con mellor perfil financeiro do país”, cun nivel de capitalización moi por encima das esixencias regulatorias, unha das coberturas sobre activos improdutivos máis elevadas do sector e unha rendibilidade sostida por encima do 8% a pesar do contexto de tipos negativos.
Entre as claves da transformación da entidade o conselleiro delegado de ABANCA citou a orientación ao cliente e a súa experiencia, o que permitiu ao banco mellorar significativamente os índices de satisfacción ( ISN) e prescrición neta ( IPN) desde 2013. A este factor sumou tamén o compromiso do equipo humano do banco, do que destacou a súa “motivación, implicación e formación”, así como a súa elevada cualificación profesional e a mellora nos índices de cultura e clima experimentada nos últimos anos.
Francisco Botas referiuse ademais á estratexia de orientación ao mercado desenvolvida pola entidade, cuxo principal expoñente é a aposta pola concesión de crédito a familias e pequenas empresas. “ABANCA é a entidade con maior crecemento do crédito a clientes no último ano”, subliñou, á vez que destacou que o banco gañara neste período cota de mercado en todas as liñas de negocio.
Innovación e dixitalización
Durante a súa intervención, o conselleiro delegado de ABANCA aludiu tamén á innovación e a dixitalización como outros dos factores determinantes da transformación positiva da entidade financeira galega. Neste sentido, mencionou as iniciativas máis relevantes desenvolvidas polo banco nos últimos anos, entre as que destacan a firma das operacións de empresas desde o móbil ou o alta de cliente a través de videochamada. Desvelou que case a metade dos clientes son dixitais activos e un 43% das transaccións da entidade realízanse a través de canles online.
Por último, Francisco Botas resaltou “a implicación de ABANCA con Galicia” con datos sobre a concesión de crédito ao tecido produtivo e a posición de liderado da entidade financeira na comunidade, á que achega o 12% do PIB galego e o 13% do emprego e cuxa labor social chega a máis de 1.000.000 de usuarios.