Máis de 45.700 persoas visitaron a exposición ‘Dalí y el surrealismo en la Colección de Arte ABANCA’ no Museo Nacional Thyssen
- A segunda proposta expositiva do banco no museo madrileño superou amplamente os 41.000 visitantes que recibiu en 2015 Picasso y el cubismo.
A exposición Dalí y el surrealismo en la Colección de Arte ABANCA clausurouse este domingo 27 de xaneiro no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza con gran éxito de público. A mostra atraeu en total a 45.711 visitantes, que puideron gozar dunha selección de 13 obras do fondo artístico do banco vinculadas a este movemento artístico.
É a segunda vez que ABANCA mostra en Madrid, en colaboración co Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, parte da súa colección de arte, despois da exposición Picasso y el cubismo en la Colección de Arte ABANCA, que se puido contemplar no mesmo espazo do museo durante o outono de 2015 e que foi visitada por máis de 41.000 persoas.
A segunda proposta expositiva centrouse na figura de Salvador Dalí, outro dos artistas fundamentais da Colección ABANCA. En concreto, mostráronse dous lenzos especialmente significativos dentro da súa ampla produción artística, Les Roses Sanglantes (1930) y Cour ouest de l’îlle des morts (obession reconstitutive d’après Böcklin) (1934).
Estas dúas obras constituíron o eixo central da exposición, que estivo aberta ao público no museo madrileño desde o 6 de novembro. O proxecto completouse con outros 11 cadros destacados da pinacoteca corporativa de autores con recoñecido prestixio no panorama internacional como Giorgio de Chirico, Max Ernst, Roberto Matta, Wildfredo Lam, Joan Miró, Óscar Domínguez, Maruja Mallo, Eugenio Fernández Granell e Urbano Lugrís.
Con estes proxectos expositivos, ABANCA avanza no seu obxectivo de achegar ao público o seu valioso patrimonio artístico, unha colección composta en total por 1350 obras entre pinturas, esculturas, fotografías, gravados, debuxos e instalacións de 250 artistas tanto españois como internacionais. Trátase dunha das coleccións artísticas de carácter privado máis importante de España e configura un conxunto de gran interese para coñecer a evolución e os movementos que definiron a historia da arte do século XX.