NCG Banco cumpre o obxectivo de beneficio tras dedicar 1.309 millóns a dotacións e saneamentos
Resultados 2013
- O beneficio neto atribuído ascende a 18 millóns
- Crédito: 6.129 millóns en novos préstamos, o 70% en Galicia
- O capital principal alcanza o 11,60% cun excedente de 590 millóns
- Os gastos de explotación redúcense un 37%
NCG Banco obtivo un resultado de 871 millóns de euros antes de provisións superando a previsión do plan de recapitalización aprobado en 2012, que prevía un beneficio atribuído de 14,8 millóns de euros para o exercicio 2013. Despois de destinar 1.309 millóns de euros a provisións e saneamentos, o beneficio neto atribuído ao grupo é de 18 millóns de euros.
A entidade optou ao peche do exercicio por non primar a obtención de beneficio e manter unha política de máxima prudencia dirixida a reforzar o balance. O banco destinou a provisións e saneamentos os resultados extraordinarios e os créditos fiscais activados no ano para cubrir posibles deterioracións futuras nos seus activos inmobiliarios e participacións empresariais, amais doutras continxencias.
A actividade estivo condicionada polas restricións fixadas pola folla de termos, postas de manifesto tanto na redución de oficinas e emprego como nas esixencias de desinvestimento e as limitacións para a operatoria bancaria fóra de Galicia. NCG Banco reduciu en 7.296 millóns de euros o seu balance en 2013.
Ver imaxe 1
Ingresos recorrentes
A marxe de intereses elevouse a 665 millóns de euros, un 8,1% menos con respecto a 2012. A baixada en cifras absolutas da marxe de intereses débese á redución do balance, a eliminación das cláusulas teito (desde maio 2013) e á venda de oficinas. En termos relativos, a marxe respecto dos activos totais medios xestionados pola entidade foi superior ao cociente de 2012 en 9 puntos básicos.
O banco reduciu nun 23% os ingresos por comisións debido á estratexia comercial de eliminar o cobro de comisións administrativas a aqueles clientes con maiores niveis de vinculación e fidelidade. Os ingresos netos por comisións situáronse en 163 millóns de euros. O cociente de comisións netas sobre volume de negocio mantense estable.
O resultado de operacións financeiras (ROF) alcanzou os 653 millóns de euros, incluído o impacto da xestión de instrumentos híbridos. A marxe bruta incrementouse un 51,7%, ata situarse nos 1.479 millóns de euros.
Redución de gastos
A entidade logrou reducir os gastos de explotación un 36,5%, ata os 608 millóns de euros. A xestión dos gastos e a xeración de ingresos traducíronse nunha mellora do cociente de eficiencia recorrente de 9,45 puntos porcentuais.
NCG Banco conclúe 2013 cunha rede de 592 oficinas: 580 sucursais operativas en España (541 en Galicia) e 12 oficinas no estranxeiro (7 delas de representación).
O cadro de persoal da matriz do banco ao peche do exercicio era de 4.362 profesionais.
Saneamento de balance
O resultado antes de provisións foi de 871 millóns de euros. A boa evolución dos ingresos e os gastos da entidade, unida ao impacto na conta da monetización dos créditos fiscais, permitiu ao banco acelerar a súa política de saneamento. As provisións e saneamentos totalizan 1.309 millóns de euros en 2013. Nos últimos dous anos, NCG Banco destinou a saneamentos 9.533 millóns de euros, superando a deterioración identificada no escenario adverso das probas de estrés realizadas por Oliver Wyman en setembro de 2012.
O banco mantén tamén unha estrita política de cualificación de riscos. O 88% dos créditos refinanciados están cualificados como dubidosos ou subestándar, un das porcentaxes máis elevadas do sistema financeiro español, e claramente por encima do 60% do conxunto de entidades de referencia.
O saneamento e a aplicación rigorosa dos criterios de clasificación contable repercuten na morosidade do grupo. O saldo de créditos dubidosos situouse en decembro en 5.093 millóns de euros, o que se traduce nunha taxa de morosidade do 17,62%. O cociente de cobertura situouse no 56,4%.
Capacidade para xerar capital
Unha vez realizada a venda de EVO Banco, o cociente de capital principal elevouse en 2013 ao 11,60% o que supón duplicar os niveis cos que finalizou 2012. O capital ascende a 2.636 millóns de euros, cun exceso sobre o mínimo exixible de 590 millóns de euros.
Liquidez
NCG Banco pechou o exercicio de 2013 cuns activos líquidos dispoñibles de 9.831 millóns de euros, volume que permitiría á entidade cubrir 1,36 veces os vencementos de emisións maioristas netas, é dicir, ten unha folgura de 2.602 millóns de euros.
O banco continuou avanzando durante 2013 no reequilibrio do seu balance, reforzando a súa orientación cara ao negocio minorista. A esta estratexia responde a redución da operatoria de emisións maioristas en 8.436 millóns de euros. A porcentaxe de crédito financiado por depósitos minoristas aumentou en 5 puntos porcentuais durante o ano pasado e situouse no 96%.
Crédito minorista en Galicia
NCG Banco concedeu 6.129 millóns de euros en financiamento, fundamentalmente a pemes, autónomos e a familias: 2.846 millóns corresponden a novos préstamos e 3.283 millóns, a financiamento ao tecido empresarial a través de liñas de desconto, factoring, confirming ou comex. NCG Banco concedeu o ano pasado 3.360 hipotecas a familias, por un importe global de 286 millóns de euros.
Máis do 70% do crédito de 2013 (4.355 millóns de euros) concedeuse a través de Novagalicia, marca coa que a entidade opera fundamentalmente en Galicia. O impulso minorista nesta comunidade permitiu ao banco incrementar en 62 puntos básicos a súa cota de mercado de crédito en 2013.
O banco renegociou en 2013 as hipotecas de 4.674 familias en dificultades económicas, para axustar as súas condicións á súa capacidade real de pago.
Depósitos
Os depósitos minoristas descenderon un 4% no ano. A evolución dos depósitos de clientes en 2013 estivo condicionada pola redución da operatoria mariorista, que diminuíu o seu saldo en 5.705 millóns de euros, así como co traspaso de negocio derivado da venda de oficinas. Os depósitos á vista incrementáronse un 2,4%. O saldo total desta carteira de pasivo situouse en 29.357 millóns de euros ao peche do exercicio.
Os recursos xestionados fóra de balance (fondos de investimento, plans de pensións e seguros) presentaron un saldo ao peche de 2013 de 3.285 millóns de euros. O patrimonio xestionado polo banco en fondos de investimento incrementouse nun 6,6% no ano.
Desinvestimentos
En 2013 NCG Banco acelerou a súa política de desinvestimentos:
- A venda de EVO Banco a Apollo European Principal Finance Fund II (Apolo EPF II), que se adxudicou en setembro de 2013 e realizouse en febreiro de 2014.
- Venda de 66 oficinas ao Banco Etcheverría.
- Venda de 29 participacións empresariais, que supuxeron un volume de ingresos para a entidade de 222 millóns de euros.
- Venda de 3.316 inmobles, incluídos os pertencentes á SAREB (Sociedade de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria) comercializados pola entidade. O importe total das vendas ascendeu a 264 millóns de euros.
Privatización
En decembro de 2013, o FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria), pertencente ao Estado español e accionista maioritario de NCG Banco, acordou en decembro de 2013 a venda a Banco Etcheverría Grupo Banesco das súas accións e as do Fondo de Garantía de Depósitos, representativas do 88,33% do capital da entidade por un importe de 1.003 millóns de euros. As condicións da compravenda non inclúen a concesión dun esquema de protección de activos. A operación está pendente de autorización por parte da Comisión Europea.
Conta de resultados consolidada
Ver imaxe 2