O comercio galego celebra os “Días azuis”
- ABANCA, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia presentan en Santiago a segunda edición desta iniciativa para incentivar as compras nos negocios de proximidade
- Este ano repartiranse un total de 80 tarxetas agasallo con premios de 300 e 150 euros para mercar nos comercios
O director de Rede Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa; a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; presentaron esta mañá en Santiago a segunda edición da campaña “Días azuis do comercio galego”.
O acto, que tivo lugar na sede da Consellería de Economía, Emprego e Industria, serviu para dar a coñecer os detalles dunha iniciativa que se desenvolverá entre o 7 e o 21 de maio. Esta proposta volve co obxectivo posto en dinamizar o comercio galego de proximidade, incentivando as compras e premiando a confianza dos consumidores. As compras realizadas durante este tempo poden entrar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas agasallo de 300 e 150 euros. Os gañadores coñeceranse o vindeiro 25 de maio, data na que se celebra o sorteo ante notario.
A dinámica e similar á do ano anterior e serán os propios clientes os que terán que rexistrar a súa compra na web www.diasazuis.com de maneira sinxela. Tamén se poderá solicitar ao comerciante que faga esta xestión, en cuxo caso duplicaranse as participacións. Os negocios participantes contarán con carteis, identificados cun círculo azul grande que é a imaxe da campaña, ademais doutros elementos corporativos. Aínda que os negocios non estean adheridos aos “Días azuis”, os clientes poderán rexistrar a súa compra na web e optar ás tarxetas agasallo.
A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Conta coa colaboración de ABANCA, entidade que aporta os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de Galicia.