Ons acolle a próxima acción de conservación do medio ambiente do voluntariado de Obra Social ABANCA
- Os voluntarios da entidade financeira reuniranse este sábado 2 de xuño na contorna da Illa de Ons
- Con esta acción o banco pretende colaborar na eliminación de especies exóticas invasoras na zona
O vindeiro sábado 2 de xuño os voluntarios de Obra Social ABANCA realizarán unha actividade de conservación do medio natural na contorna da Illa de Ons, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A actividade está enmarcada na celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o 5 de xuño.
Os participantes poñerán rumbo á illa ás dez da mañá desde o Porto de Portonovo. Unha vez alí, a xornada centrarase na eliminación de especies exóticas invasoras e estará seguida dunha ruta interpretativa para poñer en valor a riqueza paisaxística, faunística e botánica da zona. Espérase que as actividades se alonguen ata as cinco da tarde.
Nesta expedición, os empregados da entidade financeira estarán acompañados por clientes e outras persoas interesadas en participar. A actividade conta ademais coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, cuxos expertos asesorarán e orientarán aos voluntarios.
Recuperación ambiental: eixo central do voluntariado en 2018
O compromiso co medio ambiente é un dos piares fundamentais da Obra Social ABANCA. Este ano o banco organizou diferentes accións co obxectivo de mellorar e recuperar o patrimonio natural de Galicia. Os incendios de outubro centraron os esforzos dos voluntarios de Obra Social ABANCA, que xa realizaron distintas actividades para contribuír á reforestación dos montes galegos, con máis de 4.100 árbores replantados desde marzo. Unha cifra que se espera ampliar ata os 6.000 exemplares cando arranque a segunda fase de reforestación a partir de outubro.