Os clientes de ABANCA poderán retirar diñeiro gratis na maior rede de caixeiros do mercado español
- A entidade subscribe un acordo coa rede Euro 6000, Bankia e Banco Sabadell
- A alianza reúne un total de 17.808 caixeiros, 1 de cada 3 de toda España
ABANCA subscribiu coas demais entidades da rede Euro 6000, Bankia e Banco Sabadell un acordo que permite aos seus clientes retirar diñeiro en efectivo en 17.808 caixeiros de toda España en condicións vantaxosas, na inmensa maioría dos casos de maneira gratuíta.
Cun 37% do parque total de caixeiros automáticos e presenza en todas as provincias, a rede resultante desta alianza é a maior do mercado español e duplica en tamaño á segunda. ABANCA achega a esta alianza 1.034 caixeiros automáticos.
Coa firma deste acordo, axustado ao Real Decreto Lei 11/2015, de 2 de outubro, que regula as comisións pola retirada con tarxeta de diñeiro en efectivo en caixeiros automáticos, ABANCA amplía en máis de 8.000 o número de caixeiros nos que os seus clientes poden realizar de maneira gratuíta operacións de retirada de efectivo a débito.
Os clientes de ABANCA poden retirar efectivo a débito sen custo algún en calquera dispositivo da rede de caixeiros da entidade en toda España. Fóra de Galicia tamén poden facelo gratuitamente nos caixeiros da rede Euro 6000, Bankia e Banco Sabadell, cun límite de ata cinco operacións ao mes.
En caso de existir un custo, os clientes de ABANCA beneficiaranse dunha importante rebaixa sobre as tarifas anteriores, abonando 0,45 euros por operación nos caixeiros de Euro 6000 e 0,65 euros nos de Bankia e Banco Sabadell. Estes importes correspóndense estritamente cos custos do servizo e non supoñen marxe algún para as entidades.
Programa Cero Comisións
Este acordo non supón cambios no programa Cero Comisións de ABANCA, que exime de forma automática a máis dun millón de clientes do pago das comisións polas operacións e servizos máis habituais.
Os clientes con maior vinculación non pagan comisións de mantemento ou administración polas súas contas, por transferencias, por ingresos de cheques nacionais en euros, ou polo servizo de avisos por SMS. Tampouco pagan polas súas tarxetas de crédito e débito, e poden retirar diñeiro gratis coa súa tarxeta de débito ABANCA en calquera caixeiro do mundo fóra de Galicia, sen límite de operacións nin de importe.