RESULTADOS 1T 2019: ABANCA gaña 156 millóns e continúa aumentando os seus ingresos recorrentes
- Cun ROE do 13,5%, a entidade é unha das máis rendibles do sector financeiro español
- A marxe bruta avanza un 7,1% baseada nos ingresos recorrentes
- O volume de negocio rompe por primeira vez a barreira dos 70.000 millóns (+6,5%), grazas a aumentos tanto do crédito como dos depósitos
- O nivel de satisfacción dos clientes increméntase un 48% grazas aos investimentos en maior capacidade de servizo e innovación en produtos
- O financiamento a pemes e autónomos, con 525 millóns de euros en novas formalizacións no trimestre, mantense como pilar do crecemento do crédito
- A nova produción de seguros crece un 59,8%, mentres que os fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro crecen un 3,4%,
- A taxa de morosidade baixa ao 3,5% tras 21 trimestres consecutivos de redución de saldos morosos, e a cobertura mantense no 59%
- O ratio de capital CET1 sitúase no 14,8%, 604 puntos básicos por encima dos requisitos regulatorios.
- No primeiro trimestre do ano Fitch Ratings elevou a cualificación de ABANCA ao nivel de grao de investimento
Descarga los contenidos anexos
ABANCA pechou o primeiro trimestre de 2019 cun beneficio neto de 156 millóns de euros. Cun ROE do 13,5%, a entidade continúa sólidamente posicionada entre as máis rendibles do sector.
O resultado obtido aséntase na crecente capacidade de xeración de ingresos mostrada pola entidade, tal e como reflicte o incremento do 7,1% da súa marxe bruta. Dentro desta mellora, destacan especialmente as rexistradas pola marxe comercial e os ingresos por servizos.
Todo esto viuse acompañado dunha significativa mellora da calidade do activo. Os saldos dubidosos, que se reduciron nun 28,9% con respecto ao mesmo periodo do ano anterior, encadean 21 trimestres consecutivos de descenso. A taxa de morosidade quedou situada deste xeito no 3,5%.
Aumento dos ingresos
ABANCA continúa incrementando a súa capacidade de xeración de ingresos grazas ao desenvolvemento da súa actividade minorista. A marxe bruta do primeiro trimestre alcanzou os 284,4 millóns de euros, o que supón un 7,1% máis que no mesmo periodo do ano anterior.
A marxe comercial mantén a tendencia dos últimos trimestres e é a principal fonte de crecemento da marxe de intereses. Este resultado conseguiuse grazas á boa xestión de prezos, que permite optimizar o spread con clientes, e ao dinamismo comercial, que xera unha nova produción con mellores taxas tanto no activo como nos depósitos a prazo.
Dentro do capítulo de ingresos recorrentes destaca o avance dos ingresos por prestación de servizos, que crecen un 8,2%. Todas as partidas comparten a evolución positiva: os ingresos por servizos bancarios crecen un 13,4%, os procedentes de cobros e pagos un 9,7% e os xerados por venda de seguros, plans e fondos un 1,8%.
Crecemento eficiente
ABANCA continúa coa súa aposta por proxectos estratéxicos que reforcen o seu perfil financeiro e de xeración de ingresos de maneira eficiente.
O seu ratio de eficiencia situouse ao peche de marzo no 52%, en liña coas mellores prácticas do sector.
Ao bo comportamento deste ratio contribuiron tanto a optimización de gastos non estratéxicos como a mellora dos ingresos: a marxe bruta avanzou un 7,1%.
A mellora das capacidades dixitais constitúe unha das palancas de transformación fundamentais da entidade, tanto no tipo de operatoria como na productividade. As canles dixitais xeran xa o 56,4% do total de transaccións, cun crecemento do 12,7% interanual, e son decisivos para incrementar tanto o volume de negocio como a productividade por empregado.
Volume de negocio por encima dos 70.000 millóns
O volume de negocio situouse por primeira vez por encima do nivel dos 70.000 millóns de euros tras rexistrar ao peche do primeiro trimestre un incremento interanual do 6,5%. Este crecemento é froito de incrementos equilibrados nas epígrafes tanto de crédito a clientes como de captación de recursos.
A carteira de crédito normal a clientes experimentou un crecemento do 6,5%. Nela presenta un protagonismo cada vez maior o financiamento a empresas e autónomos, colectivos que recibiron no primeiro trimestre do ano 525 millóns de euros en novas formalizacións e supoñen xa o 40% do investimento crediticio total.
Esta evolución do negocio está vinculada coa aposta da entidade por potenciar os niveis de satisfacción do cliente, algo que reflíctese no aumento do IPN (Índice de Prescrición Neta) de 23 a 34 puntos.
Destacan especialmente os niveis de recomendación mostrados polos sectores máis xóvenes (un 58% deles recomendan activamente ABANCA). Ademáis, o 68% dos novos clientes de ABANCA recomendan a entidade e o IPN tras a contratación de novos produtos sitúase en 59 puntos.
Os recursos captados de clientes aumentaron un 6,7%, con crecente protagonismo dos saldos á vista e os fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro.
A nova produción de seguros aumentou un 59,8%, destacando os seguros de saúde (+59%), os de empresas (+37%), e os de vida risco (+19%). A Tarifa Plana de Seguros, o servizo estrela de ABANCA neste mercado, rexistrou máis de 16.000 novas altas no trimestre.
En cabeza en calidade da carteira
Tras un novo descenso rexistrado nos primeiros tres meses de 2019, ABANCA acumula xa 21 trimestres consecutivos de redución de saldos dubidosos. Entre marzo de 2018 e marzo de 2019 estes activos reducíronse nun 28,9%, o que permitiu situar a taxa de morosidade no 3,5%, amplamente por debaixo da media do sistema financeiro español.
ABANCA é a entidade española con menor carteira de dubidosos de crédito, situación que únese ao reducido importe de activos adxudicados que ten no seu balance. En conxunto, considerando o nivel de crédito dubidoso e activos adxudicados sobre os activos totais, ABANCA é, cun ratio do 1,6%, a segunda entidade do ranking español.
O custo do risco (CoR), situado no 0,1%, mantense entre os mellores do mercado grazas á redución de activos dubidosos.
ABANCA sitúase á cabeza en canto a cobertura de activos improdutivos, cunha taxa total que aumentou 7 décimas desde decembro, ata situarse no 59,2%. A redución de activos improdutivos, unida aos elevados niveis de cobertura e capital, continúa situando a ABANCA, por un trimestre máis, como a entidade con mellor ratio Texas do sistema (32,8%).
Liquidez e capitalización
A entidade dispón dunha cómoda posición de liquidez de 12.344 millóns de euros entre activos líquidos e capacidade de emisión de cédulas. Os activos líquidos cubren máis do dobre dos vencementos de emisións. Os ratios de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR, situados respectivamente no 127% e no 235%, cumpren os requisitos regulatorios fixados en Basilea III.
O ratio de capital total avanza na diversificación da súa estrutura e sitúase no 17,0% phase-in (16,2% fully loaded). O capital de máxima calidade (CET1) quedou situado no 14,8% phase-in (14,0% fully loaded), entre os máis elevados do sistema español, con 604 puntos básicos por encima dos requisitos regulatorios.
Melloras nas cualificacións das axencias de rating
Neste primeiro trimestre, a axencia de calificación Fitch Ratings revisou o rating que outorga a ABANCA elevándoo á categoría de grao de investimento.
Á hora de tomar esta decisión, a axencia destacou a mellora substancial da calidade dos activos da entidade, así como o fortalecemento da súa franquía, a sólida posición de capital, a estabilidade do perfil de financiamento e liquidez, e a mellora da rendibilidade recorrente.
Así mesmo, Standard & Poor´s sitúa a cualificación de ABANCA a un chanzo da categoría de grao de investimento, mentres que Moody´s outorga perspectiva positiva ao rating da entidade.