RESULTADOS 1T 2020: ABANCA logra un beneficio de 127 millóns, tras fortalecer as provisións con 78 millóns
- ABANCA aplica un plan de resposta ao COVID-19 baseado no apoio financeiro a clientes, a operatoria a distancia, a protección das persoas e as iniciativas sociais
- A través do Plan Anticipar, ABANCA pon a disposición dos principais axentes económicos 7.900 millóns de euros en financiamento
- Cun cociente de capital total do 15,6% e un superávit de 1.221 millóns sobre CET1, a capitalización supera os requisitos regulatorios
- O resultado supón unha rendibilidade (ROE) do 10,9%
- A entidade sitúase entre as primeiras do sector por taxa de cobertura de activos improdutivos (61,1%)
- A taxa de morosidade está no 2,7%, nivel amplamente inferior á media española
- Os ingresos recorrentes continúan mellorando (+17,4% marxe básica) e mantéñense como piar da rendibilidade
- O banco continúa elevando o seu volume de negocio, que supera os 85.500 millóns de euros
- ABANCA mantén unha sa estrutura de financiamento baseada en depósitos da clientela, cun cociente LTD do 98%
- Excluíndo as provisións extraordinarias derivadas de COVID-19, o beneficio neto mellora un 0,5%
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo no primeiro trimestre de 2020 un beneficio neto de 127 millóns de euros, cifra que se traduce nunha rendibilidade ROE do 10,9%.
Os ingresos recorrentes, cunha marxe básica que creceu un 17,4%, continuaron mellorando e seguen sendo o piar fundamental do resultado obtido. A entidade mantivo este nivel de rendibilidade, entre os máis elevados do sector financeiro español, ao mesmo tempo que fortalece con 78 millóns as súas provisións para crédito. O obxectivo é facer fronte á previsible deterioración económica polo impacto da emerxencia sanitaria.
Grazas á súa política de prudencia e foco no longo prazo, a entidade afronta o escenario COVID desde unha posición financeira moi sólida: o nivel de capitalización supera amplamente os requisitos regulatorios (cociente de capital total do 15,6% e superávit sobre CET1 de 1.221 millóns); a cobertura de activos improductivos (61,1%) é das maiores do sector; a morosidade (2,7%) é inferior á media española; e a estrutura de financiamento está baseada principalmente en depósitos de clientes (cociente LTD do 98%). O volume de negocio continúa crecendo e supera os 85.500 millóns.
O banco está a desenvolver un amplo plan de acción dirixido a apoiar financieramente aos seus clientes, manter a operatividade a través de canles a distancia, preservar a protección fronte ao COVID-19 en oficinas e centros de traballo, e contribuír ao esforzo do conxunto da sociedade na súa loita contra a pandemia. Como parte destas iniciativas, ABANCA puxo a disposición de empresas, pemes, autónomos e comercios 7.900 millóns de euros en financiamento. Ademais, foi unha das entidades que máis cota consumiu dos créditos avalados polo ICO con 9.469 operacións xestionadas para pemes e autónomos por un importe de 893 millóns e 364 expedientes xestionados en Corporativa por un total de 547 millóns de euros.
Outro feito destacado do trimestre é a culminación da integración de Banco Caixa Geral, completada con éxito en marzo. Esta operación complementa o modelo e estratexia de ABANCA ofrecendo un alto potencial de xeración de valor, ampliando a súa rede comercial a novas provincias e reforzando a presenza noutras nas que xa opera.
A entidade está a analizar a posible adquisición do banco portugués Eurobic, nestes momentos pendente de finalizar o proceso de due dilligence. Esta operación encádrase na aposta estratéxica por Portugal como eixo de expansión, un mercado atractivo polo desempeño económico do país e no que a entidade conta cunha dilatada experiencia.
Elevada liquidez e capitalización
Os depósitos minoristas constitúen a base da estrutura de financiamento de ABANCA, cuxo cociente de créditos sobre depósitos (LTD) é do 98,0%. A entidade conta cunha cómoda posición de liquidez cifrada en 13.505 millóns de euros entre capacidade de emisión de cédulas e activos líquidos, o que lle permite cubrir máis do dobre dos vencimientos previstos de emisións.
Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR situáronse, respectivamente, no 127% e o 210%, niveis que acreditan o cumprimento anticipado dos requisitos regulatorios de Basilea III.
O banco presenta unha robusta posición en materia de solvencia. O cociente de capital total situouse a peche de marzo no 15,6%, cun exceso de 335 p.b. sobre os requisitos esixidos. O cociente de capital de máxima calidade, CET1, situouse no 12,7%, cun exceso de 394 p.b que supoñen un colchón de máis de 1.200 M€ sobre o mínimo esixido. Tras a emisión de outubro 2019, ABANCA xa cubriu o colchón de débeda subordinada clasificada como Tier 2 (2% s/ APR) requirido.
Rendibilidade e máxima prudencia
O resultado obtido polo banco no primeiro trimestre mostra a boa evolución do seu negocio con clientes minoristas, que segue gañando peso na conta de resultados. A marxe de intereses e os ingresos por prestación de servizos creceron a ritmo de dobre díxito en ambos os casos.
O primeiro deles mellorou un 13,8% interanual grazas ao dinamismo do negocio e a boa xestión de prezos. Os ingresos por prestación de servizos creceron un 27,7% interanual impulsados polos servizos de valor engadido para o cliente.
Os ingresos por recursos fóra de balance aumentaron un 50,2%, e os procedentes de cobros e pagos un 41,7%, mentres que os correspondentes a servizos bancarios descenderon un 9,8%. Todo iso tradúcese nun crecemento do 17,4% da marxe básica, que alcanzou os 208,7 millóns de euros e constitúe o núcleo da conta de resultados. A marxe bruta rexistrou un incremento interanual do 26,7%.
A base de custos mantense estable se se descontan os investimentos realizados nos procesos de integración. En todo caso, as integracións achegan maior volume de ingresos que de gastos e o cociente de eficiencia situouse no 48%.
A entidade aproveitou os resultados do primeiro trimestre para reforzar as provisións de crédito, anticipando a deterioración da contorna económica. O beneficio neto mellora un 0,5%. excluíndo as provisións extraordinarias derivadas do COVID-19.
Nova redución da morosidade
A entidade segue poñendo énfase na mellora da calidade da súa carteira. Tras unha redución do 1,6% interanual no total de saldos dubidosos, a morosidade rexistrou un novo descenso e quedou situada no 2,7%, amplamente por baixo da media do sector.
ABANCA afianza a súa posición como primeira entidade española por cobertura de activos improdutivos, cunha taxa de cobertura total do 61,1%. A taxa de cobertura da morosidade está situada no 61,6%, mentres que a cobertura de adxudicados é do 60,5%.
O seu sólido perfil financeiro acredita a ABANCA como unha das entidades máis saneadas do sector financeiro español. Tanto en cociente NPA, cun 4,7%, como en cociente Texas, cun 30,9%, ABANCA sitúase entre as mellores entidades españolas.
Continuidade no crecemento do negocio
Tras o peche do primeiro trimestre do ano, ABANCA xestiona un volume de negocio de 85.537 millóns de euros, un 20,6% superior ao de marzo de 2019. A entidade logrou este crecemento cun comportamento equilibrado do crédito normal a clientes, que aumentou un 25,3% até os 37.166 millóns de euros, e da captación de recursos, que se elevou un 18,4% até os 47.621 millóns de euros.
A integración dos negocios adquiridos resultou clave nestas cifras, aínda que descontando o seu efecto a entidade rexistra así mesmo significativos ritmos de crecemento, do 8,4% no crédito normal a clientes e do 3,8% na captación de recursos. A carteira de crédito está cada vez máis diversificada, mentres que nos recursos de clientes gañan peso os depósitos á vista.
Pola súa banda, as primas de seguros xerais e de vida-risco creceron un 9,8%. Destaca o comportamento da nova produción de seguros de pagos protexidos, cun crecemento do 23%, os seguros de decesos, que aumentaron un 13%, os seguros vida-risco, que o fixeron nun 10%, e os seguros de autos, cun 7%.
Plan de acción frente ao COVID-19
ABANCA está a aplicar un amplo plan de acción para afrontar as consecuencias da emerxencia sanitaria do COVID-19. O plan, que está centrado na protección e as necesidades financeiras e de operatividade das persoas, conta con iniciativas específicas para tres colectivos diferenciados: os empregados que compoñen o equipo do banco, os clientes, tanto empresas como particulares, e o conxunto da sociedade.
As accións dirixidas aos empregados teñen por obxectivo ofrecerlles unha contorna de traballo segura, proporcionarlles a infraestrutura necesaria para o teletraballo, e facerlles chegar apoio persoal e financeiro. O banco realizou un importante esforzo material para activar as medidas de protección necesarias nos seus espazos de traballo e de atención ao público. 4.000 empregados do banco e 800 de diferentes provedores, desenvolven diariamente o seu labor na modalidade de teletraballo.
As actuacións dirixidas aos clientes están enfocadas a garantir a súa protección nas súas visitas ás oficinas, a satisfacer as súas necesidades financeiras e a ofrecerlles distintas canles a distancia para a realización das súas operacións. A entidade reforzou a funcionalidade das súas canles de banca a distancia para a realización da maioría das súas operacións de maneira non presencial e incrementou os seus recursos de atención ao cliente.
Entre as medidas dirixidas aos particulares destacan o lanzamento de produtos de financiamento para persoas en situación de ERTE/ERE, a moratoria financeira para operacións hipotecarias e persoais, a validación automática de condicións de produtos e servizos para clientes que as viñan cumprindo, a condonación de tres mensualidades de aluguer a familias residentes en inmobles do Fondo Social de Vivenda, e o anticipo de pensións e prestacións por desemprego.
De cara ás empresas e autónomos, o banco lanzou, entre outras actuacións, o Plan Anticipar, dotado de 7.900 millóns de euros en financiamento para o tecido produtivo. Ademais, está a desenvolver unha elevada actividade na formalización de operacións de financiamento en colaboración co ICO e outros organismos e entidades (IGAPE, SGRs, etc.) e está a activar prórrogas, renovacións automáticas e ampliación de límites en operacións de financiamento vixentes. Concretamente cos créditos avalados polo ICO xestionou 9.469 operacións de pemes e autónomos por un importe de 893 millóns e 364 operacións de Corporativa por un total de 547 millóns de euros.
O terceiro bloque do plan integral de resposta de ABANCA fronte ao COVID-19 está dedicado ás accións de tipo social para contribuír ao esforzo do conxunto da sociedade. O banco doou 514 equipos (dos cales 150 son ucis para os hospitais galegos) e 72.000 unidades de material de protección en colaboración con Afundación. En colaboración co sector asegurador participou na creación dun seguro colectivo para profesionais sanitarios. Ademais impulsou outras moitas accións nos ámbitos da concienciación, a educación, a cultura e o deporte.