RESULTADOS 1T 2023: ABANCA logra 105 millóns de euros de beneficio neto, un 29,6% máis
- A entidade consigue un ROTE do 10,4% baseado no dinamismo da actividade retail e na elevada solidez do crédito
- ABANCA eleva o seu volume de negocio por encima dos 112.000 millóns de euros tendo en conta a recente adquisición de Targobank
- Captación de 29.000 novos clientes no trimestre, un 32% máis que no mesmo trimestre do ano anterior
- A combinación dunha taxa de morosidade moi baixa (2,2%) con coberturas elevadas (81,6% para créditos dubidosos) sitúa á entidade entre as mellores do sector
- ABANCA conta cun cociente de capital total do 16,2% e supera amplamente os requisitos regulatorios de solvencia
- Sólido perfil de liquidez: cociente créditos / depósitos do 90% que permitiu a amortización anticipada de 3.000 millóns de TLTRO
- Novos fitos no cumprimento do compromiso ESG: redución de consumos e emisións, novas accións de voluntariado ambiental e do programa de educación financeira, e reforzo da gobernanza
Descarga los contenidos anexos
ABANCA logrou no primeiro trimestre de 2023 un beneficio atribuído de 105,2 millóns de euros, cifra que supón un 29,6% máis respecto ao mesmo período do ano pasado. A obtención deste resultado estivo baseada na mellora dos ingresos e na elevada solidez do crédito. Tamén tivo un efecto significativo a contención de custos, que crecen por baixo da inflación e contribúen a mellorar en 5,8 puntos a eficiencia, ata o nivel do 57,0%. Todo isto permite á entidade conseguir un ROTE do 10,4% no primeiro trimestre.
A entidade acredita novamente a súa capacidade de xeración de resultados de calidade baseados no negocio retail. A marxe de explotación recorrente do trimestre duplicouse respecto da obtida no mesmo período de 2022 e as altas de novos clientes, máis de 29.000, rexistran un crecemento do 32,0%. O 60% destas novas altas están localizadas fóra do noroeste peninsular, o que reforza a dimensión ibérica da entidade.
ABANCA segue presentando un dos perfís financeiros máis sólidos do sector bancario español, grazas á máxima calidade dos seus activos (morosidade do 2,2% e taxa de adxudicados sobre balance do 0,3%), aos seus elevados niveis de cobertura (81,6% para activos dubidosos, e cociente Texas do 24,8%), aos seus robustos niveis de capitalización (capital total do 16,2% e exceso de 1.359 millóns de euros sobre requisitos) e á súa cómoda posición de liquidez (cociente LTD minorista do 90,3% e 15.321 millóns de euros en activos líquidos).
En materia de ESG, compromiso que o banco desenvolve a través do seu Plan de Banca Responsable e Sostible 2021-2024, a entidade alcanzou novos fitos en redución de consumos e emisións, puxo en marcha novas iniciativas de voluntariado ambiental e no seu programa de educación financeira, e aplicou diferentes medidas de reforzo do seu modelo de gobernanza.
Resultados recorrentes e de calidade
O crecemento do beneficio obtido por ABANCA no primeiro trimestre do exercicio, un 29,6% máis, ata os 105,2 millóns de euros, reflicte o bo comportamento do negocio retail e o control do custo do crédito e os gastos de explotación.
A marxe de intereses sitúase en 252,3 millóns de euros, o que supón un crecemento do 47,4%. Os ingresos por prestación de servizos tamén mostran un bo desempeño e aumentan un 9,8%, apoiando así o crecemento da marxe básica (36,5%) ata os 328,7 millóns.
Esta mellora está impulsada polos seguros e os medios de pago. Os servizos bancarios melloran a súa achega nun 17,5%, mentres que os cobros e pagos fano nun 18%.
A marxe bruta mellora un 13,8%, a pesar do incremento das cargas regulatorias e impostos. Os gastos de explotación crecen por baixo da inflación. Esta contención conséguese grazas aos proxectos de eficiencia levados a cabo nos últimos exercicios e á obtención das sinerxias pendentes dos negocios recentemente integrados.
Con iso a marxe de explotación recorrente (marxe básica menos gastos de explotación) duplica á correspondente ao mesmo período do exercicio 2022 e o cociente de eficiencia mellora 5,8 puntos porcentuais ata situarse no 57,0%.
Pola súa banda, a marxe antes de provisións crece un 31,5%. A entidade mantén unha prudente política de xestión do risco de crédito que lle permite manter uns elevados niveis de cobertura (81,6% para os activos dubidosos, que descenden un 2,6% respecto ao primeiro trimestre de 2022). Con todo iso, o custo do risco queda situado no 0,31%.
Baseada no bo comportamento das liñas retail da conta e no control do custo do risco debido á boa calidade do seu activo, ABANCA alcanza unha rendibilidade ROTE do 10,4%.
Crecemento san e rendible
A entidade incorporou nos primeiros tres meses do ano máis de 29.000 novos clientes, o 60% deles fóra da zona noroeste. Seguindo a mesma liña de dinamismo, ABANCA aumentou as novas formalizacións de crédito con particulares e empresas un 1,8% con respecto ao mesmo período do pasado exercicio.
Os préstamos e anticipos á clientela sitúanse en 44.333 millóns de euros. O crédito a clientes en situación normal supón 44.152 millóns de euros (47.576 millóns con Targobank, un 4,1% máis, interanual). Por tipo de cliente, a carteira segue centrada en particulares e empresas, que supoñen máis do 80% do total.
ABANCA xestiona 62.090 millóns de euros en recursos de clientes, cun perfil claramente minorista (64.503 millóns de euros con Targobank, un 4,2% máis, interanual).
Os depósitos de clientes situáronse en 49.076 millóns de euros (51.277 millóns con Targobank, un 3,7% máis, interanual). O perfil da carteira de depósitos é claramente minorista e moi diversificado, tal e como acredita o feito de que un 73% deles teñen cuantías inferiores aos 100.000 euros.
O negocio de asesoramento mantén o seu dinamismo. Os recursos fóra de balance están cifrados en 13.014 millóns de euros (13.227 millóns de euros con Targobank, un 6,0% máis, interanual). O servizo de xestión discrecional de carteiras presenta un volume xestionado superior aos 1.200 millóns de euros e uns 13.000 clientes.
A entidade continúa diversificando os seus ingresos. As primas de seguros xerais e vida risco crecen un 10,5% e sitúanse claramente por encima dos 400 millóns de euros. As principais liñas presentan crecementos de dous díxitos: 13% en empresas, 13% en pagos protexidos, 12% en autos e 12% en vida risco.
Tendo en conta a contribución do negocio de Targobank, ABANCA xestiona un volume de negocio superior aos 112.000 millóns de euros (106.423 millóns sen contar esta operación).
Entre as mellores en calidade de activos
ABANCA segue establemente posicionada como unha das mellores entidades do sistema financeiro español por calidade e cobertura dos seus activos.
A cobertura da morosidade está situada no 81,6% e a de adxudicados no 63,8%, mentres que o cociente Texas alcanza un nivel do 24,8%.
O importe dos saldos dubidosos redúcese un 2,6% en termos interanuais, o que permite a ABANCA situar a súa taxa de morosidade (2,2%) amplamente por baixo da media do sistema.
As operacións ICO, formalizadas por un importe total de 3.428 millóns de euros para apoiar ao tecido produtivo, manteñen unha traxectoria semellante á do resto do crédito de ABANCA e presentan un nivel de morosidade similar: unicamente o 3,1% delas atópase en situación de dubidoso.
Cómoda posición en solvencia e liquidez
O cociente de capital total de ABANCA alcanza o 16,2% (12,3% capital máxima calidade CET1). Grazas a unha estrutura de capital diversificada, a entidade conta con amplos colchóns sobre os requisitos establecidos: 371 p.b. (1.209 millóns de euros) en capital total e 417 p.b. (1.359 millóns de euros) en CET1.
A entidade conta cun cociente MREL do 19,3%, o que supón un incremento de 122 puntos básicos interanuais.
ABANCA presenta unha sólida posición de liquidez baseada en depósitos minoristas. Estes supoñen o 78% do total da estrutura de financiamento da entidade. O cociente de crédito sobre depósitos minoristas (LTD) está situado no 90,3%.
En financiamento maiorista, ABANCA conta cunha posición de 15.321 millóns de euros en activos líquidos, o que equivale a 3,9 veces o total dos seus vencementos previstos de emisións.
Adicionalmente, dispón dunha capacidade de emisión de cédulas de 5.972 millóns de euros.
Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR están situados, respectivamente, no 123% e o 204%.
Esta folgura permitiu á entidade amortizar anticipadamente 3.000 millóns de euros do mecanismo europeo de liquidez TLTRO (Operacións de Refinanciamento a Longo Prazo con Obxectivo) no trimestre, co que o saldo actual queda situado en 5.049 millóns de euros.
Banca responsable e sostible
ABANCA arrancou este 2023 alcanzando novos fitos no desenvolvemento do seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024, marco que dá estrutura e sistematiza o compromiso da entidade coa súa contorna.
En materia medioambiental, o banco segue reducindo o consumo de recursos e as emisións. En 2022, o consumo de papel descendeu en 82,9 toneladas. O consumo de electricidade reduciuse nun 0,7%, coa compoñente renovable como panca fundamental na estratexia enerxética do banco. O uso de renovables na súa actividade permitiu evitar 5.953,3 toneladas de emisións de CO2 e a xeración de enerxía en plantas fotovoltaicas propias creceu un 84,6%, ata os 725,59 Gj.
O compromiso de ABANCA coa transformación do sistema produtivo cara a un modelo máis sostible ten a súa tradución nun gran esforzo no financiamento de proxectos de enerxía renovable, cun saldo a peche de 2022 de 830,9 millóns de euros tras crecer un 12,8% no ano.
Tamén no plano medioambiental, e dentro do seu programa de voluntariado corporativo, o banco levou a cabo entre xaneiro e marzo deste ano numerosas accións de recuperación de espazos naturais.
No eido social, a actividade do banco neste primeiro trimestre estivo centrada en boa medida no seu Programa de Educación Financeira. O banco realizou novas accións formativas de capacitación dixital para maiores, de protección fronte á ciberdelincuencia para estudantes e de concienciación sobre a importancia da adecuada xestión das finanzas persoais para escolares. Tamén no ámbito educativo, en marzo tivo lugar a entrega dos VI Premios Educa ABANCA.
No plano cultural, a exposición ‘O debuxo na Colección ABANCA’, ofrece un achegamento global a esta modalidade artística a través dunha selección de 107 debuxos dos máis de 400 que forman parte do fondo artístico do banco. Pola súa banda, o programa ‘Cultura por alimentos’, de Afundación, alcanzou as 10 toneladas en doazóns.
O banco deu así mesmo novos pasos adiante en materia de gobernanza, que lle permitiron reforzar o seu enfoque cara ás finanzas sostibles, materia para a que o 50% do persoal xa recibiu formación específica. Dentro da súa estrutura organizativa, o banco creou un comité específico ao máximo nivel directivo para profundar nas liñas estratéxicas ESG. Outro fito relevante do trimestre é a adhesión de ABANCA á ‘Carta da diversidade’, que reforza o seu compromiso coa igualdade e a inclusión.