RESULTADOS 2018. ABANCA gaña 430 millóns e sitúa a súa rendibilidade no 11,4%
- Os ingresos recorrentes aumentan un 9,5% e mantéñense como principal compoñente da rendibilidade
- O volume de negocio con clientes situarase en 82.713 millóns polo crecemento orgánico e polas adquisicións de Banco Caixa Geral España e Deutsche Bank PCC Portugal
- Destacada fortaleza comercial tanto no negocio bancario como nos seguros, segmento no que se captaron máis de 80.000 clientes novos
- Continúa a optimización da calidade do activo: os saldos dubidosos baixan un 29,0%, a morosidade descende ata o 3,6% e a taxa de cobertura sube ao 58,5%
- Tras a colocación con éxito de dúas emisións, o cociente de capital acada o 17% reforzando a posición da entidade ante os retos del sector
- As axencias de cualificación apoiaron a evolución de ABANCA con oito accións de rating positivas no ano
Descarga los contenidos anexos
ABANCA rexistrou en 2018 o mellor exercicio da súa traxectoria en termos económicos ao pechar o ano cun beneficio neto de 430 millóns de euros, un 17,3% máis que en 2017. A rendibilidade ROTE situouse no 11,4%, o que reafirma a posición do banco entre as entidades españolas máis rendibles. A súa capacidade de xeración de resultados procede fundamentalmente dos ingresos recorrentes (marxe básica), que creceron un 9,5% como consecuencia de maiores achegas tanto pola vía de xuros como dos ingresos por servizos.
ABANCA destacou en 2018 pola súa fortaleza comercial no negocio bancario e de seguros. O volume de negocio con clientes incrementouse ata os 69.213 millóns de euros sen ter en conta operacións corporativas, un 5,6% máis. A entidade reforzou a súa base clientes cun incremento do 12% no número de nóminas domiciliadas, mentres que o número de novos clientes con seguros avanzou un 13%.
Este crecemento produciuse en paralelo a unha significativa mellora da calidade do activo. Os saldos dubidosos reducíronse nun 29% e a taxa de morosidade quedou situada no 3,6%, claramente por baixo da media sectorial española e en liña coa rexistrada polas entidades europeas.
Rendibilidade baseada en ingresos recorrentes e capacidades tecnolóxicas
O resultado obtido polo banco en 2018 tradúcese nun cociente de rendibilidade ROTE do 11,4%. Os ingresos recorrentes (marxe básica) reforzaron o seu peso crecente na conta de resultados, ao aumentar un 9,5% no exercicio e alcanzar os 720,9 millóns de euros.
A marxe de intereses incrementouse nun 11,5%. Tres cuartas partes deste incremento corresponden á actividade minorista, cuxa achega crece de maneira sostida pola boa xestión de prezos e o dinamismo comercial.
Os ingresos por servizos mostraron a mesma tendencia positiva, cun crecemento do 3,8% ata os 176,2 millóns de euros. Dentro desta liña destaca a achega do negocio de produtos de valor engadido (os seguros, plans de pensións e fondos de investimento), que creceu un 9,7%.
Os investimentos en dixitalización e tecnoloxía están a ser un alicerce destacado na crecente xeración de ingresos recorrentes. O intenso programa de investimentos en capacidades comerciais, optimización de procesos e canles de venda permite incrementos significativos na produtividade dos xestores comerciais, mantendo estables os gastos de administración.
A dixitalización impulsa tamén a capacidade de servizo ao cliente, que dispón de múltiples canles de acceso á entidade. A canle dixital é a que absorbe maior crecemento protagonizando xa o 56,5% das transaccións totais tras crecer un 18,7% en 2018. Finalmente, o custo do risco (CoR) rexistrou un descenso do 10,3% interanual grazas á redución de activos dubidosos, que limita a necesidade de dotacións e provisións.
Crecemento do volume de negocio
O volume de negocio con clientes rexistrou en 2018 un incremento do 5,6% e quedou situado en 69.213 millóns de euros, con aumentos equilibrados tanto do crédito como dos depósitos. A próxima incorporación de Deutsche Bank Portugal e Banco Caixa Geral España incrementará a cifra de negocio ata a contorna dos 82.700 millóns de euros.
O crédito á clientela aumentou un 6,2%, ata un nivel de 29.286 millóns de euros. Especialmente intensa foi a actividade co colectivo de pemes e autónomos, que recibiron en 2018 un total de 2.076 millóns de euros en novas formalizacións de crédito, 950 millóns de euros máis que en 2017. Tamén cabe destacar o crecemento das formalizacións de hipotecas de primeira vivenda, cifrado nun 11,3% mentres que as operacións de crédito ao consumo aumentaron un 15,2%.
A carteira de ABANCA caracterízase pola súa estrutura diversificada, na que os particulares, co 48% do total, e as empresas, co 40%, son os principais destinatarios do investimento crediticio do banco.
De acordo co principio de máxima prudencia seguido polo banco na xestión da súa actividade, o crecemento do negocio compatibilizouse co mantemento dunha elevada calidade na nova produción, cuxa taxa de morosidade está na contorna do 0,5%.
Máis captación e vinculación
ABANCA coida especialmente os depósitos como fórmula de relación co cliente. Así, en 2018 os recursos alleos experimentaron un crecemento do 5,9% que permitiu a ABANCA alcanzar os 39.051 millóns de euros. A ampliación da base de clientes e o reforzo da súa vinculación son obxectivos esenciais do esforzo comercial do banco. En 2018 ABANCA incrementou un 12,3% a domiciliación de nóminas.
A estrutura de recursos de clientes apóiase principalmente nos depósitos minoristas, especialmente saldos á vista. Os fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro supoñen pola súa banda o 16% do total e constitúen unha importante panca de xeración diversificada de ingresos.
O negocio de seguros no seu conxunto consolídase como un segmento de alta rendibilidade achegando un ROE do 20%. O maior dinamismo comercial, sumado á aposta pola innovación, con produtos diferenciais e novas solucións, permitiu que o banco captase 81.300 novos clientes de seguros e incrementase nun 18% o número de clientes que contan con máis de cinco pólizas incluídas no produto Tarifa Plana.
Tamén destacou o bo comportamento dos seguros para empresas, cun crecemento do 32%, e os seguros vida risco, cun incremento do 18%.
Optimización da calidade da carteira
En paralelo á ampliación do seu volume de negocio, ABANCA segue avanzando no proceso de optimización da calidade da súa carteira. A entidade rexistrou en 2018 un descenso do 29% dos saldos dubidosos e acumula xa 20 trimestres consecutivos de redución. A taxa de morosidade quedou situada no 3,6%, amplamente por baixo da media española e en liña coa europea.
ABANCA atópase entre as mellores entidades do sector financeiro español por calidade de activos. A súa carteira de dubidosos de crédito é a menor do sector e o peso dos adxudicados no balance mantense moi por baixo da media (0,7% fronte a 1,1%). Con iso a entidade sitúase como a segunda con menor peso dos dubidosos e adxudicados no seu balance (1,6%). É, ademais, a primeira entidade por cobertura de activos improdutivos, cunha taxa de cobertura total do 58,5%. A redución de activos improdutivos unida aos elevados niveis de cobertura e capital sitúan a ABANCA como a entidade con mellor cociente Texas do sistema (36,2%).
Liquidez e capitalización
A entidade conta cun nivel de capitalización moi robusto. Recentemente realizou dúas emisións de instrumentos computables como capital, que lle permiten incrementar o seu cociente de capital ao 17,0%. (14,8% CET1 a decembro). O mercado acolleu moi favorablemente á entidade galega. Ambas as emisións colocáronse en poucas horas cunha base de investidores moi diversificada e con niveis de demanda ao redor de dúas veces o obxectivo de colocación.
Respecto á liquidez, ABANCA mantén unha estrutura de financiamento moi san baseada en depósitos minoristas. O seu cociente de créditos sobre depósitos é do 92% fronte a unha media do sector do 104%.
A entidade dispón dunha liquidez de 11.364 millóns de euros entre capacidade de emisión de cédulas e activos líquidos, permitindo estes últimos cubrir máis do dobre dos vencementos previstos de emisións. Por outra banda, o cociente de financiamento neto estable NSFR situouse no 127% e o cociente de cobertura de liquidez LCR no 191%, cumprindo cos requisitos regulatorios.
Operacións corporativas
Como complemento ao seu crecemento orgánico, ABANCA desenvolveu en 2018 diferentes accións dirixidas a entrar en novos mercados ou potenciar a súa presenza naqueles nos que xa opera.
En marzo ABANCA resultou gañadora no proceso formal de venda da unidade de banca de particulares de Deutsche Bank’ s Private & Commercial Client (‘ PCC’) Portugal. Con esta operación, ABANCA suma 41 novas oficinas en Portugal e aumenta o seu negocio internacional gañando presenza no segmento de banca persoal e privada, área na que Deutsche Bank PCC Portugal está especializado.
Tamén a través dun proceso formal de venda, en novembro produciuse a compra de Banco Caixa Geral, o banco con licenza española a través do cal opera en España o Grupo Caixa Geral de Depósitos. O negocio adquirido está especialmente enfocado cara aos segmentos de banca de particulares, privada, persoal e empresas. Coa incorporación das 110 oficinas incluídas na operación ABANCA reforzará a súa rede nacional e reafirmará o seu carácter ibérico.
Tras a integración dos activos adquiridos a través destas dúas compras, ABANCA incrementará o seu volume de negocio en 13.500 millóns de euros.
Doutra banda, en decembro ABANCA puxo en funcionamento a súa nova oficina en Miami, coa que entra no mercado financeiro de Estados Unidos e eleva ata 11 o número de países de Europa e América nos que opera.
Outros fitos do período
A evolución experimentada por ABANCA nos últimos exercicios está a ser recoñecida polas diferentes axencias de cualificación, que emitiron oito accións de rating positivas en 2018. Na última delas, datada en outubro, Standard and Poor´s anunciou unha mellora do rating emisor a longo prazo de ABANCA, que pasou de BB a BB+ con perspectiva estable.
Outro fito fundamental do exercicio é a emisión de AT1 por importe de 250 millóns de euros coa que ABANCA inaugurou en setembro a súa participación nos mercados europeos de capitais. O éxito da operación, pechada en menos de catro horas cun amplo nivel de sobredemanda, permitiu a ABANCA optimizar e reforzar a súa estrutura de capital. Esta emisión tivo continuidade, xa no presente exercicio, con outra de débeda subordinada Tier2 por importe de 350 millóns de euros. Con ela, cuberta integramente con sobredemanda tamén en poucas horas, ABANCA abriu o mercado europeo de emisións deste tipo de débeda de 2019, fito alcanzado por primeira vez por unha entidade da súa dimensión.
Compromiso social a través da Obra Social ABANCA
ABANCA achegará en 2019 o 3% dos seus beneficios a Afundación para o desenvolvemento de accións sociais, educativas e culturais. Grazas a este marco estable de colaboración, o programa de actividades de envellecemento activo, educación e cultura de Afundación beneficiou en 2018 a preto de 1.170.000 galegos. Con esta achega, o banco destinaría a peche de 2019 máis de 40 millóns de euros a investimento social desde 2014.
Durante 2018 ABANCA e a súa Obra Social impulsaron múltiples iniciativas destinadas ao progreso social entre as que ocupan un lugar destacado as de ámbito educativo. O Programa de Educación Financeira que desenvolve a entidade desde 2015 contribuíu en 2018 a mellorar a cultura financeira de 22.147 persoas, moitas delas escolares e novos estudantes de secundaria. Precisamente estes dous colectivos son os destinatarios das dúas novas accións postas en marcha dentro do programa o ano pasado: Seguramente ABANCA e ABANCA Young Business Talents, que buscan, respectivamente, dar a coñecer aos escolares que é e para que serve un seguro e espertar o interese dos mozos pola xestión empresarial e o emprendemento. Tamén no ámbito da formación enmárcase a aposta por IESIDE, unha institución educativa en cuxas aulas se formaron o ano pasado 6.279 alumnos e alumnas.
Outra liña de traballo estratéxica é a promoción do deporte como elemento fundamental no desenvolvemento da persoa. A través do Programa ABANCA Deporte Base, o banco apoia anualmente a máis de 14.611 deportistas de 1.325 clubs de 25 disciplinas deportivas diferentes, moitos deles nenos e nenas da canteira dos clubs que adquiren o hábito saudable do exercicio físico á vez que se achegan os valores intrínsecos á práctica deportiva.
No ámbito do compromiso coa mellora do noso medio ambiente, en 2018 finalizou a campaña de reforestación ‘Unha nova árbore’ coa plantación de 6.965 árbores naquelas zonas de Galicia que foran especialmente afectadas pola onda de incendios de outubro de 2017. Nestas actividades de recuperación da contorna participaron 862 profesionais que forman parte do programa de voluntariado do banco.
A promoción da cultura é outros dos eixos fundamentais de traballo da entidade no ámbito da responsabilidade social corporativa, no que ocupa un lugar destacado a xestión da Colección de Arte ABANCA, con propostas expositivas para achegar este valioso patrimonio artístico a toda a sociedade, como a mostra ‘Dalí e o surrealismo na Colección ABANCA’, que se puido contemplar entre o 6 de novembro e o 27 de xaneiro no Museo Nacional Thyssen- Bornemisza e que atraeu a máis de 45.711 visitantes, e outros 27 eventos expositivos en Galicia e León con obras das coleccións artísticas do banco e Afundación.
O labor social que desenvolven ABANCA e a súa Obra Social foi recoñecida o ano pasado con catro galardóns nos Premios á Obra Social e a Educación Financeira que entregan a revista Actualidade Económica e a Confederación Española de Caixas de Aforro ( CECA), convertendo á Obra Social de ABANCA na máis premiada entre as entidades e fundacións españolas.