RESULTADOS 2022. ABANCA xerou 217 millóns de beneficio en 2022, un 41% máis que en 2021 en termos recorrentes
- Destaca a alta calidade e recurrencia dos resultados obtidos, xa que un 94% dos ingresos proveñen do negocio con clientes
- Mantén a súa posición líder en calidade do activo, cunha taxa de mora do 2,0% e unha cobertura de dubidosos do 83,2%
- O cociente de capital total sitúase no 16,4%, un colchón de 1.400 millóns sobre requisitos regulatorios
- Supera os 111.000 millóns de volume de negocio, incluíndo a recente adquisición de Targobank
- As formalizacións de crédito con particulares e empresas superan nun 8,4% as de 2021 e alcanzan os 6.903 millóns no ano
- A actividade comercial desenvolvida por ABANCA tradúcese en 110.000 altas de clientes durante 2022, a maioría fóra de Galicia
- Banca responsable: a cobertura financeira de ABANCA alcanza ao 95,8% de concellos e ao 99,4% da poboación en Galicia
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo en 2022 un beneficio de 217,0 millóns de euros, un 40,7% máis, en termos recorrentes, que no exercicio anterior grazas ao bo comportamento do negocio e ao control do custo do crédito. Destaca a alta calidade dos resultados obtidos, que nun 94% proveñen de negocios bancarios con clientes. Este cociente era do 89% en 2021.
Os principais factores que explican esta evolución son o bo comportamento da marxe de intereses (+14,2%) e o incremento na prestación de servizos (+9,4%) destacando o avance na venda de seguros e a achega dos servizos de cobros e pagos.
A entidade pechou o ano desde unha posición de gran solidez financeira que a afianza como unha das máis saneadas do sistema financeiro español.
ABANCA presenta unha cobertura de activos dubidosos do 83,2%, un cociente Texas do 25,4%, unha taxa de morosidade do 2,0%, e unha taxa de adxudicados sobre balance do 0,3%.
Conceder crédito a familias e empresas é unha prioridade na política comercial do banco, como o demostra o incremento nas formalizacións de crédito: +0,8% en hipotecas, +11,7% en crédito ao consumo e +17,5% en formalizacións con pemes e autónomos.
Portugal, o segundo mercado do banco, mostra un comportamento análogo, cun incremento do 97,1% en hipotecas e do 12,9% en longo empresa.
En 2022 a entidade acordou con Crédit Mutuel a adquisición de Targobank España. Un importante paso adiante na súa expansión xeográfica, especialmente en Madrid e no arco mediterráneo. Con esta adquisición, o volume de negocio do banco situaríase por encima dos 111.000 millóns de euros.
A operación de Targobank fortalecerá a súa implantación nacional, reforzará o seu posicionamento en liñas de negocio estratéxicas, permitiralle gañar eficiencia, e incrementará a recorrencia e calidade dos seus resultados. O peche definitivo da operación terá lugar, previsiblemente, no segundo semestre deste ano.
Dentro da súa estratexia de operacións corporativas, a entidade decidiu rebaixar a porcentaxe de beneficio destinado a dividendo (pay out) do 40 ao 25% no ano 2023, co obxectivo de fortalecer a súa capacidade de crecemento inorgánico e continuar xerando valor mediante operacións corporativas.
No ámbito da banca responsable e sostible, en 2022 a entidade anunciou un importante reforzo do compromiso que desde o seu lanzamento mantén coa súa Obra Social, Afundación, á que achegará unha dotación orzamentaria de 45 millóns de euros ata 2027.
Ademais desenvolveu un amplo programa de accións en materia de educación e inclusión financeira, dedicando unha especial atención aos maiores con actuacións como a extensión do horario de caixa, a dedicación de xestores específicos e numerosas iniciativas de capacitación dixital no rural.
Nos próximos exercicios ABANCA seguirá avanzando no seu Plan Estratéxico cos obxectivos de incrementar a súa relevancia no mercado bancario ibérico mantendo a boa calidade dos seus activos, alcanzar unha rendibilidade sostible superior ao 12% e manter unha sólida capitalización na contorna do 13% CET1.
A entidade contribuirá aos obxectivos globais de descarbonización da economía, marcándose como obxectivo deixar de financiar o carbón en 2030 e apoiar a descarbonización dos sectores máis críticos.
Resultados recurrentes e de alta calidade
O beneficio obtido por ABANCA en 2022 acredita a súa capacidade de xeración de resultado recorrente e de calidade.
A marxe de intereses creceu un 14,2% impulsado polo desempeño da marxe comercial, que á súa vez mellorou un 21,3%.
Os ingresos por prestación de servizos aumentaron un 9,4%, grazas entre outros factores ao dinamismo mostrado pola comercialización de seguros (+11,0%). Por liñas, os ingresos procedentes de servizos bancarios creceron un 9,2%, os correspondentes a cobros e pagos un 16,9%, e os orixinados por produtos fóra de balance un 2,3%.
Grazas a esta boa evolución da marxe de intereses e dos ingresos por prestación de servizos, a marxe básica mellorou un 12,9%.
A variación dos gastos estivo condicionada pola incorporación ao perímetro de consolidación do negocio adquirido de Novo Banco, así como polo esforzo realizado para potenciar a xeración de negocio a través de novos proxectos e o lanzamento dunha ampla campaña de márketing de alcance nacional.
Aínda así, os gastos creceron sensiblemente menos que os ingresos, permitindo que o cociente de eficiencia avance ata o 67,7%. A marxe de explotación pre provisións aumentou un 5,0%, a pesar de que se xeraron 86 millóns de euros menos de ROF que no ano anterior.
O custo do risco mantense controlado, nun nivel do 0,18%, grazas á boa calidade da carteira de crédito e ás elevadas coberturas resultantes da aplicación da política de prudencia da entidade. O cociente de morosidade situouse no 2,0%, cunha cobertura NPL do 83,2%.
A entidade obtivo un beneficio neto de 217 millóns de euros, que supón un crecemento do 40,7% respecto de 2021 (eliminando o efecto dos badwill netos de Bankoa e Novo Banco en 2021).
Crecemento san e rendible
ABANCA xestiona un volume de negocio de 106.424 millóns de euros (algo máis de 111.000 millóns de euros incluíndo a Targobank). Os préstamos e anticipos á clientela supoñen 45.167 millóns de euros, mentres que a captación de recursos está cifrada en 61.256 millóns de euros. A entidade rexistrou en 2022 máis de 110.000 novas altas de clientes.
A carteira de crédito normal situouse en 45.024 millóns de euros (máis de 48.000 millóns con Targobank). Destaca especialmente o desempeño do crédito minorista, cuxas formalizacións creceron un 8,4% con respecto ao ano anterior, e contribúen a que o rendemento da carteira crecese até o 1,97%, desde o 1,28% do exercicio anterior.
En canto á nova produción o rendemento situouse no 4,06%, fronte ao 1,77% do cuarto trimestre de 2021. O crédito ao sector público reduciuse un 3,0% no ano debido á estratexia de devolución anticipada de TLTRO que está a seguir a entidade.
ABANCA xestiona 61.256 millóns de euros en recursos de clientes. Descontado o efecto mercado sobre a valoración dos activos, consecuencia do comportamento das bolsas en 2022, a entidade rexistrou un crecemento do 1,4% nos recursos procedentes do sector privado. Isto, unido á achega de Targobank, permitiría superar os 64.000 millóns de euros. Os recursos captados do sector público e financeiro reducíronse, motivado pola estratexia de xestión de fondos maoiristas (TLTRO) comentada anteriormente.
Os depósitos de clientes situáronse en 48.906 millóns de euros, destacando o comportamento dos saldos correspondentes ao sector privado, que creceron un 0,6%.
Os recursos fóra de balance supoñen un total de 12.350 millóns de euros. Descontando o efecto mercado, aumentaron un 4,3%. Baixo a fórmula de servizo de xestión discrecional de carteiras, o banco xestiona un volume de máis de 1.200 millóns de euros.
Outros indicadores de dinamismo comercial son os incrementos do número de clientes valor (+6,7%), de TPVs (+5,9%) e de tarxetas emitidas (+350.000).
En seguros, ABANCA desenvolve a súa actividade mediante unha proposta diferencial baseada na combinación de produtos propios (autos, pagos protexidos, fogar, vida e negocios) e un modelo de atención e servizo personalizado, dixital e que prioriza a axilidade.
Esta formulación estratéxica está a ter como resultado un gran impulso do negocio asegurador. As primas de seguros xerais e de vida risco creceron un 11,0% ata situarse nos 379,3 millóns de euros, con crecementos de dous díxitos nas principais liñas: +17% en pagos protexidos, +13% en autos, +13% en empresas e +11% en vida risco.
Mellor entidade por calidade de activos
ABANCA mantense a peche de 2022 como a mellor entidade do sistema financeiro español por calidade e cobertura de activos. A cobertura total está situada no 76,0%, a de adxudicados no 63,2% e a de morosidade no 83,2%. Pola súa banda, en cociente Texas de ABANCA alcanza un nivel do 25,4%.
A taxa de morosidade, do 2,0%, mantense estable e amplamente por baixo da media do sistema. A evolución dos saldos dubidosos segue a súa tendencia á baixa, cunha redución do 5,4% no conxunto do ano.
As operacións ICO formalizadas para apoiar ao tecido produtivo, por un importe total de 3.473 millóns de euros, mantéñense nun nivel similar: unicamente o 3% atópase en situación de dubidoso.
Cómoda posición de solvencia e liquidez
O cociente de capital total de ABANCA alcanza o 16,4% (12,5% capital máxima calidade CET1). Grazas a unha estrutura de capital diversificada, a entidade conta con amplos colchóns sobre os requisitos establecidos: 390 p.b. (1.268 millóns de euros) en capital total e 435 p.b. (1.414 millóns de euros) en CET1.
Cun cociente do 19,5%, o que supón un incremento de 102 puntos básicos no exercicio, a entidade cumpre con folgura os requisitos MREL fixados para 2022.
ABANCA dispón dunha sólida posición de liquidez baseada en depósitos minoristas, que constitúen, co 73% do total, o principal compoñente da súa estrutura de financiamento. O cociente de crédito sobre depósitos minoristas (LTD) está situado no 92,4%.
En financiamento maiorista, ABANCA conta cunha posición de 14.286 millóns de euros en activos líquidos, o que supón 3,5 veces o total dos seus vencementos previstos de emisións.
Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR están situados, respectivamente, no 120% e o 237%.
Esta folgura de liquidez permitiu á entidade devolver 1.746 millóns de TLTRO en decembro e amortizar anticipadamente outros 1.000 millóns en xaneiro deste ano.
O desempeño da entidade reflíctese nas súas cualificacións de rating. En 2022, S&P situou a nota da entidade en grao de investimento e DBRS incrementouna até BBB (high). ABANCA é xa grao de investimento nas catro axencias que a cualifican.
Banca responsable e sostible
ABANCA culminou o exercicio 2022, o segundo dos incluídos no seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024, con novas accións e programas en educación e inclusión financeira, promoción da cultura, fomento do emprendemento, protección do medio ambiente e axuda á poboación de Ucraína.
O banco anunciou que proporcionará á súa Obra Social, Afundación, unha dotación orzamentaria de 45 millóns de euros ata 2027. Esta cifra súmase aos 100 millóns de euros achegados nos últimos anos, desde 2014.
Un capítulo de especial importancia é o conxunto de accións de reforzo da atención a maiores, que inclúen a atención persoal presencial e telefónica, o horario estendido en oficinas, a existencia de xestores específicos para este colectivo de clientes, a adecuación do menú dos caixeiros automáticos, e as actividades formativas desenvolvidas co obxectivo de mellorar a capacitación dixital dos maiores nas zonas rurais.
En materia de educación e inclusión financeira, o banco deu inicio ao seu programa de Educación Financeira 2022-2023, desenvolvido en colaboración con Afundación e reforzado nesta nova edición con novos contidos sobre ciberseguridad. O esforzo desenvolvido en 2021 por ambas entidades viuse recoñecido en 2022 co Premio CECA Educación Financeira para nenos e mozos polos programas ‘Grand Prix Financeiro’ e ‘A tola aventura do aforro’.
Ademais, coa instalación de caixeiros automáticos en zonas rurais en colaboración coa Xunta de Galicia, ABANCA profundizou no seu compromiso de garantir a prestación de servizos financeiros na súa zona de orixe e maior implantación. Deste xeito, a cobertura financeira de ABANCA alcanza ao 95,8% de concellos galegos (no 56% do total a entidade é a única que presta servizo) e ao 99,4% da poboación.
No campo da cultura, no último trimestre do ano o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, entregou o XLIII Premio Internacional de Xornalismo Julio Camba a Manuel de Lorenzo Paradela, polo seu artigo ‘Límites’, publicado no diario El Progreso.
No ámbito do fomento do emprendemento, ABANCA subscribiu un convenio con Startup Galicia co obxectivo de impulsar o ecosistema galego de novos proxectos empresariais.
Noutra das principais liñas de traballo da súa estratexia de responsabilidade e sostibilidade, o coidado do medio ambiente, ABANCA levou a cabo novas actividades do Plan de Conservación Territorial-ON (PLANCTON), que desde 2021 retirou 25 toneladas de residuos de diferentes enclaves costeiros.
Por último, ABANCA e Afundación, en colaboración con AGA-Ucraína, realizaron a finais de ano un envío de dous xeradores eléctricos, 4.360 xoguetes e produtos de primeira necesidade para a poboación ucraína.