RESULTADOS 2T 2022. ABANCA gaña 104,3 millóns, cun incremento do beneficio recorrente do 14,3%
- O beneficio recorrente mellora respecto ao ano pasado, baseado na mellora dos ingresos e a contención de custos
- Os compoñentes máis recorrentes continúan aumentando a súa achega á rendibilidade, tal e como mostra a mellora do 6,5% da marxe básica
- A entidade mantense entre as máis saneadas do sistema, cunha cobertura de activos dubidosos do 82,9%
- O cociente de capital total sitúase no 16,4%, superando amplamente os requisitos regulatorios grazas a un exceso de 1.440 millóns de CET1
- O volume de negocio crece en máis de 6.800 millóns (+6,6% interanual) até superar os 110.000
- ABANCA apoia a pemes e autónomos con máis de 1.500 millóns de crédito concedido no semestre, superando nun 35% os ritmos previos á pandemia
- Éxito da proposta diferencial de asesoramento e seguros: o banco aumenta un 32% o volume do seu servizo de xestión de carteiras e un 11% o stock de seguros
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo a peche do segundo trimestre do ano un resultado de 104,3 millóns de euros, o que supón un crecemento do 14,3% en termos recorrentes con respecto ao mesmo período do ano pasado.
ABANCA segue mantendo a súa sólida posición financeira, o que lle outorga gran resiliencia para afrontar as incertezas existentes no terreo macroeconómico.
Destaca a alta calidade do resultado obtido, baseado nos compoñentes recorrentes do negocio, así como nas medidas de eficiencia implementadas. Esta boa evolución segue sendo recoñecida polas axencias de rating con novas avaliacións favorables, como a emitida en xuño por DBRS Ratings GmbH, que subiu un chanzo o rating emisor a longo prazo e mantivo a perspectiva estable.
O segundo trimestre do ano supuxo así mesmo importantes avances no programa de actividades ESG do banco.
Recorrencia e dinamismo
A marxe recorrente (diferenza entre a marxe básica e os gastos de explotación) alcanza os 118,0 millóns de euros, un 16% máis en termos interanuais. Ademais, a suma da marxe de intereses máis os ingresos por servizos bancarios (marxe básica) aumentou a súa achega á marxe bruta en 10 puntos porcentuais, pasando do 82% ao 92%.
O primeiro semestre do ano rexistrou un forte dinamismo na concesión de crédito a familias e empresas, prioridade fundamental do banco na súa política de apoio aos seus clientes. As formalizacións de hipotecas de primeira vivenda creceron un 67,6% en comparación co mesmo período de 2019, mentres que as de crédito para pemes e autónomos fixérono nun 35,0%. O fóra de balance tivo un comportamento similar, con crecementos do 26,7% en subscricións netas de fondos de investimento e produtos estruturados en comparación con xuño de 2019, e do 31,9% no servizo de xestión discrecional de carteiras con respecto ao mesmo período do ano pasado.
Novos clientes
O crecemento da entidade viuse impulsado por unha ampla campaña publicitaria a nivel nacional, que se está traducindo nunha intensa entrada de novos clientes. As altas fóra de Galicia creceron un 61% en comparación co ano pasado, mentres que as solicitudes de contratación dixitais iniciadas aumentaron un 47%.
O lanzamento de novos produtos innovadores e diferenciais, outro elemento fundamental na estratexia do banco, segue cumprindo fitos segundo a folla de ruta prevista. Tras o lanzamento en 2021 dos seus primeiros produtos propios (seguro de coche ‘Copiloto’, e seguro de protección de pagos), ABANCA presentou no segundo trimestre de 2022 dous novos seguros, de vida e de negocios, e ten previsto incrementar a súa oferta nos próximos meses con produtos de saúde e fogar.
Crecemento de ingresos
O resultado obtido polo banco entre xaneiro e xuño de 2022 situouse en 104,3 millóns de euros. Esta cifra supón unha mellora do 14,3% con respecto ao obtido no mesmo período do ano anterior, unha vez descontado o impacto contable da integración de Bankoa, producida en xaneiro de 2021.
A marxe básica incrementouse nun 6,5% grazas ao bo desempeño tanto da marxe de intereses como dos ingresos por prestación de servizos. A marxe de intereses creceu un 4,6% interanual impulsada polo bo desempeño da marxe comercial, que mellorou un 5,8%. Os ingresos por prestación de servizos creceron un 11,6%, ao que contribuíu de maneira especial o dinamismo da comercialización de seguros, que se incrementou nun 11,0% tamén en termos interanuais.
A marxe recorrente (diferenza entre a marxe básica e os gastos de explotación) creceu un 16,0% tamén en termos interanuais, situando o cociente de eficiencia no 69,8%.
O custo do risco mantense en niveis baixos (0,15%), grazas á boa calidade crediticia (cociente morosidade do 2,1%) e ás elevadas provisións. O banco mantén uns altos niveis de cobertura (cociente de cobertura NPL do 82,9%) en aplicación da súa política de prudencia na xestión do risco e especificamente para protexerse da incerteza da contorna.
Por enriba dos 110.000 millóns
A peche do segundo trimestre do ano, o volume de negocio creceu un 6,6% interanual, o que permitiu a ABANCA superar por primeira vez o limiar dos 110.000 millóns de euros. Os préstamos e anticipos á clientela situáronse en 47.114 millóns de euros (+4,2%), mentres que a captación de recursos situouse en 62.953 millóns de euros (+8,5%).
A carteira de crédito a clientes en situación normal rexistrou un crecemento do 4,9%, até os 46.603 millóns de euros. O financiamento a familias e empresas segue sendo o seu compoñente maioritario: ambos os colectivos representan o 79% do total.
Os depósitos de clientes incrementáronse nun 10,0%, até os 51.017 millóns de euros. Outros indicadores que reflicten o crecemento do negocio da entidade son os incrementos de clientes valor (8,6%), de tarxetas de crédito e débito (3,8%) e do parque de TPVs (11,6%).
Os negocios asegurador e de asesoramento manteñen o seu crecemento a pesar da volatilidade dos mercados e están cada vez máis presentes no resultado recorrente. Os recursos fóra de balance creceron un 2,5% interanual, até os 11.936 millóns de euros. Dentro deste capítulo, o servizo de xestión discrecional de carteiras totaliza máis de 1.200 millóns de euros en volume xestionado e 13.000 clientes, grazas, entre outros aspectos, á extensión do servizo á gran maioría de clientes do banco, con independencia do importe de patrimonio depositado no banco.
Pola súa banda, o negocio asegurador, tamén clave na estratexia de diversificación de fontes de rendibilidade do banco, segue crecendo a dobre díxito. As primas de seguros xerais e de vida-risco creceron un 11,0%, até os 359,8 millóns de euros. Por segmentos, destacan especialmente aqueles nos que ABANCA dispón xa de produtos propios, como pagos protexidos (+18%) e autos (+17%). Empresas avanzou un 15% e vida-risco un 11%.
Líder do sector en coberturas
Un trimestre máis, ABANCA continúa situada á cabeza do sector financeiro español como entidade con maior nivel de cobertura activos improdutivos (créditos dubidosos e activos adxudicados), un 75,5%, co que afronta con folgura a actual incerteza económica. O cociente Texas sitúase no 27,2%.
A pesar da desfavorable contorna económica, a taxa de morosidade mantense estable no 2,1%, amplamente por baixo da media do sector. Os saldos dubidosos baixaron un 2,8% nos últimos doce meses (en termos homoxéneos, excluíndo o negocio adquirido de Novo Banco España).
As operacións de apoio ao tecido empresarial con aval do ICO, que suman un total de 3.607 millóns de euros, mostran un comportamento similar ao conxunto da carteira: a peche do segundo trimestre do ano, só o 2,2% atópase en situación de dubidoso.
Cómoda posición de solvencia e liquidez
O cociente de capital de ABANCA quedou situado no 16,4% (12,5% capital máxima calidade CET1). Grazas a unha estrutura de capital diversificada, a entidade conta con amplos colchóns sobre os requisitos establecidos: 387 p.b. (1.274 millóns de euros) en capital total e 437 p.b. (1.440 millóns de euros) en CET1. Cun cociente do 17,9%, a entidade cumpre con folgura os requisitos MREL fixados para 2022.
ABANCA dispón así mesmo dunha sólida posición de liquidez baseada en depósitos minoristas, que constitúen, co 71% do total, o principal compoñente da súa estrutura de financiamento. A entidade presenta un cociente de crédito sobre depósitos minoristas do 92,3%.
ABANCA conta con máis de 15.600 millóns de euros en activos líquidos, o que supón ter cuberto un importe equivalente a 4,2 veces o total dos seus vencimientos previstos de emisións.
Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR están situadas, respectivamente, no 132% e o 241%.
Novos avances en sostibilidade
ABANCA segue reforzando a súa dimensión social e dando novos pasos adiante no desenvolvemento do seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024.
En materia ambiental, o banco reduciu nun 29% a súa pegada de carbono de 2021 e logrou a neutralidade para as emisións do exercicio 2020 a través do seu Plan de Redución e Compensación. Tamén no último trimestre, a entidade adheriuse á Alianza Galega polo Clima e subscribiu un acordo coa Unión Española Fotovoltaica para impulsar a enerxía solar a través da concesión de financiamento.
No ámbito social, o banco implementou novas accións dirixidas a garantir a inclusión financeira, en especial das persoas de maior idade. A entidade puxo en funcionamento un servizo de atención telefónica personalizada para clientes maiores, continuou coa instalación de caixeiros automáticos en localidades do rural que até agora non dispuñan del, e desenvolveu diferentes accións de educación financeira.
No segundo trimestre do ano producíronse tamén a creación da Cátedra ABANCA-Afundación/ICADE sobre Lonxevidade, Economía e Sociedade, o lanzamento da Universidade Intercontinental da Empresa e a adhesión do banco ao Programa Funcas/Educa 2022-2023 de cultura financeira.
Doutra banda, coa incorporación de José Manuel González-Páramo, ABANCA reforzou a maioría (75%) dos membros independentes no seu Consello de Administración. Tamén en materia de gobernanza, o banco desenvolveu diferentes accións de formación en finanzas sostibles (riscos ESG e regulación SFDR) que amplían as capacidades do seu equipo.
Axencias de rating
Nas últimas datas, ABANCA recibiu unha nova mellora de rating, neste caso por parte de DBRS. A axencia elevou a súa rating ao nivel de BBB (high) e consolida a posición de ABANCA como entidade con grao de investimento en todas as axencias que a cualifican.