RESULTADOS 3T 2018: ABANCA gaña 398 millóns e eleva a rendibilidade ao 12,6%
- A entidade mantense como unha das máis rendibles do sector
- Os ingresos recorrentes aumentan un 10% grazas á boa xestión de prezos, ao maior dinamismo comercial e á maior xeración de ingresos por prestación de servizos
- O volume de negocio crece un 5,1% e achégase aos 70.000 millóns, con incrementos tanto do crédito como dos depósitos
- As empresas e autónomos reciben máis de 800 millóns máis de crédito que no mesmo período de 2017
- A entidade continúa avanzado na mellora da calidade do activo (-23,5% saldos dubidosos), rebaixando a taxa de mora ao 4,5% e mantendo un robusto nivel de cobertura
- As axencias de rating avalan o desempeño da entidade con novas melloras nas súas cualificacións
- ABANCA participou por primeira vez nos mercados de capitais europeos cunha exitosa emisión de AT1 por importe de 250 millóns
- Tras recibir o visto e prace da Reserva Federal, a entidade abrirá unha oficina operativa en Miami que lle permitirá diversificar o seu negocio
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo entre xaneiro e setembro de 2018 un resultado neto de 398 millóns de euros. A entidade rexistrou un crecemento do 10% nos ingresos recorrentes (marxe básica), que seguen incrementando a súa achega á conta de resultados. A rendibilidade ROE situouse no 12,6%, un dos niveis máis elevados do sector.
Destaca a boa evolución comercial da entidade, cuxo volume de negocio con clientes incrementouse un 5,1% para situarse moi preto dos 70.000 millóns. Todos os grupos de clientes contribúen a este crecemento, aínda que destacou a concesión de crédito a pemes e autónomos, que aumentou máis de 800 millóns con respecto ao ano anterior.
ABANCA mantense como unha das mellores entidades do sector en calidade de activos grazas á redución constante dos seus activos dubidosos, que se produce xa por decimonoveno trimestre consecutivo e sitúa a taxa de morosidade no 4,5%, máis de 100 puntos básicos por baixo da media sectorial.
Entre as entidades máis rendibles
A conta de resultados dos primeiros nove meses do ano reflicte a achega crecente dos ingresos recorrentes (marxe básica), que creceron un 10% respecto ao mesmo período do ano anterior.
A marxe de intereses rexistrou un incremento do 12,6% interanual e alcanzou os 403,5 millóns de euros, principalmente pola mellora da marxe comercial, que crece de maneira estable en base a unha boa xestión de prezos e ao dinamismo comercial.
Os ingresos por prestación de servizos alcanzaron os 130,7 millóns de euros, o que supón un crecemento interanual do 2,9%. Prima a achega do negocio de produtos de valor engadido fronte aos ingresos por servizos administrativos.
Os gastos de explotación víronse influenciados polo reforzo do investimento en dixitalización e a mellora das capacidades comerciais, aplicando unha política de recoñecemento de gastos moi conservadora.
Ademais, a entidade incrementou significativamente a dotación para actividades de Responsabilidade Social Corporativa, instrumentadas a través de Afundación.
Finalmente, o custo do risco (CoR) rexistrou un descenso do 17% interanual grazas á redución de activos dubidosos, que limita a necesidade de dotacións e provisións.
Crece a produtividade mellorando a eficiencia
A entidade continúa incrementando os seus niveis de produtividade grazas, entre outras razóns, ao uso crecente das canles dixitais. O peso das transaccións dixitais, que creceu un 24,4% entre setembro de 2017 e o mesmo mes deste ano, supón xa o 54,6% sobre o total.
Este avance da dixitalización fixo posibles crecementos tanto do volume de negocio por empregado como da produtividade por empregado.
Máis volume de negocio
O volume de negocio con clientes avanzou un 5,1% interanual para situarse en 69.147 millóns de euros.
Tras aumentar en termos interanuais un 4,5%, o crédito á clientela situouse nos 28.975 millóns de euros. A estrutura da carteira ten como principais protagonistas aos particulares, destinatarios do 49% do total do crédito, aínda que as empresas continúan aumentando o seu peso e xa reciben o 39%.
Dentro do sector empresas, a entidade presta especial atención ás pemes e aos autónomos. O importe do crédito concedido a este segmento foi máis de 800 millóns de euros superior ao concedido no mesmo período de 2017. Pola súa banda, as familias rexistraron significativos crecementos nas formalizacións de hipotecas de primeira vivenda (+17,2% interanual) e de operacións de crédito ao consumo (+8,3% interanual).
Este forte impulso á concesión de financiamento produciuse á vez que se mantén o elevado nivel de calidade na nova produción, cuxa taxa de morosidade é inferior ao 0,5%, moi por baixo da do conxunto da carteira da entidade. ABANCA mantense entre as mellores entidades do mercado, cun custo do risco do 0,1%.
Avances en recursos de clientes e vinculación
Por outra banda, a captación de recursos de clientes compartiu esta tendencia á alza, rexistrando un crecemento interanual do 6,4% para situarse nos 39.210 millóns de euros.
A entidade presta unha especial atención aos depósitos como medio de vinculación do cliente e base principal de financiamento. Así, os depósitos estables da clientela creceron un 5,2%, observándose importantes avances nas principais métricas de vinculación de clientes: o incremento das nóminas domiciliadas alcanzou o 4,8%, o do número de tarxetas o 16,8% e o do parque de TPVs o 12,3%.
Pola súa banda, a comercialización de produtos fóra de balance (plans, fondos, seguros aforro) experimentou un incremento do 12,3%, contribuíndo claramente á mellora dos ingresos por servizos.
Destaca tamén o bo comportamento na venda de seguros xerais, un dos eixos estratéxicos do banco. O volume de primas da nova produción avanzou un 4,3% e o número total de pólizas formalizadas creceu un 14%. A Tarifa Plana de ABANCA Seguros, produto estrela do banco no segmento asegurador, xerou 15.522 altas máis que no mesmo período do ano anterior.
Dentro desta liña de negocio, ABANCA lanzou en outubro ‘Júbilo’, un novo servizo de asesoramento personalizado orientado ao aforro para a xubilación. Con el ABANCA ofrece aos seus clientes información personalizada sobre as posibilidades de aforro existentes, así como simulacións sobre os diferentes escenarios de salario, pensión, aforro, rendibilidade, etc. para facilitar a súa toma de decisións.
Mellora a calidade da carteira
ABANCA encadea 19 trimestres consecutivos de descenso dos saldos dubidosos, que se reduciron un 23,5% entre setembro de 2017 e setembro de 2018, até situar a taxa de morosidade no 4,5%, claramente por baixo do conxunto do sistema.
Estes baixos niveis de activos improductivos compleméntanse cunha elevada taxa de cobertura (57,2%), o que, xunto cuns elevados niveis de capital, sitúa a ABANCA como a entidade con mellor ratio Texas do sistema (40,6%), refrendando así o sólido perfil financeiro da entidade.
Solidez en capitalización e liquidez
A entidade presenta un amplo cumprimento dos requisitos de liquidez establecidos polo regulador. O ratio de financiamento neto estable NSFR está situado no 127%, mentres que o ratio de cobertura de liquidez LCR é do 216%, niveis que acreditan o cumprimento das esixencias de Basilea III para 2018.
ABANCA conta cun perfil de liquidez moi saneado, tal e como mostra o LTD do 91,7%. A posición de liquidez está cifrada en 10.646 millóns de euros entre capacidade de emisión de cédulas e activos líquidos, permitindo estes últimos cubrir máis do dobre dos vencimientos previstos de emisións.
A entidade dispón dun dos niveis de capitalización máis altos do sector, cun cociente CET1 Phase In do 14,9% e un exceso de capital sobre os requirimentos do BCE de 1.882 millóns de euros.
Outros fitos do periodo
Outro fito fundamental do período é a emisión de AT1 por importe de 250 millóns de euros coa que ABANCA inaugurou en setembro a súa participación nos mercados europeos de capitais. O éxito da operación, pechada cun amplo nivel de sobredemanda, permite a ABANCA optimizar e reforzar a súa estrutura de capital.
As axencias que avalían a ABANCA continúan trasladando aos seus ratings a boa evolución da entidade. Standard and Poor´s anunciou en outubro unha mellora do rating emisor a longo prazo da entidade, que pasou de BB a BB+ con perspectiva estable.
En outubro tamén se recibiu a preceptiva licenza da FED para que ABANCA comece a operar en Estados Unidos a través dunha oficina operativa en Miami. Esta nova oficina e a integración do negocio de Deutsche Bank´s Private & Commercial Client Portugal son os principais proxectos que nestes momentos desenvolve ABANCA para potenciar o seu negocio internacional, ampliando así as súas fontes de xeración de ingresos.