RESULTADOS 3T 2021: ABANCA gaña 210 millóns, un 46% máis que o ano anterior
- Os ingresos recorrentes por produtos e prestación de servizos bancarios incrementáronse nun +8,2%
- A marxe recorrente mellora un 56,2% e alcanza os 190 millóns grazas á fortaleza do negocio e a mellora de eficiencia
- ABANCA é líder en calidade dos activos, co menor cociente de morosidade (1,9%) e a maior cobertura de activos dubidosos (85,4%) do sistema
- O cociente de capital total sitúase no 17,3%, un superávit de 1.571 millóns sobre os requisitos regulatorios
- No que vai de ano, as catro axencias de rating melloraron as súas cualificacións sobre ABANCA, que alcanza o nivel de grao de investimento
- Intenso esforzo en mellorar a educación financeira da sociedade, recoñecido co premio en educación financeira outorgado por Banco de España e CNMV
- A primeira emisión verde lanzada por ABANCA contou cunha gran acollida por parte da comunidade investidora cunha demanda que triplicou a oferta
- A entidade comezou a lanzar os seus primeiros produtos de financiamento Next Generation para apoiar aos seus clientes na transición cara a unha economía máis sostible
Descarga los contenidos anexos
ABANCA mellorou o seu resultado até obter no terceiro trimestre de 2021 un beneficio atribuído de 209,8 millóns de euros grazas fundamentalmente ao aumento dos ingresos recorrentes, ao eficaz control de gastos e á contención do custo do risco.
A entidade afronta a etapa de recuperación e transformación da economía desde unha posición de fortaleza financeira acreditada pola máxima calidade dos seus activos (cociente de morosidade do 1,9% e nivel de adxudicados sobre balance do 0,3%), os seus elevados niveis de cobertura (85,4% en activos dubidosos e cociente Texas do 26,9%), o seu robusto nivel de capitalización (cociente de capital total do 17,3% e 1.571 millóns de exceso sobre requisitos regulatorios) e a súa cómoda posición de liquidez (cociente LTD do 95,7% e 15.107 millóns de euros en activos líquidos).
ABANCA continúa desenvolvendo a súa folla de ruta na transición cara a unha economía máis sostible e neste terceiro trimestre lográronse fitos moi relevantes como a primeira emisión verde, que contou cunha sobredemanda de 2,6 veces o importe emitido, a firma dun acordo para a subministración de enerxía renovable e a obtención do premio de educación financeira ‘Finanzas para todos’ do Banco de España e a CNMV.
Unha das pancas de impulso fundamentais nesta nova etapa serán os fondos Next Generation EU. Co obxectivo de comezar a materializar a súa chegada ao tecido produtivo e social, ABANCA lanzou no terceiro trimestre do ano os seus primeiros produtos de financiamento, dirixidos especificamente á adquisición de vehículos ecolóxicos e estacións de recarga no marco do Plan Moves III, así como ao anticipo de axudas europeas.
Sólido crecemento dos ingresos recorrentes
Os ingresos recorrentes seguen gañando peso trimestre a trimestre na conta de resultados de ABANCA. Grazas á boa evolución da marxe de intereses (que creceu un 7,6%) e dos ingresos por prestación de servizos bancarios (que o fixeron nun 9,8%), a marxe básica rexistrou un incremento do 8,2%.
Grazas á realización de proxectos de racionalización e á obtención de valor nas integracións, os custos ordinarios reducíronse nun 6,8%. Con iso, a marxe recorrente (marxe básica menos gastos de explotación) alcanzou os 190 millóns, o que supón un incremento do 56,2% respecto ao obtido en setembro de 2020.
O custo do risco (0,34%) segue contido a pesar de manter a prudencia en canto a coberturas do crédito. ABANCA mantén as coberturas de crédito dubidoso máis elevadas do sistema financeiro español (85,4%), destacando a prudencia no segmento de pemes e grandes empresas, onde se alcanza o 105,2% de cobertura.
Fortaleza do negocio
O volume de negocio aumentou un 15,8% até quedar situado en 103.697 millóns de euros. Se se contabiliza o negocio da rede española de Novo Banco, esta cifra sitúase xa por encima dos 107.000 millóns (crecemento interanual do 20,1%).
A carteira de crédito a clientes en situación normal incrementouse nun 15,4% en termos interanuais (10,9% excluíndo Bankoa, integrada a principios de 2021) até os 44.429 millóns de euros. O financiamento a empresas e familias, que suman o 77% do total, constitúe o seu compoñente maioritario.
Polo que respecta aos recursos de clientes, a entidade xestiona un total de 58.830 millóns de euros. Esta cifra supón un crecemento total do 17,0% (11,5% sen contabilizar Bankoa). Os depósitos de clientes creceron un 14,8% (11,0% sen incluír Bankoa), até os 46.861 millóns de euros.
No que vai de ano o banco incorporou máis de 128.000 novos clientes valor, incrementou nun 11,8% o seu parque de tarxetas de crédito e débito, e aumentou nun 14,6% o seu parque de TPVs.
Os recursos fóra de balance rexistraron un crecemento do 26,6% (13,7% sen incluír o efecto de Bankoa). Mención especial merece o servizo de Xestión Discrecional de Carteiras, que xa supera os 1.100 millóns de euros de volume e que xa foi contratado por máis de 8.000 clientes. Este produto mantense entre os mellores do mercado en termos de rendibilidade.
As primas de seguros xerais e vida-risco creceron un 11,8%, cun comportamento moi homoxéneo nos diferentes segmentos: pagos protexidos creceu un 16%, seguros coche e empresas un 13%, e vida-risco un 12%.
Calidade da carteira: á cabeza do sector
ABANCA continúa situada como mellor entidade do sector financeiro español en canto a calidade da carteira e coberturas. En comparación con setembro do ano pasado, a entidade reduciu os seus activos dubidosos nun 17,1% (-21,1% ex-Bankoa). ABANCA presenta unha taxa de morosidade do 1,9%, a cifra máis baixa do sector financeiro español e practicamente a metade da media.
A entidade é tamén a que mellores niveis de cobertura presenta: 85,4% para morosidade e 75,5% para activos improductivos. Con iso o cociente Texas sitúase no 26,9%, igualmente á cabeza do sector.
Esta calidade crediticia obsérvase no conxunto da carteira, incluíndo aos clientes que recibiron apoio financeiro para afrontar as consecuencias da crise do COVID-19. Para un total de 3.403 millóns de euros en operacións de financiamento con aval do ICO, só o 0,9% delas atópase en situación de dubidoso. De forma similar, unha vez vencidas en torno ao 75% das operacións de flexibilización financeira (moratorias) aplicadas a familias (1.235 millóns), os niveis de morosidade deste colectivo mantivéronse en mínimos.
Solvencia e liquidez: folgura fronte aos requirimentos
En materia de solvencia, o cociente de capital de ABANCA quedou situado no 17,3% (13,2% capital máxima calidade CET1). Grazas á diversificación da súa estrutura de capital, a entidade dispón de amplos colchóns sobre os requirimentos establecidos: 500 p.b. (1.571 millóns de euros) en capital total e 521 p.b. (1.635 millóns) en CET1.
Tras a recente emisión de débeda Senior Preferred levada a cabo, a entidade cumpre folgadamente (cun cociente do 18,8%), o requisito MREL fixado para 2022.
ABANCA conta cunha estrutura de financiamento baseada principalmente en depósitos minoristas, que constitúen o 71% da súa base de financiamento. A entidade presenta un cociente de créditos sobre depósitos minoristas (LTD minorista) do 95,7% e dispón de 20.601 millóns de euros entre activos líquidos (15.107 millóns) e capacidade de emisión de cédulas (5.494 millóns). Con iso cobre catro veces o total dos seus vencimientos previstos de emisións.
Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR están situados, respectivamente, no 132% e o 259%, niveis que cumpren amplamente cos requisitos regulatorios de Basilea III.
Melloras nas cualificacións das axencias de rating
A boa evolución seguida pola entidade en todos os ámbitos da súa actividade ten o seu reflexo nas cualificacións recibidas por parte das axencias de rating. No que vai de ano, as catro axencias que cualifican a ABANCA melloraron as súas cualificacións (a última, Fitch, que mellorou a perspectiva, situándoa en estable). Tres das catro axencias sitúan a ABANCA en grao de investimento.
Impulso á sostibilidade
A sostibilidade é unha das prioridades fundamentais da actividade de ABANCA para os próximos anos, segundo o establecido no seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024. No último trimestre a entidade profundou no seu modelo de negocio socialmente responsable con diferentes accións no ámbito da actividade financeira.
Así, realizou a súa primeira emisión de bonos verdes Senior Preferred por importe de 500 millóns de euros, que obtivo unha gran acollida por parte do mercado (tal como amosa a sobredemanda de 2,6 veces o importe emitido) e serve para cumprir anticipadamente os requisitos MREL fixados para 2022. Ademais, lanzou un terceiro fondo de investimento sotible, denominado ABANCA Renta Fija Transición Climática 360, FI, e incorporou ao servizo GDC Alpha Responsable o seguro de vida aforro ABANCA Unit Linked Alpha GDC.
No campo da educación financeira, ABANCA e Afundación recibiron o premio ‘Finanzas para todos’ do Banco de España e a CNMV polo seu programa Segura-Mente ABANCA. No curso 2020-2021, as actividades de Educación Financeira de ABANCA e Afundación foron seguidas nos seus diferentes formatos (talleres de cultura, alfabetización e saúde financeira, finanzas básicas, formacións sectoriais, cursos, xogos interactivos, teatro, conferencias, etc.) por un total de 123.170 persoas.
Como parte das súas políticas corporativas de xestión de recursos, o banco subscribiu con Endesa un acordo de colaboración para cubrir con enerxía renovable de orixe galega a maior parte da súa demanda de electricidade do próximos dez anos.