RESULTADOS PRIMEIRO SEMESTRE 2018. ABANCA gaña 247 millóns, avanza o 8,1% nos ingresos recorrentes e alcanza una rendibilidade do 11,8%
- Fortaleza do posicionamento comercial do banco, cun crecemento do 6,3% no volume de negocio, que roza xa os 70.000 millóns
- A venda de seguros xerais aumenta un 6,9% e consolídase como un dos principais eixos estratéxicos da entidade
- Intenso ritmo de concesión de crédito, con especial protagonismo do segmento pemes e autónomos, que recibiu 500 millóns máis de crédito que no primeiro semestre de 2017
- O saldo de dubidosos redúcese por 18 trimestres consecutivos e a taxa de morosidade chega ao 4,6%, manténdose ABANCA entre as mellores entidades do sector por calidade de activos
- O cociente de capital CET1 sitúase no 14,6%, cunha folgura de 1.809 millóns que permite ao banco afrontar oportunidades de crecemento
- As catro axencias de rating que cualifican á entidade melloraron a súa nota no que vai de ano, e as catro expresan unha perspectiva positiva para o futuro
- O número de novas nóminas captadas por ABANCA en xuño foi de 41.000
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo no primeiro semestre de 2018 un resultado neto de 247 millóns de euros, un 7,8% máis que no mesmo período de 2017. Isto supón unha rendibilidade ROE do 11,8%, que se sitúa entre as máis destacadas do sector. Este resultado está baseado nun destacable crecemento da marxe básica, que crece un 8,1% e segue incrementado a súa achega á conta de resultados.
Tamén manteñen a súa boa marcha outros elementos claves no negocio e o perfil financeiro da entidade. A taxa de morosidade quedou situada no 4,6%, cun descenso interanual do 27,6%, o que posiciona firmemente a ABANCA como a segunda entidade con mellor calidade de activos. Este é o décimo oitavo trimestre consecutivo no que ABANCA diminúe o seu saldo de dubidosos.
Respecto da actividade comercial, o grao de especialización alcanzado coa creación de unidades de negocio específicas tradúcese en maiores niveis de satisfacción e captación de novos clientes. Así, a entidade logrou un crecemento do 6,3% no volume de negocio total, que quedou situado en 69.255 millóns de euros.
O crédito avanzou un 6,2%, con especial peso de pemes e autónomos. Entre xaneiro e xuño de 2018 as formalizacións dirixidas a este colectivo superan en máis de 500 millóns ás realizadas no mesmo período de 2017.
O reforzo do posicionamento comercial da entidade ten o seu reflexo na captación de recursos de clientes. Os depósitos estables da clientela crecen un 5,7% e a comercialización de seguros de aforro, fondos de investimento e plans de pensións un 18,2%. O número de novos ingresos de nóminas de clientes chegou ás 41.000 en xuño.
A venda de seguros, pola súa banda, avanzou un 6,9%, destacando os seguros de empresas e os de saúde como ramos máis dinámicos, aínda que todas as liñas reflectiron melloras.
Satisfacción do cliente e especialización
Durante o semestre ABANCA continuou coa reordenación da súa rede comercial para seguir profundando na súa estratexia de especialización do servizo. A entidade dispón dun total de 45 centros de atención a empresas.
Grazas a actuacións como as descritas, ABANCA recibiu o premio á Mellor Estratexia de Experiencia Cliente da Asociación para o Desenvolvemento da Experiencia de Cliente (DEC), situouse no top 5 do ranking Smart Companies de empresas máis enfocadas ao cliente de Smartme Analytics, e foi recoñecida como segunda entidade con mellor evolución da vinculación emocional cos seus clientes no últimos tres anos segundo o estudo ‘Estudo de emocións de clientes particulares no sector bancario español’ da consultora EMO Insights International.
Como resultado, a entidade incrementou nun 75,1% a captación de clientes valor (aqueles con maior nivel de vinculación ao banco) con respecto ao mesmo período do ano anterior.
Aumenta o peso dos ingresos recorrentes
O primeiro semestre do exercicio 2018 supuxo un crecemento do 11,0% na marxe de intereses. A actividade con clientes minoristas, que compón o centro do negocio da entidade, é a base fundamental sobre a que se asenta esta mellora.
Os ingresos por prestación de servizos incrementáronse un 0,7%, aínda que o incremento elévase ao 7,7% interanual unha vez descontado o efecto de elementos non recorrentes. A comercialización de fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro e xerais xerou un 16,6% máis de ingresos.
Doutra banda, a entidade continúa incrementando os seus niveis de produtividade grazas, entre outras razóns, ao uso intensivo das canles dixitais, que xa xeran máis da metade das transaccións totais (o 54,2% no mes de xuño, cun incremento interanual do 37,5% no número de transaccións dixitais). Isto posibilita que ao peche de xuño de 2018 crezan tanto o volume de negocio por empregado como a produtividade por empregado.
Impulso ao crédito
O crédito á clientela creceu un 6,2% e alcanzou os 28.933 millóns de euros. Neste primeiro semestre do ano destacou a boa evolución do segmento empresas, cun crecemento interanual de máis de 500 millóns de euros en novas formalizacións.
No segmento de familias, a entidade logrou incrementar un 14,6% as formalizacións de hipotecas de primeira vivenda e un 15,7% as operacións de financiamento ao consumo.
O cociente de morosidade da nova produción xerada desde xaneiro de 2015 segue por baixo do 0,5%, nivel moi inferior ao do conxunto da carteira.
Fortaleza en captación de recursos de clientes
A captación de recursos de clientes incrementouse un 7,6%, con especial protagonismo dos saldos á vista e os fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro.
A iso contribuíron, entre outros factores, o incremento do 4,2% rexistrado no número de altas de novos clientes e a captación de 41.000 novos ingresos de nóminas de clientes, cifras que apoian o atractivo da entidade como receptora de aforro.
A carteira de produtos fóra de balance (fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro) xa supera, tras un incremento do 18,2% interanual, os 6.500 millóns de euros.
A entidade gañou cota de mercado tanto en fondos de investimento como en fondos de pensións (20 p.b. e 6 p.b. respectivamente).
Desenvolvemento do negocio de seguros
Os seguros xerais, outra das palancas de diversificación de ingresos, rexistraron un crecemento do 6,9% en primas de nova produción. Dentro da boa tónica xeral, os seguros de empresas mostraron o comportamento máis destacado, cun crecemento do 28%, seguidos polos ramos de saúde, cun 18%, vida-risco, cun 16%, e fogar, cun 15%. Os seguros foron protagonistas de novas funcionalidades incorporadas recentemente á banca móbil de ABANCA, unha das mellor valoradas polos usuarios. A app permite agora consultar e modificar a conta de cargo dunha póliza, consultar o último recibo dun seguro xa pago e, nos seguros de fogar, cambiar o importe asegurado para continente e contido.
Entre as mellores entidades por calidade de activos
ABANCA mantense nunha posición diferencial en canto á calidade dos seus activos. Tras 18 trimestres consecutivos de descenso de saldos dubidosos, a taxa de morosidade quedou situada no 4,6%. Esta cifra é claramente inferior á media do sistema, estimada no 6,1% ao peche de xuño.
O banco con sede en Galicia é a entidade con menor carteira de crédito dubidoso do sector financeiro español. A proporción de adxudicados no seu balance é do 0,7%, menos da metade da media do sector. Cun peso de tan só o 2,0%, ABANCA é a segunda entidade española con menor peso de activos improductivos (dubidosos e adxudicados) sobre o seu activo total. Estas cifras sitúan a ABANCA entre as entidades con mellor calidade de activos.
A redución de activos dubidosos realizouse mantendo un elevado nivel de coberturas. O cociente de cobertura da morosidade situouse a finais de xuño no 53,6%, mentres que o correspondente aos activos adxudicados quedou situado no 61,2%. Con iso, a cobertura total presenta un nivel do 56,6% dos activos dubidosos e adxudicados.
Solidez en capitalización e liquidez
A entidade dispón dun dos niveis de capitalización máis altos do sector, cun cociente CET1 Phase In do 14,6% e un exceso de capital sobre os requirimentos do BCE de 1.809 millóns de euros.
ABANCA presenta tamén un amplo cumprimento dos requisitos de liquidez establecidos polo regulador. O cociente de financiamento neto estable NSFR está situado no 125%, mentres que o cociente de cobertura de liquidez LCR é do 225%, niveis que acreditan o cumprimento das esixencias de Basilea III para 2018.
A entidade dispón dunha posición de liquidez cifrada en 10.305 millóns de euros entre capacidade de emisión de cédulas e activos líquidos, sendo estes últimos case o dobre dos vencementos previstos de emisións de ABANCA.
Melloras recoñecidas polas axencias de cualificación
Durante o que vai de 2018, o catro axencias de rating que cualifican a ABANCA melloraron a nota da entidade. Os puntos destacados polas axencias son, principalmente, a mellora na calidade dos activos da entidade e a maior capacidade mostrada para xerar resultados recorrentes.
Tras estas accións, todas as axencias asignan a ABANCA perspectiva positiva, indicador que expresa confianza na evolución futura do seu rating. ABANCA conta entre as súas cualificacións con grao de investimento.
Estas melloras tamén son recoñecidas por outros analistas especializados, tal e como mostra o informe ‘O pulso da banca 1T 2018’ elaborado pola consultora Alvarez&Marsal, no que ABANCA sitúase en primeira posición en canto á análise realizada en base aos resultados obtidos no primeiro trimestre de 2018.