RESULTADOS TERCEIRO TRIMESTRE: ABANCA gaña 276 millóns, cun incremento do 18% dos ingresos recorrentes
- A rendibilidade (ROTE) sitúase no 10,4%
- O volume de negocio con clientes crece 8,1% no último ano
- O crecemento dos ingresos recorrentes vese complementado por un descenso do custo do risco do 42,1% interanual
- A taxa de morosidade descende ata o 5,35%, un 31,3% mellor que o sector, con unha cobertura de activos improdutivos do 56,3%
- Cun ratio CET1 do 14,1% e 1.755 millóns de folgura de capital, a entidade mantense entre as máis solventes do sector
- Os fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro crecen un 31,5%, mentres que os seguros xerais fano nun 19,6%
- A integración de Popular Servicios Financieros, agora ABANCA Servicios Financieros, permite consolidar o negocio de financiamento ao consumo
Descarga los contenidos anexos
ABANCA pechou setembro cun beneficio neto acumulado de 276,4 millóns de euros, un 3,7% máis que no mesmo período do exercicio pasado. Este resultado apóiase nun importante crecemento dos ingresos recorrentes, cunha marxe básica que crece un 18,4% grazas a senllos incrementos da marxe de intereses (+19,7%) e dos ingresos por prestación de servizos (+15,1%).
Destaca tamén a sensible mellora na calidade do activo, coa taxa de mora baixando ata o 5,35%, un 31,3% mellor que o sector.
Por solvencia (ratio de capital CET1 do 14,1%) e calidade do activo (cobertura de activos improdutivos do 56,3%), ABANCA posiciónase favorablemente para afrontar as oportunidades do sector.
A dixitalización, cun importante reforzo do peso da plataforma dixital como canle de comercialización, e a orientación ao cliente, con novos datos que avalan a satisfacción dos particulares e das empresas, seguen sendo focos estratéxicos na actividade do banco con sede en Galicia.
Crédito e depósitos en crecemento
ABANCA dá continuidade á tendencia observada nos últimos trimestres de crecemento da súa marxe básica, que se sitúa en 485,4 millóns. A entidade mellora a súa marxe de intereses, que alcanza os 358,4 millóns de euros, grazas á boa marcha da marxe comercial.
Tamén aumentan os ingresos por prestación de servizos, que se sitúan en 127 millóns. Respecto deste último epígrafe, a boa evolución do negocio fóra de balance permite á entidade mellorar a súa cota de mercado a nivel nacional en plans de pensións (+6 p.b.) e fondos de investimento (+30 p.b.).
Estas cifras son resultado dunha intensificación da actividade comercial en todas as frontes. O crédito á clientela crece un 8,9% interanual, ata situarse nos 27.717 millóns de euros. As novas formalizacións supoñen unha maior achega a resultados grazas ao seu efecto optimizador sobre a estrutura de prezos, xa que o tipo da nova produción é 46 p.b. superior ao tipo medio da carteira.
Pola súa banda, a captación de recursos responde na mesma liña, cun incremento do 7,5% interanual, que eleva a cifra total ata os 36.868 millóns. Este crecemento materialízase tanto a través do aforro tradicional como mediante a comercialización de produtos de alto valor.
Así, o volume de depósitos de clientes aumenta un 4% interanual, a captación de nóminas un 5,5%, as primas da nova produción de seguros xerais un 19,6% e os fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro un 31,5%.
Os plans de pensións de ABANCA, sobre os que se realizará un esforzo comercial adicional no cuarto trimestre deste ano, acumulan un crecemento no ano do 9,4% e proporcionaron unha rendibilidade media para os clientes equivalente ao dobre do sector.
Calidade da carteira
A taxa de morosidade de ABANCA situouse, tras descensos consecutivos nos últimos 14 trimestres, no 5,35%, un 31,3% mellor co sector.
Esta importante redución apoiouse nunha dobre estratexia. Por unha banda, a redución orgánica da morosidade a través da xestión interna das recuperacións, que actúa como base da mellora da taxa de morosidade.
Por outro, a venda de activos improdutivos, que opera como panca adicional. Entre 2016 y 2017, ABANCA reduciu a súa carteira de fallidos e dubidosos a través de operacións de venda por importe de 1.600 millóns de euros, mellorando os niveis de cobertura.
O bo ritmo na redución de activos improdutivos e a boa xestión da calidade dos activos fai que nos nove primeiros meses do ano o custo do risco caia un 42,1% interanual.
En paralelo á redución dos activos improdutivos, ABANCA mantén unha das taxas de cobertura máis elevadas do sector, cifrada no 56,3%.
Os activos adxudicados, pola súa banda, supoñen o 1% do balance, un dos menores niveis do mercado.
Solvencia e liquidez
ABANCA continúa situada entre as entidades mellor capitalizadas do sector, cun ratio de capital CET1 do 14,1%. A entidade mantén unha folgura de capital sobre os requisitos de 1.755 millóns de euros.
Ademais do seu óptimo nivel de capitalización, a entidade acredita unha folgada posición de liquidez cifrada en 10.322 millóns de euros entre activos líquidos e capacidade de emisión de cédulas. ABANCA xa cumpre amplamente os requisitos de liquidez a longo e curto prazo fixados polo BCE para 2018.
A entidade presenta un cociente de crédito sobre depósitos do 93,2% e unha sa estrutura de financiamento, sen volatilidade nin dependencia de mercados, baseada en depósitos estables de familias e empresas.
Outros fitos do exercicio
ABANCA incorporou o negocio procedente de Popular Servicios Financieros. A financeira, agora denominada ABANCA Servicios Financieros, é a quinta financeira de consumo dependente dun banco do mercado. A actividade da nova compañía permitirá a ABANCA impulsar a súa actividade nos segmentos de financiamento ao consumo, automóbil, préstamos persoais, tarxetas de crédito e seguros.
Doutra banda, nos últimos meses a entidade deu un novo impulso ao papel da súa plataforma móbil como canle de comercialización. Este impulso levouse a cabo en segmentos como o financiamento flexible a través do servizo móbil APPlazame e os préstamos preconcedidos a través de móbil.
A entidade continúa acreditando unha positiva evolución nos indicadores de satisfacción dos seus clientes. Segundo datos do estudo elaborado por MDK Investigación de Mercados, ABANCA consolida a súa condición de entidade financeira líder en fidelidade entre as empresas tanto de Galicia, Asturias e León, como do resto de España e de banca corporativa. ABANCA obtén unha nota superior a 9 sobre 10 en valoración de empresas en canto á súa intención de continuar sendo clientes de ABANCA.