Standard and Poor´s eleva un chanzo o rating emisor de ABANCA e sitúao en BB+
- A mellora veu impulsada polo fortalecemento adicional da posición de capital rexistrado tras a recente emisión de bonos perpetuos
- O rating de S&P sobre a entidade financeira queda a un chanzo do grao de investimento
A axencia de cualificación Standard and Poor´s elevou un chanzo o rating emisor a longo prazo de ABANCA, de BB a BB+, con perspectiva estable. O rating emisor a curto prazo foi afirmado en B.
Standard and Poor´s toma esta decisión tras confirmarse o fortalecemento adicional da posición de capital de ABANCA coa recente emisión de bonos perpetuos (AT1) realizada pola entidade financeira.
Cualificacións en mellora continua
A acción anunciada por Standard and Poor´s súmase a outras, tamén positivas, realizadas polas axencias de cualificación nos últimos exercicios recoñecendo a boa evolución experimentada por ABANCA neste tempo. No que vai de 2018 as catro axencias que cualifican a ABANCA levaron a cabo accións deste tipo.
No caso de S&P, esta é a segunda acción de rating positiva que a axencia leva a cabo no que vai de 2018, xa que en abril elevou o seu rating a longo prazo de BB- a BB (mantendo a perspectiva positiva).
En marzo Fitch Ratings mellorou a perspectiva do rating de ABANCA de estable a positiva (mantendo o rating a longo prazo a un chanzo do grao de investimento). En maio Moody´s Investors Service subiu nun chanzo o rating emisor a longo prazo, que pasou de Ba3 a Ba2, e mellorou a súa perspectiva de estable a positiva. En xullo DBRS Ratings mellorou a perspectiva do rating de ABANCA de estable a positiva.